Queixa 64859/16: A estación de ferrocarril de O Barco de Valdeorras xa é accesible

14 Xuño, 2017 Casos resoltos

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, visitou O Barco de Valdeorras o pasado mes de decembro no marco do programa de achegamento á cidadanía iniciado hai máis dun ano. Unha das  peticións promovidas pola veciñanza foi dactivada inmediatamente pola institución. Tratábase de conseguir que a estación de trens da localidade dispuxera das condicións axeitadas de accesibilidade para persoas con necesidade. A estación incumpría numerosos criterios de accesibilidade ao carecer ata ese momento dos parámetros mínimos de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, para persoas con discapacidade visual, auditiva e intelectual. Os afectados tiñan que desprazarse ás estacións doutras localidades como Monforte de Lemos ou Ponferrada para facer uso deste medio de transporte.

Desde a institución do Valedor do Pobo pediuse axuda informativa á empresa ADIF, responsable do mantemento das infraestructuras ferroviarias. Aínda que non se achegou resposta directa, o Concello de O Barco si que trasladou o contido dunha comunicación de ADIF ao respecto. Na mesma se indicaba que, a pesares de que o recinto cumpría cos requisitos de accesibilidade, o problema podería vir motivado pola entrada de trens sen plataforma baixa e a ausencia de aparellos que permitisen ás persoas subir aos convois. Nesta carta apuntábase que noutras estacións ferroviarias esta situación se solventara coa implantación do servizo Atendo, que xestiona directamente Renfe Viajeros.

A apertura da investigación por parte desta valedoría, así como a persistencia das peticións realizadas polas organizacións afectadas durante anos,  derivaron en que tanto ADIF como RENFE realizasen as adaptacións precisas facendo da estación de O Barco un recinto accesible. As actuacións permitiron por a dispor da cidadanía unha rampla de acceso aos trens LP12 para persoas con discapacidade ou mobilidade reducida así como o servizo de atención persoal Atendo.

A páxina web do ADIF sinala xa que a estación de O Barco de Valdeorras ten atención viaxeiros con discapacidade, aseos adaptados, vestíbulo e zona comercial accesible e andenes adaptados.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal