A Valedora do Pobo, escenario da presentación do informe “Consecuencias da supresión do subsidio de excarceración e impacto social en Galicia” da Fundación Erguete-Integración.

A Valedora do Pobo acolleu onte a presentación do informe “Consecuencias da supresión do subsidio de excarceración e impacto social en Galicia”. Durante a apertura do acto, agradeceu a asistencia do público e dos medios de comunicación e contextualizou a traxectoria da Fundación Érguete e o seu papel na transformación da mirada social cara ás persoas con adiccións.

Posteriormente interveu Teresa Jiménez Becerril Barrio, Adxunta Primeira do Defensor del Pueblo, quen sinalou que a institución recibe numerosas peticións de xustiza por parte de persoas privadas de liberdade e que realiza visitas periódicas a centros penitenciarios para coñecer de primeira man as problemáticas que afectan a este colectivo. A continuación, Andrés Jiménez Rodríguez, director da Área de Seguridade e Xustiza do Defensor del Pueblo, interveu para abordar as principais problemáticas que chegan a esta institución en relación coa situación das persoas privadas de liberdade. Na súa exposición, fixo referencia ás queixas máis recorrentes formuladas polas persoas internas e polas súas familias.

Rubén Cagiao Avendaño, presidente da Fundación Erguete-Integración, destacou o compromiso da entidade e o seu labor en centros penitenciarios desde 2006, acompañando cada ano a arredor do 14 % das persoas privadas de liberdade. Pola súa banda, Antía Cisneros Galovart, avogada e secretaria da Fundación Érguete-Integración, sinalou que o Ingreso Mínimo Vital non responde á realidade das persoas excarceradas, ao establecer requisitos que dificultan o seu acceso, a diferenza do antigo subsidio, que facilitaba unha reinserción social e laboral efectiva. Por último, María Rodríguez Lago, responsable do Programa Itinere, puxo de relevo a especial vulnerabilidade das persoas excarceradas e a elevada incidencia da violencia de xénero entre as mulleres acompañadas, sinalando a necesidade de recuperar unha axuda específica ou establecer unha prestación transitoria automática ante as dificultades de acceso ao IMV e a falta de ingresos nos primeiros meses tras a excarceración.

O acto concluíu cun coloquio aberto e cunha quenda de preguntas e intervencións por parte do público e dos medios de comunicación.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest