Queixa 12561/16: O Concello de Santiago acurtará o tempo de resposta aos recursos e dará información detallada aos contribuíntes con embargo

15 Maio, 2017 Casos resoltos

O Valedor do Pobo recibiu a queixa dun particular na que se denunciaba a ausencia de resposta máis dun ano despois da presentación dun recurso administrativo ante a oficina de atención ao contribuínte do Concello de Santiago. O recurso viña motivado por un embargo nas contas do cidadán afectado por incumprimento das súas obrigas fiscais ante o concello, circunstancia da que non recibira notificación formal algunha.

O Concello confirmou por medio dos seus informes o retraso da resposta ao recurso presentado polo afectado que, como indicou, veu motivado pola carga de traballo e a insuficiencia de persoal. En canto as notificacións de embargo, por incumprimento no aboamento do imposto de vehículos de tracción mecánica, foron infructuosas para administración local por “enderezo descoñecido”, por un erro que se producira no momento de dar a alta dos vehículos afectados.

Como conclusión do investigado, o Valedor do Pobo dirixiu dúas recomendacións:

Nunha primeira recomendación se solicitaba ao Concello que valorase “darlle efectividade á autonomía garantida constitucionalmente ás entidades locais” para redobrar esforzos, dentro do marco orzamentario e de persoal, para que en aplicación dos principios de eficacia, eficiencia e celeridade, se adoiten as medidas pertinentes para acurtar os tempos de resposta aos recursos presentados.

En segundo lugar, pedíaselle que dese cumprida información ás persoas obrigadas tributarias, nos casos de embargo, das cantidades correspondentes a principal, porcentaxe de recargo de constrinximento, xuros de mora e tipo de interese aplicado a cada un dos recibos.

O Concello de Santiago vén de aceptar as dúas recomendacións.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2017.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal