O Consello da Cultura Galega acolleu a xornada “Mulleres e vulnerabilidade social”, organizada pola Valedora do Pobo e o Consello da Cultura Galega. O encontro puxo de relevo como distintos eixes de desigualdade —xénero, orixe, clase, orientación sexual ou discapacidade— se entrelazan e multiplican barreiras para o exercicio real de dereitos, dando voz a mulleres que os sofren en primeira persoa.
A valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño, e a secretaria do CCG, Elena Vázquez Cendón, abriron a sesión. A alta comisionada salientou que as políticas de igualdade deben priorizar as persoas con maiores obstáculos e incorporar de maneira transversal unha perspectiva interseccional.
Tres mesas, tres miradas complementarias
Na mesa referida ás mulleres migrantes, Zinthia Álvarez Palomino e Gabriela L. Frías Goytia abordaron a precariedade das traballadoras do fogar e dos coidados e os atrancos para homologar titulacións, que frean a continuidade das súas carreiras profesionais e o acceso a empregos cualificados.
Polo que se refire ás mulleres xitanas, Zaida Jiménez Jiménez reivindicou a igualdade real de oportunidades en educación, emprego e participación social, e sinalou o impacto do antixitanismo na vida cotiá, ao tempo que puxo en valor as traxectorias académicas pioneiras de moitas mozas xitanas.
Finalmente, interviñeron tres mulleres con discapacidade que foron ou son bolseiras da Valedora do Pobo:
- Carolina Hervés compartiu unha mensaxe de autonomía e apoderamento: ter discapacidade e ser muller é “un reto” que obriga a demostrar capacidade nun contexto no que persisten prexuízos e experiencias negativas no ámbito educativo. Malia iso, finalizou o Bacharelato, logrou o título de técnica en Educación Infantil e actualmente é bolseira da Valedora do Pobo.
- Rocío Sánchez explicou o xiro vital que implica adquirir unha discapacidade: itinerarios sanitarios longos, trato ás veces pouco respectuoso e falta de apoio psicolóxico. No mercado laboral, denunciou procesos de selección que obrigan a expor a discapacidade sen necesidade. A carga de citas médicas e coidados familiares tamén dificultan compatibilizar a vida persoal coa profesional.
- Laura Ramallo resumiu a súa traxectoria de esforzo e superación e puxo o acento na dobre discriminación por xénero e discapacidade. Sinalou que moitas mulleres non recoñecen situacións de maltrato porque as campañas non están pensadas para elas e porque faltan recursos accesibles para pedir axuda.




