Acto de presentación do IX informe FOESSA sobre exclusión e desenvolvemento social.

Onte, a Valedora do Pobo acolleu a presentación do IX informe FOESSA sobre exclusión e desenvolvemento social en Galicia, nun acto que reuniu representantes institucionais e entidades sociais.

A valedora do pobo abriu a xornada  agradecendo a asistencia e contextualizando a función de Cáritas como entidade clave no acompañamento das persoas en situación de vulnerabilidade. De seguido, interveu a representante de Cáritas Galicia, María Victoria González, quen puxo o foco na crecente brecha da exclusión social e a complexidade da situación que viven moitas persoas.

A continuación, Tomás Ubrich, coordinador técnico do informe  FOESSA, explicou que o mesmo se basea en entrevistas e cuestionarios en profundidade a persoas en diferentes situacións. Sinalou que a exclusión social non só é económica, responde tamén a factores como a vivenda, a saúde, o emprego ou a perda de vínculos sociais. O estudo identifica oito grandes factores de cambio social, entre eles a precariedade laboral, a crise demográfica e a desigualdade.

Aínda que en Galicia se rexistran datos máis positivos, Cáritas destaca que moitas persoas están activas pero atópanse con barreiras estruturais. A vivenda é o principal factor de desigualdade, con prezos elevados e condicións precarias en aumento. Ademais, a exclusión deteriora a saúde e evidencia a necesidade de reforzar as políticas dirixidas á infancia.

Por último, interveu Francisco José Prieto, o arcebispo de Santiago de Compostela, quen convidou a comprender o que está a suceder poñéndolle nome e contexto á realidade social. Lembrou que en Galicia existen cinco Cáritas diocesanas, xunto coas Cáritas parroquiais, e destacou o papel fundamental do voluntariado, ao que definiu como a columna vertebral da entidade. Tamén chamou a mirar a realidade sen filtros e a traballar de maneira conxunta desde toda a sociedade.

resultouche interesante?, comparte este artigo nas túas Redes Sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest