O impacto da dixitalización nos dereitos fundamentais das persoas traballadoras, con especial referencia á conciliación da vida familiar e laboral.

O impacto da dixitalización nos dereitos fundamentais das persoas traballadoras, con especial referencia á conciliación da vida familiar e laboral

Alexandre Pazos Pérez, Profesor Contratado Doutor (Acreditado a Titular) de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo.

As novas tecnoloxías e máis concretamente o impacto da dixitalización nas relacións laborais deron lugar a novas formas de traballo, como pode ser a aparición das plataformas dixitais. O uso da intelixencia artificial e os algoritmos ten moitos aspectos positivos, como o aumento da liberdade, autonomía e flexibilidade para poder conciliar nesta forma de prestar servizos, xa que as persoas traballadoras poden elixir que tarefas realizar e os horarios e os días nos que facelo. Aínda que en moitas ocasións esa liberdade non é real, xa que penalizan ás persoas traballadoras que non se atopan dispoñibles, en consecuencia prodúcese o paradoxo de que, baixo unha aparencia de autonomía e independencia, os traballadores  se sinten máis dependentes. Neste sentido, o traballo en plataformas dixitais xera o caldo de cultivo ideal para a aparición do fenómeno denominado blurring que consiste na supresión do límite de separación ente a vida profesional e a vida persoal, que afecta tanto a traballadores autónomos como a traballadores por conta allea. É necesario ter en conta que en moitas plataformas dixitais a distribución das tarefas realízase mediante un algoritmo que non terá en conta as necesidades específicas de cada traballador para poder conciliar. Por todo iso, é necesario garantir que se cumpre o límite máximo de duración da xornada no contexto das plataformas dixitais. A limitación da xornada atópase directamente relacionada coa saúde, pero tamén co respecto dos dereitos de conciliación da vida familiar e laboral, para a plena consecución do traballo decente.

A dependencia online pode dificultar que se respecten os tempos de descanso ou a conciliación da vida familiar e laboral. Esa confusión entre os límites entre o traballo e o descanso, en definitiva, dificultan a conciliación entre a vida familiar e laboral, co conseguinte efecto nocivo para a saúde e a seguridade. Para evitar estas situacións débense crear mecanismos que garantan que os controis non se van a realizar unha vez que termine a xornada laboral. Como indica o art. 88.2 da L.O. 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos, existe unha interconexión entre o dereito á desconexión dixital e a potenciación do dereito á conciliación da vida familiar e laboral, outorgando á negociación colectiva un papel fundamental no seu desenvolvemento ou, na súa falta, ao acordado entre a empresa e os representantes dos traballadores. Nesta mesma orde de consideracións tamén é especialmente importante nesta materia o RDL 8/2019, do 8 de marzo, de medidas urxentes de protección social e loita contra a precariedade laboral, xa que establece a obrigación empresarial de rexistrar a xornada laboral dos traballadores, independentemente do tipo de contrato e do tamaño da empresa. A finalidade é o control da xornada para garantir o dereito ao descanso e evitar os excesos de xornadas non declarados

Doutra banda, o traballo a distancia e especialmente o teletraballo, caracterizado polo uso das novas tecnoloxías, configurouse como unha ferramenta de conciliación, en clave de corresponsabilidade, co obxectivo de que os homes tamén asuman as tarefas domésticas e de coidado. A Directiva 2019/1158, do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño de 2019, relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e os coidadores, establece fórmulas de traballo flexible ao dispor de coidadores e traballadores con fillos de ata oito anos, acolléndose a fórmulas de traballo a distancia.

Neste novo contexto increméntanse os riscos de sufrir posibles vulneracións de dereitos fundamentais. Por exemplo, actualmente, o empregador dispón de medios de control máis invasivos que poden vulnerar o dereito á intimidade das persoas traballadoras ou as decisións automatizadas dos algoritmos poden encubrir discriminacións. Por iso é necesario realizar reformas lexislativas para crear seguridade xurídica como a Lei 12/2021, do 28 de setembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para garantir os dereitos laborais das persoas dedicadas á repartición no ámbito de plataformas dixitais. Chegados a este punto, hai que ter en conta que actualmente existe unha proposta de Directiva da Unión Europea co fin de mellorar as condicións laborais no traballo en plataformas dixitais e aumentar a transparencia no uso de algoritmos por parte das plataformas, garantindo o control humano e o dereito a impugnar decisións automatizadas. Haberá que estar atentos á aprobación da Directiva e ser consecuentes no momento da debida transposición ao ordenamento interno.

Por último, débese garantir o traballo decente, que é un dos obxectivos da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible. Para iso, é necesario dispor dunha xornada laboral digna, nunca esaxerada ou imposta con exceso de forma directa ou subrepticiamente, e que permita a conciliación do traballo coa vida familiar e persoal, na que xoga un papel fundamental o dereito á desconexión dixital de todos os traballadores, por conta allea e por conta propia. O Parlamento Europeo aprobou unha resolución pola que propón á Comisión a elaboración dunha Directiva que permita a quenes traballan dixitalmente desconectarse fóra do seu horario laboral.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest