Onte a Institución da Valedora do Pobo acolleu a presentación do XXI Informe Anual “Discriminación e Comunidade Xitana” 2025, elaborado pola Fundación Secretariado Gitano, e que coincide este ano coa celebración 600º aniversario da chegada do pobo xitano á península ibérica. O informe constitúe unha ferramenta esencial para visibilizar e analizar a situación da discriminación e o antixitanismo no noso país. Nesta edición documentáronse 399 casos de discriminación contra persoas xitanas que reflicten, como se indica na súa presentación, que a pesar dos avances normativos e do compromiso crecente das institucións, a igualdade real e efectiva segue sendo unha meta por alcanzar.
No acto, que foi presentado por Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo, interviñeron Eva Vera Ledo, Directora Autonómica de FSG (Fundación Secretariado Gitano); Javier León, técnico do Departamento de Igualdade e Loita contra a Discriminación da FSG; Eduardo Búa, Técnico do servizo CEDRE (Consello para a Eliminación da Discriminación Racial ou Étnica), e representantes do equipo REDO da Garda Civil, que fixeron unha exposición sobre cal é a función destes equipos de loita específica contra os delitos de odio. Ademais contouse coa participación de dúas vítimas de discriminación que compartiron o seu testemuño.
https://informesdiscriminacion.gitanos.org/informes/2025


