SIMONE DE BEAUVOIR. PIONEIRA.

Ricardo Pedro Ron Latas. Profesor Titular de Dereito do Traballo (Universidade da Coruña). Maxistrado suplente da Sala do Social do TSX de Galicia.

Falar de Simone de Beauvoir é falar da súa obra iniciática, O segundo sexo. Trátase, sen dúbida, dunha obra fundacional, pero tamén dunha profunda reflexión do papel da muller na sociedade occidental tanto pretérita como actual. Para a doutrina científica, foi a confirmación definitiva para encarar a comprensión da subxectividade feminina como un proceso sobredeterminado polos valores culturais imperantes, pero o que é máis importante aínda, constituíu unha verdadeira alegación contra a invisibilidade das mulleres, anticipando o que hoxe en día denominamos como xénero. Pero Simone de Beauvoir é moito máis (que xa é bastante) que todo iso. Naceu como Simone Lucie Ernestine Marie Bertrand de Beauvoir en París (Francia) o 9 de xaneiro de 1908, e faleceu nesa mesma cidade o 14 de abril de 1986. A súa vida persoal adoita asociarse ao filósofo (e gañador do Nobel de literatura; que rexeitou, por certo) Jean Paul Sartre, co que mantivo unha estreita relación (persoal e intelectual) ata o falecemento deste último. Obviamente, as obras de ambos se beneficiaron dese coñecemento mutuo, ben que con certas oscilacións no persoal, tal e como se encargou de lembrar a propia autora no seu libro de 1981, A cerimonia do adeus, moi criticado no seu país no momento da súa publicación. Pero como digo Simone de Beauvoir é iso e moito máis. A súa obra literaria é inxente. Nela podemos atopar de todo: novelas, ensaios, memorias, diarios …; incluso unha obra de teatro (As bocas inútiles). Pero non nos debe estrañar, xa que se era unha traballadora incansable, que non deixou de estar activa ata o momento do seu óbito. Aínda e con todo, reducir a súa actividade intelectual á palabra escrita sería (ademais de inxusto) empobrecer a súa figura, que marcou a futuras xeracións de ensaístas e filósofos. Que Simone de Beauvoir é considerada a día de hoxe una das principais voces do feminismo non sería faltar á verdade. Actualmente, resulta un lugar común na literatura de xénero que a súa obra O segundo sexo abriu a porta á actual consideración dos dous sexos desde unha perspectiva de xénero, máis aló da bioloxía. “Non se nace muller; chégase a selo” afirmaba xa a autora no afastado ano de 1949, asegurando que ser “o ser non existe e non debe confundirse con chegar a ser”. O libro, a pesar de ser acollido con certo desdén e desprezo (tanto pola intelectualidade de dereitas como de esquerdas), foi un éxito de vendas (a primeira semana de publicación vendéronse máis de vinte mil exemplares), e sobre todo un sopro de liberdade de pensamento nunha sociedade como a francesa de mediados do século pasado, onde a hipocrisía na intelectualidade parisiense (formada maioritariamente por homes) era a tónica dominante, ata o punto que o partido comunista francés referíase á obra de Simone de Beauvoir como un despreciable produto dunha burguesía decadente. O máis curioso de todo é que Simone de Beauvoir sempre se atopou moi ligada á poderosa intelectualidade de esquerdas francesa, que xurdiu con inusitada forza tras finalizar a Segunda Guerra Mundial. Ata tal punto que foi unha das fundadoras en 1945 da revista existencialista Lles Temps Modernes, que se mantivo no mercado ata o ano 2018, e que foi dirixida por ela durante máis de corenta anos (de 1945 a 1986). É máis, a súa obra máis emblemática (O segundo sexo) publicouse por primeira vez na súa revista. En fin, non pode negarse o carácter esencialmente existencialista de Simone de Beauvoir, pero tampouco pode deixarse de lado o seu “ser” primordialmente feminista, aínda que ela non recoñecese tal carácter na súa persoa ata anos despois da publicación do segundo sexo. Para ela, o ser muller non era nin máis nin menos que unha maneira de vivir e de loitar de maneira estritamente individual, refugando os roles impostos por unha sociedade esencialmente machista e loitando contra a construción cultural do termo, ata que as mulleres poidan dicir que reconquistaron a súa identidade desde as súas propias conviccións de feminidade

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest