Entregados os premios para os traballos de fin de grao e fin de master da III Edición dos premios Valedora do Pobo

Os traballos de fin de grao e fin de master gañadores da III Edición dos premios Valedora do Pobo, por convenio coas tres universidades galegas, foron entregados o luns 22, nun acto público celebrado no auditorio Ernestina Otero do reitorado da Universidade de Vigo.

O acto estivo presidido pola Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, a quen acompañaron o Reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde;  a Conselleira de Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana Somoza; a Vicerreitora de Comunicación e Relacións institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama  e a Delegada de Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Pérez Pereiro.

Os premios consisten nunha dotación económica de 1.000 euros en cada modalidade e a publicación dos traballos premiados na web da Valedora do Pobo, Falamos de Feminismo, onde xa poden ser consultados.

Nos discursos de agradecemento, Ana Souto, autora do Traballo fin de master titulado Conquistando o baleiro: as voces de profesoras e alumnas en ciclos formativos masculinizados, puxo énfase na urxencia do reforzo dunha educación transversal para denunciar a persistencia dos estereotipos que nos condicionan desde moi novas e incidiu na necesidade da formación nunha autoestima e autoconcepto positivos, e na visibilidade das referentes femininas en cada espazo da sociedade. Na súa investigación, feita desde o ensino nos ciclos formativos, procurou testemuñas e historias vitais de profesoras e alumnas de familias profesionais masculinizadas historicamente.

Carmen Castrillo, premio ex aequo de Traballo fin de grao polo titulado A xestación por substitución no Dereito civil español: a aceptación tácita dos efectos dun contrato nulo, lembrou que na súa investigación xurídica se analiza a experiencia política e a innovación lexislativa dos últimos anos respecto aos convenios de xestación por substitución. Afirmou que noutras disciplinas teóricas como a filosofía, a socioloxía ou a política, vénse facendo unha condena firme e contundente deste tipo de xestación. Porén, a disciplina que conta con instrumentos de seu para eliminala, como é o Dereito, queda orfo de argumentos para sustentar que o corpo das mulleres non é, nin debe converterse, noutro instrumento de mercantilismo.

Cinthia Piñeiro, levou o outro premio ex aequo de Traballo fin de grao polo titulado Quen son elas? O deporte galego dende a perspectiva de xénero. Nel, chama a atención sobre as historias de mulleres deportistas invisibilizadas, con vidas dignas de admiración e que deberan ser claras referentes para as novas xeracións. Na súa intervención, incidiu na importancia de contextualizar a orixe desta discriminación e de procurar respostas para as súas interrogantes coa fin de formar parte do cambio que supón dar voz ás mulleres deportistas e, ao propio tempo, aos deportes minoritarios.

Ao acto de entrega dos III Premios Valedora do Pobo, alén de numeroso público, asistiron representantes dos grupos parlamentarios, o Presidente do Consello Consultivo de Galicia, Jose Luis Costa Pillado; a Presidenta do Consello de Relacións Laborais, Antía Sández Callejo;  e a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, así como representantes da comunidade universitaria, da institución da Valedora do Pobo, e das familias das premiadas.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest