O que estamos facendo é comparable ao que Copérnico fixo rompendo a nosa xeocentricidade (a nosa confortable convicción de que todo o universo xira arredor da terra),
Darwin, rompendo a nosa especiecentricidade (a nosa querida crenza na especie humana como algo único e separado do resto da creación). Nós estamos rompendo a
androcentricidade (a confortable e querida crenza na primacía da masculinidade), e este cambio é igualmente fundamental, perigoso e apaixoante.
– Elisabeth Minnich
1. INTRODUCIÓN
Os movementos sociais dos últimos anos e o aumento de espazos nos que se trata e debate sobre a igualdade, o xénero ou o feminismo fan pensar que estamos ante un cambio de mentalidade da sociedade. O incremento da forza das reivindicacións feministas en diferentes partes do mundo para facer oír as voces que ata o momento eran silenciadas, pero sobre todo, a súa repercusión nos medios de comunicación que por fin lle abren un espazo, fan pensar que os tempos están cambiando. En gran parte este rexurdir do movemento feminista colle impulso co movemento #MeToo no 2017 grazas ao cal mulleres de todo o mundo, únense nunha mesma causa.
En España a repercusión do movemento #MeToo, xúntase co sentimento de impotencia ante o número de casos, denuncias e asasinatos por violencia machista que termina por estoupar coa sentencia do caso “la Manada”, co que o sentimento de inxustiza estala e o tema pasa a ocupar un lugar destacado nos medios de comunicación (Parcerisa, E.). Todo este movemento reivindicativo feminista que en España visibilízase especialmente no #8M de 2018, forma parte do que as espertas chaman “a cuarta ola” do feminismo.
Moitas e moitos, poden pensar que as mulleres temos adquiridos tódolos dereitos e as mesmas condicións de igualdade ca os homes na vida social e laboral. Pero o certo é que a violencia que se exerce sobre as mulleres, está en tódalas esferas da vida, na privada e na pública, e tamén se manifesta no silenciamento, na omisión e na falta de recoñecemento. So fai falta que observemos a representación real das mulleres; nos medios de comunicación, no cine, nos libros, no deporte, na política etc., para decatarnos.
Para coñecer en que medida as mulleres están presentes nos medios, o meu obxectivo con este traballo, é estudar un dos recursos que como docentes nos toca coñecer de primeira man, os libros, ao fin de realizar unha análise e de extraer información medible e cuantificable da posible reprodución desta situación de invisibilidade das mulleres. Elixín como obxecto do estudo, os manuais do módulo de FOL que ofrecen as diferentes editoriais e que supoñen en moitos casos o principal soporte de aprendizaxe e fonte de información para o profesorado e o alumnado. O obxectivo desta medición é cuantificar e avaliar a representación das mulleres respecto a dos homes neste recurso de aula.
Atopámonos ante unha sociedade dualizada, na que a categoría sexo convertese no eixe vertebrado da orde social. A esta categoría dicotómica séguenselle achegando valores en función de un ou outro sexo (Baleyrón Ferrer, 2010). Queremos comprobar en que medida esta realidade se reflicte nos recursos cos que nos toca traballar, observar si esta dicotomía e diferenciación entre os homes e as mulleres, entre o masculino e o feminino se manifesta nos libros de FOL.
A cuestión da muller é unha cuestión de xénero. O xénero feminino e o xénero masculino son construcións socioculturais, historicamente establecidas e derivadas das diferenzas sexuais existentes entre homes e mulleres. Tal como afirma Giussepina Sara Da Ros (2008), a causa principal da opresión da muller é o patriarcado, é dicir, a dominación masculina. Esta estrutura patriarcal é a que está por baixo da orde social e económica, o que nos leva a supoñer que a mellora das condicións nunha esfera, a pública, suporá unha modificación no modo de organización da outra esfera, a privada. (Baleyrón Ferrer, 2010).
“Paréceme que moitos aspectos destas visións tradicionais sobre a inapropiada natureza das mulleres para o discurso en público –unhas visións que, no esencial, remóntanse a fai dous milenios– aínda se ocultan nas nosas ideas sobre a voz feminina en público e a nosa incomodidade con ela”.
Mary Beard (2014)
2. FUNDAMENTACIÓN TEÓRICA
“Esta é unha loita que ten lugar en nacións devastadas pola guerra, pero tamén no dormitorio, no comedor, na aula, no lugar de traballo e nas rúas. E nos periódicos, revistas e televisión, onde as mulleres están dramaticamente sub- representadas. Incluso no campo dos xogos en liña, as mulleres enfróntanse a acosos furiosos e ameazas de asalto simplemente por atreverse a participar. Iso é principalmente violencia simbólica”. (Rebecca Solnit , 2012) Para contextualizar a representación das mulleres na nosa sociedade vexamos datos reais da representación das mulleres en cargos de poder ou relevancia social no noso país antes de elaborar a nosa hipótese.
Vexamos en primeiro lugar que porcentaxe de mulleres, segundo o Instituto da Muller e para la Igualdade de Oportunidades (2019), están presentes nos principais partidos políticos, ordenados de menor a maior representación.
Gráfica 1: Participación en cargos executivos dos principais partidos políticos en España, 2019
Nos dous últimos casos observamos que a proporción de homes e mulleres e a mesma ou practicamente igual. A partir do terceiro caso as proporcións vanse distanciando ate chegar ao primeiro lugar no que atopamos un 53% máis de homes que de mulleres.
Se analizamos os últimos datos recollidos do Sistema Xudicial, segundo o Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades a partir de datos facilitados polo Ministerio de Xustiza e polo Consello Xeral de Poder Xudicial, (2018), observamos que as porcentaxes neste caso cambian.
Táboa 1: Representación española de mulleres no Sistema Xudicial.
Neste caso son as mulleres as que representan a maior proporción de postos na maioría dos casos, pero si nos fixamos ben podemos comprobar que as primeiras categorías son ocupadas por máis homes que mulleres, mentres que elas suman as porcentaxes mais altas nos postos de 3ª categoría. Trátase de segregación vertical.
En canto a participación en diversos órganos Constitucionais, segundo o Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades a partir de datos publicados nas páxinas web dos distintos organismos, (2018), novamente son os homes os que ocupan a maior porcentaxe de postos. Tan só supera o 40% de mulleres, o Tribunal de Contas.
Táboa 2: Representación española de mulleres en órganos Constitucionais.
Analicemos agora os datos relativos as/os Embaixadoras/es acreditadas/os ante gobernos de estados estranxeiros segundo o Instituto da muller e para a Igualdade de Oportunidades a partir de datos obtidos da páxina web do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, (2018).
Táboa 3: Embaixadoras/es acreditadas/os ante gobernos de estados estranxeiros
Volvemos a observar un gran desequilibrio entre a cantidade de representantes homes e mulleres, habendo no 2018 un total de 115 embaixadores/as dos/as cales mulleres tan só 21. Podemos apreciar certa tendencia ao aumento de presenza de mulleres co paso dos anos.
Segundo os datos recollidos polo Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades, (2019), podemos valorar o recoñecemento social a través dos premios nacionais de investigación, a través dos cales observamos que non hai nin unha soa muller premiada nos últimos 19 anos. Estes son os premios nacionais entregados cada dous anos nos cales non hai presenza de mulleres:
- Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra “Premio Blas Cabrera”
- Ciencia e Tecnoloxía Químicas “Premio Enrique Moles”
- Ciencias e Tecnoloxías dos Recursos Naturais “Premio Alejandro Malaspina”
- Matemáticas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións “Premio Julio Rey Pastor”
- Transferencia de Tecnoloxía “Premio Juan de la Cierva”
- Medicina “Premio Gregorio Marañón”
- Bioloxía “Premio Santiago Ramón y Cajal”
- Enxeñerías “Premio Leonardo Torres Quevedo”
- Dereito e ciencias económicas e sociais “Premio Pascual Madoz”
- Humanidades “Premio Ramón Menéndez Pidal”
Podemos apreciar tamén o feito de que dos 11 premios nacionais de investigación, ningún leva nome de muller, omitindo a existencia das científicas. Estes datos mostran que a segregación horizontal e vertical segue a manifestarse en tódolos ámbitos da vida cobrando especial relevancia nos cargos de poder. Dito isto resulta interesante consultar a normativa existente para comprobar que medidas se están tomando para combater esta desigualdade de oportunidades e de recoñecemento social. Facendo un repaso pola normativa e a axenda social estatal, podemos pensar que existe unha intención de cambio cara a igualdade efectiva nas propostas que se impulsan.
A Constitución Española 1978 supuxo a afirmación legal da igualdade entre as mulleres e os homes e a non discriminación por razóns de raza, sexo ou relixión (art. 14) e o seu recoñecemento como principios inspiradores do ordenamento xurídico do estado. Sen embargo, a práctica evidenciou que, para que as mulleres estemos en igualdade de oportunidades, non foi suficiente.
No 2007 apróbase a primeira lei estatal de igualdade, a Ley Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para la igualdad efectiva de mujeres y hombres que supón un punto de inflexión nas políticas de igualdade en España e un punto de partida cara a efectividade de un principio que, como recoñece a propia Lei Orgánica, aínda é unha tarefa pendente. O texto insiste na necesidade dunha acción normativa para combater tódalas manifestacións de discriminación por razón de sexo que se dan na maioría dos ámbitos da nosa realidade social, política, económica e cultural. A principal novidade da lei radica na previsión de políticas para facer efectivo o principio de Igualdade establecendo canles de actuación.
Na Agenda 2030 (2017), na que 193 países comprometéronse a cumprir os 17 obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas, tamén esta presente o interese pola igualdade efectiva entre mulleres e homes e supón un dos obxectivos da Axenda. O obxectivo 5: Igualdade de xénero, cita “La desigualdad entre mujeres y hombres persiste en todos los ámbitos de la vida”.
Por todo o citado e baseándome na miña titulación de Educación social decidimos centrar a investigación nos aspectos que como educadoras/es deberamos considerar. Aínda que nos ciclos de FP diriximos o noso traballo as veces, a persoas adultas, continúamos a contribuír a construción persoal das nosas alumnas e alumnos e futuras persoas traballadoras. Ademais tamén nos
diriximos a un importante número de adolescentes que aínda están descubrindo quen son e quen serán como individuos e como sociedade.
A Ley Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para la igualdad efectiva de mujeres y hombres contempla no artigo 24 que as Administracións educativas desenvolverán: a) a atención especial nos currículos e en tódalas etapas educativas ao principio de igualdade entre mulleres e homes e b) a eliminación e rexeitamento dos comportamentos e contidos sexistas e estereotipos que supoñan discriminación entre mulleres e homes, con especial consideración nos libros de texto e materiais educativos. Esta indicación fainos cuestionar se de verdade se poñen en práctica estas medidas e de que xeito. Por este motivo decidimos estudar como se pon en valor a importancia de educar na igualdade de xénero pondo atención aos sesgos androcéntricos que puideran estar presentes nos recursos de aula.
Tendo en conta a consideración dos libros como iniciador da investigación, ferramenta pedagóxica, soporte de verdades e medio de comunicación (Choppin, 2001), faise interesante, como docentes moi importante, analizar nos seus contidos, aspectos como a invisibilización da muller e a perspectiva androcentrista nos textos e nas imaxes e a construción do significado destes.
Para este estudo, foi fundamental ter en consideración os criterios de redacción en relación ao xénero que establece a RAE na súa normativa. A RAE (2020) estable que o xénero non marcado é o masculino, e facendo referencia a desdobramentos como “os nenos e as nenas” expón Este tipo de desdoblamientos son artificiosos e innecesarios desde el punto de vista lingüístico. En los sustantivos que designan seres animados existe la posibilidad del uso genérico del masculino para designar la clase (…).
“Hai un tipo de acoso hoxe en día que basease en silenciarte, precisamente”. Mary Beard (2017).
3. MÉTODOLOXÍA
A metodoloxía de investigación empregada para este estudo foi a revisión e análise dos contidos da mostra de libros seleccionada, que mais adiante presentamos nos apartados 3.4. e 3.5., dende unha perspectiva de xénero.
Esta información presentaranse a través dunha rúbrica onde se verteron os datos cuantificados e se clasificaron segundo o baremo no que se encadran dentro dos diferentes criterios.
3.1. Obxectivos e Hipótese.
O obxectivo xeral desta investigación é analizar os manuais do módulo de FOL, un dos principais soportes de aprendizaxe e fonte de información para o profesorado e o alumnado. A finalidade desta análise é a de extraer información medible e cuantificable da posible reprodución de sesgos androcéntricos que puideran invisibilizar o papel da muller, para logo avalialos.
O obxectivo específico da investigación é atopar o libro de FOL que cumpra cos mínimos esixidos nos criterios marcados, e que polo tanto represente as mulleres na maior medida.
Hipótese: As mulleres seguen a ser invisibilizadas e excluídas dos medios. A representación das mulleres nos libros de texto é inferior que a dos homes tanto nos contidos escritos como nas imaxes que se presentan.
3.2. Selección das áreas de estudo.
A análise dos manuais de estudo non se levou a cabo na totalidade dos contidos, senón que centrámonos en contidos de apartados destacados a fin de poder afondar nos aspectos mais relevantes e obter datos medibles. As partes dos manuais que se someteron a análise foron: a portada, o índice, as imaxes e os casos prácticos.
Estes apartados foron elixidos por ser os principais recursos de comunicación dos manuais e polo tanto onde se conten todo o significado.
Por unha banda as imaxes son o medio mais rápido de recepción da información, somos seres primeiramente visuais, programados biolóxicamente para percibir o mundo deste xeito. As primeiras comunicacións escritas do ser humano baseáronse en imaxes e a día de hoxe a maioría da información que recibe o noso cerebro é visual. Non é de estrañar que as imaxes supoñan actualmente un dos principais recursos de comunicación e por tanto un medio imprescindible a analizar neste estudo. As imaxes poden invisibilizar, cosificar e subordinar as mulleres ou transmitir unha realidade deformada.
Por outra parte a linguaxe, a vez que supón un dos principais mecanismos de socialización, reflicte o sistema de pensamento dunha sociedade. A través de ela transmítense as crenzas, os sentimentos e as actuacións colectivas. Como expresa Calero (1999, pp. 6-11) as linguas poden levarnos a conformar a nosa percepción do mundo e incluso a que a nosa actuación se oriente dunha determinada maneira. A linguaxe sexista, exclúe, invisibiliza e subordina as mulleres a través da omisión. O predominio dos homes na nosa sociedade é o predominio dunha visión masculina e reflíctese tamén no predominio na linguaxe, de aquí o uso do masculino como xenérico. Polo que tamén supón un recurso de análise fundamental.
Para o estudos destes apartados deseñouse unha rubrica na que establecemos tres criterios principais de análise de diferentes áreas. Os criterios que se estableceron foron: o grado de representación de mulleres na linguaxe empregada, o grado de representación de mulleres nas imaxes e a porcentaxe de exemplos de mulleres que se dan nos casos prácticos dos libros. Da linguaxe, tomando o índice como mostra, nas imaxes, tanto na portada coma nas fotografías interiores, e nos casos prácticos, a través dos exemplos que se expoñen, analizouse e cuantificouse a presenza e a visibilización das mulleres respecto a dos homes.
Para desenvolver esta investigación buscáronse 10 editoriais diferentes para recompilar unha mostra total de trece libros ao fin de obter unha representación significativa, que aporte cómo resultado, unha visión realista dos contidos.
3.3. Procura e selección de información.
O acceso aos manuais para a revisión bibliográfica levouse acabo a través de diferentes vías, grazas as cales conseguíronse doce libros en formato papel e un en formato PDF. Os medios mediante os cales accedín aos libros foron:
- Contacto coas mesmas
- Buscadores de
- Departamento de fol do IES de
- Contacto con docentes do mestrado de profesorado da
3.4. Resultados da procura.
Tras a procura de manuais para levar a cabo a investigación finalmente conseguimos os seguintes libros para tomar a mostra de estudo:
- Rodeira (2005)
- EDITEX (2006)
- Santillana (2008)
- EDITEX (2009)
- PALOMERO-DELGADO (2009)
- MACMILLAN (2009)
- McGrawHill (2012)
- XERAIS (2012)
- Algaida (2013)
- Ministerio del Interior. Secretaría General Técnica (2013)
- Santillana (2013)
- MACMILLAN (2013)
- TuLibrodeFP (2017)
3.4.1 Criterios de selección e exclusión
O criterio que se empregou para a selección dos libros que formarían parte da mostra, foi considerar aqueles publicados posteriormente a Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación e a Ley Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para la igualdad efectiva de mujeres y hombres pola súa relevancia. Polo cal, do total de 13 manuais conseguidos para a análise, dous de eles foron excluídos: o da Editorial Rodeira (2005) e o da Editorial EDITEX (2006), por ser anteriores as leis contempladas. Dun total de 10 editoriais e de 13 libros, tomáronse como mostra e sometéronse a análise 11 manuais de nove editoriais.
3.4.2 Exclusión
Publicacións anteriores ao 2006, por ser previos a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación Publicacións anteriores ao 2007, por ser previos a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
3.4.3 Inclusión
Conter unha portada na que as mulleres se vexan representadas, que sexa impersoal ou con igual repre sentación de mulleres ca de homes Conter un número de imaxes nas páxinas interiores, na que se representen a mulleres e homes nunha porcentaxe equilibrada, cunha representación de mulleres como mínimo do 40% Conter unha linguaxe o menos androcéntrica posible no seu índice, que conte con menos de 5 referencias ao masculino como xenérico Empregar exemplos equitativos de homes e mulleres nos casos prácticos cunha representación de mu–
lleres, de como mínimo o 40%.
Aclaracións acerca da análise dos apartados incluídos na rúbrica:
– Imaxes interiores: non se contabilizan as fotos nas que non aparecen persoas ou non se identifica con claridade o sexo representado
– Linguaxe: valóranse máis positivamente os casos nos que se emprega na menor medida o masculino como xenérico xa que é a norma da RAE
– Casos prácticos: Analízanse e contabilízanse aqueles apartados que se especifican no enunciado como “casos prácticos”, ou no seu defecto, “supuesto resuelto, situación”, actividade práctica
resolta ou “ejemplos”, que seguen o mesmo formato no cal se presentan exemplos de persoas.
3.5 Rúbrica
A seguir presentamos a rúbrica de análise na que se estableceron os criterios mencionados e coa que traballaremos coa información analizada.
Cadro 1: Modelo de rúbrica para a análise dos manuais
“As mulleres que reclaman unha voz pública son tratadas como andróxinas excéntricas, do mesmo xeito que Maesia, que se defendía a si mesma no foro”. Mary Beard (2017)
4. RESULTADOS
Mary Beard (2017)
A continuación presentamos os resultados obtidos da análise dos apartados seleccionados dos manuais para o seu estudo. A información preséntase en primeiro lugar en forma de rúbrica onde se verteu toda a información estudada e cuantificada, para despois ser analizada a través das gráficas realizadas.
4.1. Datos obtidos da revisión.
Cada rúbrica foi cumprimentada para cada un dos libros. Presentámolas ordenadas por ano de publicación, sendo a primeira, a publicación máis antiga.
Cadro 2: Análise do libro de FOL da editorial Santillana 2008
Cadro 3: Análise do libro de FOL da editorial Editex 2009
Cadro 4: Análise do libro de FOL da editorial Palomero-Delgado 2009
Cadro 5: Análise do libro de FOL da editorial MACMILLAN 2009
Cadro 6: Análise do libro de FOL da editorial McGrawHill 2012
Cadro 7: Análise do libro de FOL da editorial Xerais 2012
Cadro 8: Análise do libro de FOL da editorial Algaida 2013
Cadro 9: Análise do libro de FOL da editorial MACMILLAN 2013
Cadro 10: Análise do libro de FOL do Ministerio de Interior do 2013
Cadro 11: Análise do libro de FOL da editorial Santillana do 2013
Cadro 12: Análise do libro de FOL da editorial TuLibrodeFP do 2017
4.2 Análise dos datos
Vistos os datos nas rúbricas, fagamos unha análise deles a través das gráficas. Comezamos analizando os cambios que se produciron en publicacións de diferentes anos da mesma editorial. Faremos a comparativa coas editoriais Santillana e MacMillan, das que estudamos dúas edicións de cada unha delas.
Gráfica 2: Resultados obtidos da análise do libro Santillana 2008
Gráfica 3: Resultados obtidos da análise do libro Santillana 2013
No caso de Santillana comparamos os contidos da publicación do ano 2008 cos da edición de 2013, podendo apreciar cambios entre as dúas edicións. Por unha banda, observamos que a portada pasa de ser protagonista un home a selo unha muller. Ademais, tamén apreciamos que incrementou a porcentaxe de mulleres que se mencionan nos casos prácticos, aínda que non chegan a supor a metade, 40,7%. Non obstante, a porcentaxe de representación de mulleres nas fotografías, diminúe na edición do 2013 (21,9%), respecto a do 2008 (10%).
Comparamos agora as dúas publicacións de MacMillan. Neste caso vemos unha evolución cara o equilibrio na representación de homes e de mulleres. Nas fotos interiores da segunda edición incrementouse a presenza de mulleres un 7%, do 30% ao 37%, e nos casos prácticos un 3,4%, o 50%, no 2013.
Gráfica 4: Resultados obtidos da análise do libro MacMillan 2009
Gráfica 5: Resultados obtidos da análise do libro MacMillan 2013
Pasamos agora a comparar os resultados dos datos estudados por apartados. Comezamos cunha gráfica que representa os formatos das portadas. Presentamos catro categorías correspondentes aos formatos que atopamos.
Gráfica 6: Comparativa das portadas con resultados obtidos da mostra completa das editoriais
Neste caso observase bastante equilibrio na representación de mulleres e homes, contando cun libro que presenta a unha muller, dous que presentan a homes, dous no que están ambos sexos, e o resto, a maioría, impersoais.
Comparamos agora a representación de homes e de mulleres nas imaxes interiores, ademais da súa tendencia. Os resultados preséntanse ordenados por ano de edición de esquerda a dereita, da mais vella a mais nova.
Gráfica 7: Representación de mulleres e homes nas imaxes interiores dos manuais
Observamos que a presenza de mulleres respecto a de homes en xeral é moi inferior, tan so se alcanza o 50% nas editoriais Editex e TuLibrodeFP. Os casos máis desproporcionados, atopámolos nas publicacións do Ministerio de Interior e de Santillana, ambas de 2013 e cun 10% de representación de mulleres. A liña vermella non indica unha tendencia clara na evolución dos contidos.
Facemos a continuación unha comparativa da representación das mulleres e dos homes nos casos prácticos.
Gráfica 8: Representación de mulleres e homes nos casos prácticos dos manuais
Na representación de mulleres mencionadas nos casos prácticos, volvemos a atopar tan só dous manuais cunha representación moi igualada de ambos sexos, a publicación de Xerais 2012 (53,6% de mulleres) e a de MacMillan 2013 (50%). Os resultados mais desiguais atopámolos nas editoriais PalomeroDelgado (2009) e McGrawHill (2012) cun 15,4% e un 16%, respectivamente.
Finalmente presentamos o gráfico do libro que superou tódolos criterios establecidos na rúbrica, e que o converten no único libro inclusivo da mostra.
Gráfica 9: Representación dos datos obtidos do libro seleccionado. Editorial TuLibrodeFP
A editorial TuLibrodeFP de 2017 resultou ser o manual mais equilibrado en canto a representación de ambos sexos, superando tódolos criterios establecidos. No caso da súa portada non hai representación de homes nin de mulleres. Nas imaxes do interior dáse a mesma proporción na representación de ambos sexos. Nos exemplos dos casos prácticos, non obstante, aprécianse diferenzas en canto a maior representación de homes fronte a de mulleres que figuran, concretamente un 58% fronte ao 42%, respectivamente; proporción que entra no baremo que se estableceu de non discriminatorio. É interesante sinalar que se trata da edición máis nova de todo os manuais analizados.
“Non esquezades xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa, para que os dereitos das mulleres volvan a ser cuestionados. Estes dereitos nunca se dan por adquiridos, deberedes permanecer vixilantes toda a vosa vida”. Simone de Beauboir.
5. Conclusións
Analizada toda a información extraída, validamos como certa a hipótese proposta: as cifras confirman que a representación das mulleres nos libros de FOL é inferior que a dos homes, tanto nos contidos escritos, como nas imaxes.
5.1 Avaliación da calidade da metodoloxía de investigación
Existen varios aspectos que poderían ter mellorado a calidade dos resultados en canto a que ampliaría os contidos, e polo tanto a comparativa.
En primeiro lugar, finalizado o estudo pensamos que poder dispor dunha mostra maior para a análise, daría máis peso ós resultados e permitiría dar mais veracidade á análise da evolución ao longo dos anos.
Isto implicaría máis tempo e recursos, tanto para procura de manuais, como para o seu estudo. Por outra banda, hai aspectos relevantes nos libros que non puideron ser cuantificados polas súas características, polo que tampouco se manifestan nas cifras. Algún destes aspectos son os roles de xénero ou a segregación horizontal e vertical que se manifestan nos contidos e que, pola súa singularidade e pluralidade, non se puideron traducir en cifras.
5.2 Resultados obtidos
O principal obxectivo que buscabamos acadar a través da investigación, era o de atopar manuais de FOL cunha representación equitativa de mulleres e de homes nos seus contidos. Para esta procura elaborouse unha rúbrica con tres criterios fundamentais de análise, para o estudo de cada un dos manuais.
Dos 11 libros analizados, tan só un superou os criterios establecidos, o manual TuLibrodeFP do ano 2017. Este libro conta cunha portada impersoal e ten a mesma proporción de imaxes de mulleres que de homes. Nos casos prácticos podemos apreciar, non obstante, que conta con maior representación de homes (58%) que de mulleres (42%). Podemos concluír que, a pesar de ser o libro menos discriminatorio e o único que superou todos os criterios establecidos, segue a ter unha representación principalmente masculina.
Queremos facer mención a aspectos que non se puideron cuantificar pero dos que tamén se tomaron notas. No caso das imaxes estudadas en tódolos manuais, é interesante sinalar que na gran maioría delas nas que saen homes e mulleres, os homes están ao mando, dirixen a acción ou son o foco de atención. Ademais, estes aparecen nun abanico moito máis amplo de profesións que as mulleres. Entre as profesións máis comúns nas que se presentan están: electricistas, albaneis, empresarios, pescadores, bombeiros, mecánicos, cociñeiros, panadeiros, agricultores, soldadores, carpinteiros, médicos, mineiros, carretilleiros, persoal de emerxencias e obreiros. Os homes case non se representan en profesións socialmente feminizadas.
As mulleres aparecen como protagonistas especialmente nos casos: nos que se fala directamente delas, referencias ao embarazo ou a maternidade, casos asistenciais, con maiores ou con nenos, ou en postos de traballo como fábricas de produción de alimentos ou material téxtil, en funcións de telefonista, cun ordenador ou ao telefono, ou como auxiliar administrativa nunha impresora, situación que curiosamente se dá en moitas ocasións. Estas tres últimas conforman as principais profesións nas que se representan a mulleres. Aínda así, tamén se representan en menor medida en postos coma os de cociñeiras, caixeiras, persoal de laboratorio ou persoal sanitario. En ocasións aparecen mulleres en oficios masculinizados como albanelería ou mecánica, pero son as excepcións. Aprécianse estereotipos de xénero na maioría destes casos.
En canto a linguaxe, todos os textos dos apartados dos manuais revisados empregan o masculino coma xenérico para calquera referencia (traballador/es, empresario/os, fillo/os, delegado/os etc.). Tan só atopamos un caso excepcional no que se menciona “traballador ou traballadora”, para referirse a persoas traballadoras no libro de Algaida 2013 (p. 231, Unidade 8, Suposto resolto 3).
5.3 Proposta de liñas de continuidade da investigación
Tras facer unha crítica a investigación e aos resultados obtidos, apreciamos que quedan posibles liñas abertas de investigación. Este traballo dá a coñecer as porcentaxes de mulleres e de homes presentes nos contidos analizados do libro e, polo tanto, a súa representación. Pero hai outros aspectos que complementarían e ampliarían este estudo, como poderían ser:
– Cuantificar o número de profesións nas que se presenta a mulleres e a homes nos contidos, e analizar se esas son profesión esterotipadas. Sería interesante tamén analizar a porcentaxe de representación, en cargos directivos ou de poder de unhas e de outros.
– Facer unha comparativa dos libros elaborados unicamente por homes, por mulleres e por homes e unicamente por mulleres, se os hai. Analizar que porcentaxe de cada un existe e se hai
correlación entre isto e a perspectiva de xénero dos contidos do libro.
– Estudar a mención de autoras/es, científicas/os, investigadoras/es, psicólogas/os, etc., que se mencionan nos textos e que son parte da aprendizaxe do alumnado. Coñecer que porcentaxe de mulleres importantes na historia ou na actualidade, se dan a coñecer pola súa relevancia política, cultural, intelectual ou social.
Tras todo este percorrido, queremos concluír coas palabras de George Steiner que polo seu significado podería ser un bo peche para este traballo: “O que non se nomea, non existe”. A linguaxe e o pensamento, constrúen a realidade. Cando omitimos algo, negamos a súa existencia. Estar presentes, ser visibles e ser nomeadas en todos os ámbitos da vida, social, cultural, político, histórico…, é decisivo a hora de construír unha sociedade xusta e igualitaria.
“Temos que pensar no poder de xeito distinto. No imaxinario colectivo parece que este poder, tal e como o concibimos agora, é so dos homes. As mulleres como xénero, exclúesenos deste discurso, non podemos metelas dentro desa estrutura de poder. Significa pensar e repensar sobre a idea de poder. Hai que pensar no poder como forma de colaboración. Hai que pensar no poder dos nosos seguidores e non so do poder dos líderes. Falamos do poder como a capacidade de marcar a diferenza. Ese poder que moitas mulleres pensan que non teñen”. Mary Beard (2017).
5.4 Referencias bibliográficas
Alonso Blanco. A.J., Fernandez Riveiro, M.A., Mariño Leiro, R.M., , Mariño Prieto, I.X., Ríos Paredes, X.L. (2012). Formación e orientación laboral. Vigo: Xerais.
Álvarez Martínez, J.C., Herráez Vidal, P., Prieto García, M.A. (2013).
Formación y orientación laboral. Madrid: MACMILLAN Profesional.
Baleyrón Ferrer, C. (2010). Estudio comparado. La representación de la mujer en la economía social: reto o realidad. Fondo Social Europeo. Consejería de economía, Innovación, Ciencia y Empleo. Junta de Andalucía.
Beard, M. (2014). La voz pública de las mujeres. London Review of Books. Londres, Inglaterra.
Beard, M. (2017). Encuentro con Mary Beard. Universidad Carlos III de Madrid. Espacio Fundación Telefónica. Madrid.
Burgos Becerra, F., Fernández González, J.A., Lobato Gómez, F.J. (2005). Formación e orientación laboral. A Coruña: Rodeira.
Blanco Cabana, G., González Amillo, J., López Valín A.I. (2009). Formación y orientación laboral. Logroño, España: PELOMERO-DELGADO.
Caldas Blanco, M.E., Castellanos Navarro, A., Hidalgo Ortega, M.L., López Solera, R. (2009). Formación y orientación laboral. Madrid: EDITEX.
Calero, Mª. L. (1999). Del silencio al lenguaje (Perspectiva desde la otra orilla). En Femenino y en masculino. Cuaderno de educación no sexista nº.8, Ministerio de Asuntos Sociales, Instituto de la Mujer. Madrid.
Choppin, A. (2001). Pasado y presente de los manuales escolares (traducido por Miriam Soto Lucas).
Revista Educación y Pedagogía. 13 (29-30) pp. 209 – 229.
Constitución Española de 1978. Boletín Oficial del Estado. Madrid, 29 de decembro de 1978, núm. 311.1, pp. 29313 – 29424.
Da Ros, G.S. (2008). Las mujeres en las teorías económicas, en el pensamiento feminista y en la economía solidaria. CORDANEC, Corporación de Análisis Económico, Vol. 6. Ecuador.
Estados membro das Nacións Unidas (2017). Agenda 2030. Ministerio de Derechos Sociales. Gobierno de España. Recuperado de http://www.agenda2030.gob.es/es/objetivos/objetivo-5-igualdad-degenero/ García González, B.J., Tena Cornelles, D., De Fez Solaz, M.C. (2017).
Formación y orientación laboral. Valencia: TuLibrodeFP.
García Leal, C., Gago García, M.L., López Barra, S., Ruiz Otero, E. (2012).
Formación y orientación laboral. Madrid: Mc Graw Hill.
Hernando Rojo, C., Rodríguez Jiménez, E., Santos Durán, J.L., Silva González, M.M. (2008). Formación y
orientación laboral. Madrid: Santillana.
Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades. (2019). Mujeres y hombres en España. Poder
y toma de decisiones. Poder Judicial, Órganos constitucionales y Organizaciones Internacionales. Ins–
tituto Nacional de Estadística. Recuperado de http://www.ine.es/
Instituto de la mujer y para la Igualdad de Oportunidades. (2019). Mujeres en Cifras. Reconocimiento
Social. Premios nacionales de investigación.
Recuperado de http://www.inmujer.gob.es/MujerCifras/Reconocimiento Social/ReconocimientoSocial.htm/
Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación. Boletín Oficial del Estado. Madrid, de 4 de maio de 2006, núm. 106, pp. 17158 – 17207.
Ley Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para la igualdad efectiva de mujeres y hombres. Boletín Oficial del Estado. Madrid, 23 de marzo de 2007, núm. 71, pp. 12611 – 12645.
Martínez Gallardo, E. (2006). Formación y orientación laboral. Madrid: EDITEX
Martínez Goikolea, E., Hernández Montes, M.A. (2009). Formación e orientación laboral. Madrid: MACMILLAN Profesional.
Osuna Corredera, G., Iglesias Sempere, S., López Vicaíno, M.C. (2013). Formación y orientación laboral.
Sevilla: Algaida.
Parcerisa, E. (2019). Claves para entender la cuarta ola del feminismo. Revista La Factoría. Recuperado
de http://https://revstalafactoria.org/articulos/
Penalonga, A., Sáenz, C., Nieto, A. Penalonga, A. (2013). Formación y orientación laboral. Madrid: Santillana.
Real Academia Española. (2020). Los ciudadanos y las ciudadanas, los niños y las niñas. Recuperado de http://www.rae.es/consultas/los-ciudadanos-ylas-ciudadanas-los-ninos-y-las-ninas/
Yurén, T., Ibarra Uribe, L. M., Escalante Ferrer, A. E. (2016). Investigación en educación y valores: Ética, ciudadanía y derechos humanos. Universidad Autónoma del Estado de Morelos. Reduval. México.
ANEXO I
Imaxe interior do libro de FOL do Ministerio de Interior (2013).
Exemplo ilustrativo da representación dos roles dun home e dunha muller