A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, ven de convocar os premios aos mellores traballos fin de grao e fin de máster en materia de igualdade e dereitos das mulleres, en colaboracións coas tres universidades galegas.
Os premios teñen unha dotación de 1.000 euros e os premiados recibirán tamén un diploma acreditativo. Poderán presentarse a esta primeira edición dos premios os traballos académicos lidos, defendidos e/ou xulgados, segundo proceda, ante un tribunal de calquera universidade galega durante os cursos académicos 2016-2020.
As bases da convocatoria publicaranse no Diario Oficial de Galicia. A partir da data da publicación oficial da convocatoria poderán presentarse os traballos aspirantes aos premios. O prazo de presentación remata o 15 de outubro de 2020.