A próxima Lei do Deporte e a loita contra a discriminación da muller.

A próxima Lei do Deporte e a loita contra a discriminación da muller.

Rosa Rodríguez Martín-Retortillo. Profesora Axudante Doutora, Universidade de Vigo

A Carta Internacional da Educación Física, a Actividade Física e o Deporte, adoptada pola Unesco en 2015, establece no seu art. 1.1 que “todo ser humano ten o dereito fundamental de acceder á educación física, a actividade física e o deporte sen discriminación algunha, xa estea esta baseada en criterios étnicos, o sexo, a orientación sexual, o idioma, a relixión, a opinión política ou de calquera outra índole, a orixe nacional ou social, a posición económica ou calquera outro factor”. Este documento, que sucede á Carta Internacional da Educación Física e o Deporte da Unesco do ano 1978, supón un paso máis no recoñecemento da igualdade no deporte, primeiro porque emprega a expresión “todo ser humano”, e despois porque na versión actualizada de 2015 incorpora expresamente a referencia á ausencia de discriminación, do tipo que sexa. Así mesmo, destaca xa desde a súa versión orixinal a consideración do acceso ao deporte como un dereito fundamental. Todo iso pon de manifesto o importante papel que as institucións e todos os colectivos involucrados no ámbito do deporte poden desempeñar para promover e garantir condicións de igualdade efectiva no seu exercicio. Iso resulta esencial para vencer moitos estereotipos que se seguen dando a día de hoxe, vinculados á falta de difusión do deporte feminino, a vestimenta que en ocasións pode ser cualificada como sexista, o insuficiente apoio económico ligado á falta de patrocinadores, etc.

Dada a transcendencia desta materia, a normativa do noso país esixía unha revisión que de maneira clara tivese entre os seus obxectivos prioritarios defender a igualdade no deporte. Neste sentido, e tras máis de trinta anos cunha Lei de Deporte, o pasado 3 de novembro publicouse no Boletín Oficial das Cortes Xerais o Ditame emitido pola Comisión de Cultura e Deporte sobre o Proxecto de Lei do Deporte. Acaba de superar o trámite da Comisión do Senado, e será elevada ao Pleno, e de aí será remitida ao BOE. Como se indica no Preámbulo do Proxecto de Lei, un dos obxectivos que se pretenden alcanzar é a práctica deportiva libre de calquera tipo de discriminación, especialmente no caso de nenas e mulleres, aplicando o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes,  dacordo co artigo 4 da Lei Orgánica 3/2007 do 22 de marzo. Con este fin, o compromiso é global. Por unha banda, as políticas públicas deben orientarse ao redor da prevención, control e erradicación de calquera clase de violencia no deporte, así como a discriminación e a incitación ao odio, entre outros motivos, por razón de sexo. Por outro, ponse de manifesto o papel das federacións deportivas españolas e as ligas profesionais, que deberán contar cun protocolo de prevención e actuación para situacións de discriminación, abusos ou acoso sexual e acoso por razón de sexo ou autoridade.

Proclamada a igualdade, hai aspectos concretos que necesitaban un auténtico respaldo e visibilidade. Un deles é o tema do embarazo, respecto do que o Proxecto de Lei dispón que “o lexislador non podía ignorar o desamparo legal das mulleres deportistas en situación de embarazo ante a perda de axudas e subvencións baixo o pretexto de non competir, ou as dificultades para a conciliación familiar e a reincorporación á actividade deportiva tras a maternidade”. E engade que “se consideran nulas de pleno dereito as cláusulas contractuais tendentes a permitir ou favorecer a rescisión unilateral do contrato por razón de embarazo ou maternidade das mulleres deportistas”.

Interesan, polo seu impacto, os convenios colectivos en materia de deporte feminino, que, aínda que moi escasos, impulsaron a igualdade de oportunidades e de condicións na práctica deportiva desde diferentes disciplinas. Tendo en conta que as condicións no deporte masculino e o feminino distan moito de ser equivalentes, o paso de recoñecer e garantir uns dereitos mínimos é esencial no avance da igualdade. Destaca polo seu carácter pioneiro o Convenio Colectivo para a actividade do Baloncesto Profesional da liga Feminina, publicado no BOE no ano 2008, que foi o primeiro convenio colectivo feminino sectorial. Este texto foi precursor na regulación das condicións de traballo propias das xogadoras e supuxo un importante avance no deporte feminino, aínda que xa non se atope vixente. Outro texto destacable o que foi o primeiro Convenio Colectivo do Fútbol sala Feminino, do ano 2018, asinado polo Burela FS. Este convenio, entre outras cuestións, establecía que “se entenderá prorrogado o contrato (mínimo un ano), aos meses do embarazo e o período de maternidade”. Por outra banda, non foi ata 2020 cando se aprobou o I Convenio Colectivo do Fútbol Feminino, cuxa vixencia finalizou o 30 de xuño deste ano 2022, o que levou á necesidade de alcanzar un novo acordo que desemboque no II Convenio, actualmente en curso de negociación, ao recoñecerse como Liga Profesional a Primeira División Feminina de Fútbol a partir de 2023. Entre os aspectos que se pretenden reforzar co novo convenio, están os relativos á adaptación das instalacións, no sentido de habilitar zonas de lactación, ou outras medidas de conciliación como a posibilidade de viaxar cos bebés nos primeiros meses tras o descanso de maternidade. Todo iso sen esquecer os mencionados protocolos fronte ao acoso sexual, que deben configurar un procedemento garantista que vele pola dignidade da traballadora, tendo en conta que no deporte feminino a muller está máis exposta a situacións de violencia no traballo.

Sen dúbida, a nova Lei do Deporte é unha oportunidade para eliminar barreiras e sesgos neste ámbito, e a súa actualización é unha necesidade, tras contar cunha norma de fai máis de trinta anos, a Lei 10/1990, do 10 de outubro, pensada en clave eminentemente masculina. Aínda quedan moitos estereotipos que vencer, pero o apoio de institucións e medios de comunicación é esencial para a visibilización do deporte feminino nas súas diversas disciplinas.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest