Defensores do pobo de toda España reuníronse os días 3 e 4 de outubro de 2017 no Parlamento de Galicia con motivo da celebración das XXXII Xornadas de Coordinación. A institución do Valedor do Pobo foi a encargada de organizar o encontro anual que foi clausurado por parte do defensor do pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán.
Durante as xornadas destacouse o imprescindible papel destas institucións en favor da transparencia da información pública, como garantes do cumprimento dos dereitos á boa administración e ao acceso á información pública. As defensorías reafirmaron a necesidade de traballar para potenciar a cultura da transparencia desde os seus respectivos ámbitos.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, foi o encargado de inaugurar as xornadas, acompañado do defensor do pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán e da valedora do pobo, Milagros Otero Parga. O máximo responsable da Cámara galega afirmou na apertura das sesións de traballo que sobre os servidores públicos recae “un especial deber de exemplaridade no comportamento”, pero tamén “unha obrigación de cumprir e facer cumprir a Constitución e todas as leis” que dela se derivan.
As xornadas celebráronse no Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia. Durante dous días, representantes das valedorías de toda España analizaron a importancia da transparencia como elemento para o exercicio de dereitos así como o papel protagonista dos defensores nesta materia.
Con motivo da presenza de todos os defensores en Santiago, estes desprazáronse ata A Merca, localidade da provincia de Ourense, para render homenaxe a Miguel Ángel Branco, o concelleiro asasinado por ETA hai 20 anos cuxos restos repousan no seu camposanto.
As xornadas de coordinación de defensores celébranse por estas datas desde hai 32 anos. Trátase dunha das citas máis relevantes no ámbito das defensorías do pobo, que seguen un sistema de quendas para a súa organización.
Ademais da institución do Defensor do Pobo, existen na actualidade outras 9 institucións autonómicas, todas elas representadas nas xornadas: Andalucía, Cataluña, Galicia, Canarias, País Vasco, Aragón, Comunidade Valenciana, Castela e León e Navarra.