O pasado mércores tivo lugar en Xinzo de Limia un interesante encontro no que a Valedora do Pobo, Dolores Fernández, e a Adxunta da institución, M.ª Xose Porteiro, acompañadas pola asesora técnica de igualdade, tiveron coñecemento da problemática e circunstancias ás que se enfrontan as mulleres do medio rural no seu día a día.
No encontro, organizado pola Escola de Saúde Rural da Limia, con Lola Rico e Rosa Trujillo á fronte, púxose de manifesto como a conxunción de diversos factores poden derivar en situacións de vulnerabilidade. Abordáronse, entre outros, temas sociosanitarios, de emprendemento, violencia de xénero ou a problemática relacionada coa inserción laboral das persoas inmigrantes e a validación de titulacións. Tamén estivo presente na reunión a Concelleira de Servizos Sociais do Concello de Xinzo, Ángeles Martínez.