Acto celebrado na Institución do Valedor do Pobo.
Rudolf Von Ihering, un dos xuristas máis destacados do Século XIX, e en xeral da Historia do Dereito, lembraba (no seu libro Bromas e beiras na Ciencia xurídica) a desigual situación dos ricos e os pobres no dereito procesual da Antiga Roma, pois a carga da proba corresponde sempre aos plebeos en calquera das súas controversias cos patricios. Para superar esa carga da proba os plebeos debían tomar na súa man bólas de ferro candentes ou meter a súa man nunha vasilla con aceite fervendo. E se o plebeo manifestaba queixa é que estaba a mentir.
Inspirado nesta tradición romana, o noso Código Civil aínda hoxe en día contén unha norma que seguro que a ninguén se lle ocorrería aplicar, pero que aínda segue formalmente vixente, segundo a cal, na relación de servizo doméstico entre o “amo” e o “criado”, “o amo será crido, salvo proba en contrario: sobre o tanto do salario do servente doméstico (e) sobre o pago dos salarios devindicados no ano corrente” (artigo 1584).
Estas regras xurídicas revélannos a existencia dun prexuízo social acerca da moralidade das persoas segundo a súa riqueza que arrinca do mesmo berce da nosa civilización occidental, e que se mantivo historicamente e aínda se mantén, ás veces en formas institucionalizadas.
Na sociedade liberal decimonónica, estaba moi estendida a idea de que a pobreza era un vicio persoal, pois se o ordenamento xurídico recoñecía a liberdade das persoas, non aproveitar as oportunidades de progreso só podía obedecer a un vicio persoal, salvo circunstancias extremas. Por iso é polo que as leis de pobres da época esixisen unha acreditación deprimente e indigna da situación de miseria, dunha pobreza de solemnidade, e en última instancia condicionasen a concesión das axudas a unha decisión discrecional da autoridade pública de beneficencia.
Avanzamos ao longo do século XX. Pero eses prexuízos mantéñense. As axudas económicas aos pobres non se poden concibir sobre o prexuízo da desidia do pobre, nin deben ser discrecionais. Porque a pobreza non é só un problema de carácter económico. É tamén un problema sociocultural pois os prexuízos contra os pobres (aporofobia) están aínda fortemente instalados na nosa sociedade. E sen resolver este prexuízo nada se conseguirá só con medidas económicas.
A feminización da pobreza é tamén unha realidade constatable. Dos ao redor de oito millóns de pobres ou persoas con risco de exclusión social que hai en España, a maioría son mulleres debido á ocupación das mulleres nos sectores máis deprimidos da economía, como o servizo doméstico, ou o traballo agrario, ou o traballo non remunerado no negocio familiar, as peores condicións laborais que se manifestan na brecha salarial e na consecuente brecha nas pensións, ou as situacións extremas de explotación humana (trata de persoas con fins de explotación sexual, servidume doméstica). Situacións ao que se une en moitas ocasións a existencia de fillos ou familiares a cargo exclusivo da muller: as familias monoparentais son maioritariamente de mulleres. E a tendencia á feminización da pobreza é un fenómeno contrastable no resto dos países da Unión Europea, nos do norte e nos do sur.
Fronte a toda esta realidade, debemos ter moi claras algunhas ideas:
— As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e os nenos nin as súas nais ou os seus pais. Tampouco son culpables da súa exclusión as persoas con discapacidade, migrantes, refuxiadas ou da comunidade xitana, nin os mozos tutelados ou os privados de liberdade.
— Ninguén é culpable do seu sufrimento. Non o son as mulleres vítimas de violencia de xénero. Nin calquera persoa pola súa orientación ou identidade sexual. Non hai relixións defensoras do terrorismo ou a violencia.
— Ningunha persoa é inútil, sexa nova, desempregada, xubilada ou sen fogar. Os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir a igualdade de todos os cidadáns, poñendo en marcha as medidas necesarias para reducir a desigualdade social, combater a discriminación e favorecer o respecto, tolerancia e participación activa de todas as persoas.
Estas afirmacións están entresacadas da Declaración institucional do Parlamento de Galicia co motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza (17 de outubro de 2017). E esta Valedora, como alta comisionada do Parlamento de Galicia, referenda esta Declaración. Calquera medida económica para superar a pobreza e a exclusión que non se acompañe do recoñecemento da dignidade de todas as persoas, nin teña en conta a realidade diferenciada na que viven homes e mulleres, non servirá para conseguir a erradicación nin da pobreza nin da exclusión.