No ámbito das reunións que a valedora do pobo mantén con asociacións ou organizacións que defenden dereitos fundamentais, hoxe Dolores Fernandez Galiño acompañada pola asesora técnica Mar Barcón, reuniuse coa asociación ALAS Coruña, cuxo principal obxectivo é a defensa dos dereitos das persoas LGTBI.
Durante a mesma, realizouse un repaso non só ás iniciativas e queixas que esta entidade presentou na institución, senón que tamén se trataron aqueles temas de carácter xeral nos que hai un interese común. Ente outras cuestións analizáronse os parámetros do informe do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, a situación dos delitos de odio, a necesidade de formación para tratar e atender estas situacións e ás súas vítimas, e os esforzos realizados para levar ás aulas a diversidade e así evitar na medida do posible os comportamentos fóbicos tanto na contorna educativa como no conxunto da sociedade.



