Representantes de ASPACE (atención á parálise cerebral) Galicia reúnense coa Valedora do Pobo.

Unha representación da Federación ASPACE GALICIA, así como persoas con parálise cerebral acudiron á sede da institución para reunirse coa valedora do pobo e trasladarlle as súas reclamacións e demandas sobre aqueles aspectos que afectan ao seu día a día.

Tras unha presentación por parte da presidenta, Concepción Somoza, expuxeronse as seguintes demandas:

–              Nacho Fernández, representante da Asociación APAMP, denunciou, en relación ao catálogo de prestacións ortoprotésicas, as dificultades que se atopan as persoas con parálise cerebral, para que se lles prescriba unha cadeira de rodas eléctrica, cando non teñen capacidade para manexala de forma autónoma e a dificultade para acceder a sistemas alternativos e aumentativos de comunicación que dean resposta ás necesidades individuais de cada persoa.

–              Lola Santana, avogada de ASPACE Galicia, denunciou a situación que están a vivir un gran número de familias cuxos fillos e fillas percibían a pensión de invalidez por filla/o a cargo e que xa non poderán aplicarse na súa declaración da Renda os mínimos por descendente e discapacidade, así como a dedución por fillo/a cargo que supoñía unha contía de 1200€ que podían cobrar mensualmente a razón de 100€ ao mes.

–              Fernanda Lanzo, representante de ASPACE Lugo, trasladou a denuncia de que a sistemática que se realiza para calcular a participación de cada persoa no custo da súa praza de servizo residencial, realízase de tal maneira que non garante que a persoa quede co mínimo vital para facer fronte aos gastos non contemplados no prezo da praza.

–              Ascensión Rouco, representante de ASPACE CORUÑA, trasladou a importancia que ten a atención temperá para as persoas con parálise cerebral e reclamou a necesidade de coordinación, intensidade e especialización na atención recibida.

–              Amaya Rodríguez, avogada de ASPACE Galicia, transmitiu a importancia de avanzar nun sistema de compatibilidades de prestacións de atención á situación de dependencia para poder dar resposta á intensidade de apoios que requiren as persoas con parálise cerebral no seu día a día.

–              Sergio González, representante de AMENCER ASPACE centrouse en todas aquelas reivindicacións que ten que ver coa atención sanitaria ás persoas con parálise cerebral: Información accesible para as persoas con parálise cerebral sobre a súa condición de saúde; accesibilidade das probas médicas, coordinación sociosanitaria entre os servizos de atención a persoas con discapacidade e os servizos sanitarios.

–              Por último, Ángeles Lema, orientadora laboral de ASPACE Galicia, informou de todas aquelas reivindicacións que teñen que ver coa accesibilidade ao emprego público das persoas con parálise cerebral.

 

Os representantes da Federación ASPACE Galicia fixeron entrega á valedora do pobo, dun informe no que se recollen todas as reivindicacións e reclamacións do colectivo. Ademais, ambas as entidades emprazáronse a reunirse periodicamente para poder dar seguimento ás xestións que se realicen para avanzar nas demandas do colectivo.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest