Queixa 29348/17: A valedoría conseguiu que a “Tarxeta Benvida” se adapte aos tempos dos procesos adoptivos para beneficiar a máis familias galegas

13 Marzo, 2018 Casos resoltos

A Consellería de Política Social terá en conta a data de resolución da adopción na concesión da Tarxeta Benvida para apoiar ás familias adoptantes nos seus gastos durante o primeiro ano de convivencia cos menores.

A institución do Valedor do Pobo congratúlase de que a Consellería de Política Social vaia corrixir en favor das familias adoptantes o procedemento para outorgarlles as axudas derivadas da denominada Tarxeta Benvida de apoio á natalidade en Galicia. En queixas chegadas á valedoría constatouse que o regulamento para a concesión da tarxeta tiña como referencia a data de nacemento dos menores adoptados. Este requisito deixaba fóra destas axudas pensadas para o primeiro ano de vida dos rapaces a moitas familias que recorreron á adopción internacional xa que, en raras ocasións, o nacemento do menor coincidía no mesmo ano coa resolución administrativa ou xudicial de adopción e coa chegada do mesmo á familia.

A valedoría considerou necesario corrixir os requisitos en favor das familias adoptantes con atención aos prazos dos procedementos de adopción para acabar con esa situación de desvantaxe na tramitación, partindo de que a orde que regula estas axudas si que recoñece ás familias adoptantes como beneficiarias.

Na investigación despregada polo Valedor do Pobo expúxose ante a Consellería de Política Social a necesidade de que en futuras convocatorias se tivera en conta a data de resolución xudicial sen límite de idade para os nenos adoptados. O departamento da Xunta de Galicia considerou razoable facer unha excepción ao requisito xeral de que o nacemento do fillo ou filla se produza no ano en curso no que se solicita a tarxeta.

Tras a intervención da valedoría, as próximas convocatorias das axudas da Tarxeta Benvida terán en conta estas particularidades e mellorarán o apoio á natalidade por medio de adopción,  garantindo as axudas durante o primeiro ano de convivencia, tomando como data válida a que conste na resolución xudicial.

A Tarxeta Benvida é unha ferramenta dirixida a axudar as familias que teñan fillos, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena menor dun ano. A tarxeta, cunha contía total de axuda de 1.200 euros (100 euros/mes) durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla pode ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal