Queixa 63874/16: A Xunta asumiu o transvasamento de area na praia de Covas en resposta á forte demanda dos veciños de Viveiro

19 Setembro, 2017 Casos resoltos

A valedora do pobo desprazouse o pasado novembro ao Concello de Viveiro para coñecer de primeira man as necesidades da cidadanía nunha das habituais visitas que realiza aos distintos municipios. Tanto a alcaldía como unha plataforma cidadá aproveitaron a ocasión e pediron axuda a esta institución para acelerar un transvasamento de area na praia de Covas, no casco urbano, que permitira protexer o areal e as casas próximas afectadas por asolagamentos en días de temporal.

Un día despois do encontro, desde a valedoría iniciáronse os trámites da queixa ante a Consellería de Mar. A actuación concluíuse meses despois tras informar este departamento da Xunta de Galicia de diferentes accións executadas ou previstas para paliar os efectos negativos que, sobre este areal, producira a ampliación do dique de abrigo do Porto de Celeiro. Unha das medidas anunciadas no seu informe, e das máis demandadas polo municipio, consistía no transvase de area dentro da propia praia. Trátase duns 30.000 metros cúbicos do extremo onde se acumula area con maior facilidade ao outro extremo da praia, no que se detrae a area, afectando á seguridade das vivendas próximas.

No momento de arquivo da queixa, o proxecto de transvasamento atopábase en proceso de supervisión técnica. Con data de 18 de setembro de 2017, a valedoría soubo do inicio das obras que financia na súa integridade Portos de Galicia.

Tal e como estaba previsto, moveranse 30.000 metros cúbicos de area da zona máis oriental próxima a Celeiro ata a área coñecida como Os Castelos, onde se reduciu o manto de area e as ondas chegaron ao paseo marítimo e mesmo ás vivendas en días de temporal.

Esta medida, aínda que é unha solución temporal para o acondicionamento da praia, foi unha das máis demandadas pola veciñanza do municipio ante a valedora.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal