Encontro coas gañadoras dos Premios Valdora do Pobo.

Logo da publicación no DOG da comunicación oficial do resultado da terceira edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos de fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres, as tres gañadores realizaron unha visita á institución o pasado xoves.

 

A Valedora, Dolores Fernández Galiño, mantivo con elas unha xuntanza na que participaron tamén María Xosé Porteiro, Adxunta, María Castro, asesora de igualdade, e María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia.

 

As gañadoras ex-aequo da categoría para traballos de fin de grao, Camen Castrillo, autora de «A xestación por substitución no Dereito civil español: a aceptación tácita dos efectos dun contrato nulo», e Cinthia Piñeiro, autora de «Quen son elas? O deporte galego dende a perspectiva de xénero», máis Ana Souto, gañadora da categoría para traballos de fin de  máster, autora de “Conquistando o baleiro: as voces de profesoras e alumnas en ciclos formativos masculinizados», compartiron as súas inquedanzas e coincidiron na importancia e motivación que lles supuxo orientar a súa investigación á problemática das mulleres na nosa sociedade.

 

No intercambio de opinións producido as gañadoras contaron os motivos polos que elixiron cadanseu tema, as dificultades que atoparon e as aprendizaxes -máis alá do académico- que lles supuxo adentrarse neles. Dolores Fernández Galiño felicitounas e animounas a seguir adiante no empeño en contribuir a superar as desigualdades e construir unha sociedade máis xusta.

 

As tres investigacións serán publicadas na web da Valedora do Pobo, no espazo Falamos de Feminismo, cumprindo o estipulado nas bases da convocatoria.

 

A entrega dos premios faráse en colaboración coa Universidade de Vigo, no decurso dun acto público.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest