Hoxe tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela o acto de entrega dos Premios Valedora do Pobo, que estivo marcado pola lembranza da traxedia que unhas horas antes acontecía en Ribeira, onde unha muller era asasinada pola súa ex-parella, sendo a primeira vítima de violencia de xénero deste ano en Galicia.
No acto interviñeron, ademais da Valedora do Pobo Dolores Fernández Galiño, os reitores das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, Antonio López Diaz e Ricardo Cao Abad, respectivamente, a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo que representou ao reitor, Águeda Gómez Suárez, e a conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivó López. Todos eles felicitaron ás premiadas , alén de manifestar a súa repulsa polo crime.
A gañadora do premio ao mellor traballo Fin de Grao, Coral Carballedo Roca, polo traballo titulado “Violencia de Xénero. Impacto das ordes de protección e do proceso xudicial no benestar psicolóxico das vítimas” puxo en valor na súa intervención o labor da psicoloxía xurídica. As peritaxes psicolóxicas, a intervención psicolóxica no ámbito penal, a mediación ou a mellora da situación das vítimas que interactúan co sistema legal e xudicial son algunhas das áreas de interés. Xustifica a investigación do seu traballo nesa constante procura polo benestar das vítimas, en especial as que sofren violencia de xénero. A súa investigación corrobora como determinadas variables como o apoio social mitigan a tensión postraumática que en moitos casos acompáñaas. As normas xurídicas, os procedementos xurídicos e funcións dos actores xurídicos poden repercutir no benestar psicolóxico das persoas afectadas. O traballo analiza o impacto da participación no proceso e as ordes de protección no benestar psicolóxico da vítima.
Pola súa banda, Teresa Búa Zache, gañadora do premio ao Traballo Fin de Máster polo traballo “Lexislar e Xulgar desde a perspectiva de xénero: especial referencia ao ámbito do dereito penal e aos delitos sexuais”, manifestou no seu discurso que a perspectiva de xénero serve para detectar situacións discriminatoria para as mulleres, e que pretende transformar a sociedade e modificar as condicións sociais que provocan a submisión da muller. O obxectivo do seu traballo, explica, é a necesidade de que se escoite ás mulleres, necesítase unha igualdade real e efectiva e novas formas de lexislar e xulgar.
No acto tamén estiveron presentes o Conselleiro Maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, O Presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez, a Secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, Cristina Fabeiro, a Secretaria a Xeral da Igualdade, Sandra Vázquez e representantes parlamentarios, ademais das directoras dos traballos premiados, representantes da comunidade universitaria, da institución da Valedora do Pobo, e das familias das premiadas.