A oficina do Valedor do Pobo tramitou a queixa dunha particular que non fora debidamente informada da invalidación da domiciliación bancaria do Imposto de Bens Inmobles (IBI) dunha propiedade. O cambio de natureza do imposto, que pasou de ser IBI urbana a IBI rústica, modificou o número de recibo, o que provocou a perda de vixencia da orde de domiciliación bancaria, tal e como está previsto nas normas sobre xestión de pagos domiciliados da Deputación Provincial de A Coruña.
Desde a institución do Valedor do Pobo comprobouse que a normativa fiscal afectada está sometida a publicidade na páxina web do ente provincial e mesmo no reverso do documento imprimible para cursar as novas ordes de domiciliación de recibo. A realización da domiciliación directamente na entidade bancaria colaboradora coa administración impediu a esta cidadá coñecer esa información tan útil, o que provocou que incorrese no impago dun dos exercicios, séndolle embargada a cantidade correspondente da súa conta.
O expediente concluíu cunha suxestión que ademais de por en valor a utilidade dese resumo de normas de domiciliación de recibos para os contribuíntes elaborado pola Deputación Provincial de A Coruña, tratou de mellorar a súa publicidade co obxecto de garantir a accesibilidade ao mesmo por parte das persoas que domicilian directamente os pagos nas entidades bancarias correspondentes.
A Deputación da Coruña aceptou a suxestión e tratará de por en práctica “melloras na atención aos contribuíntes que faciliten a información nestes casos específicos”.
The comments are closed.