Queixa 01089/16: As dependencias sanitarias galegas mellorarán a súa accesibilidade auditiva

20 Decembro, 2017 Casos resoltos

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, conseguiu que a Consellería de Sanidade acepte unha suxestión para se coordinar con Política Social na mellora da accesibilidade a dependencias e a servizos sanitarios de persoas con problemas de audición. Trátase de garantir o acceso destes cidadáns aos espazos sanitarios en condicións de igualdade. A actuación da valedoría foi iniciada a instancia da Asociación de Xordos de Galicia (XOGA) que presentou hai uns meses unha queixa na institución pola ausencia de bucles magnéticos e polo reducido número de intérpretes de signos a dispor dos usuarios da sanidade.

Coa conclusión da queixa promovida pola XOGA, a valedoría conseguiu que se avance na accesibilidade auditiva das persoas aos recintos hospitalarios e outras dependencias da sanidade pública galega. Un dos primeiros pasos consistirá en establecer liñas de coordinación entre as consellerías de Sanidade e de Política Social. Esta última xa traballa para axudar ás administracións locais a implantar mecanismos facilitadores de audición cando non son posibles outras vías de traslado da información como cartelería en braille e altorrelieve, pictogramas, sistemas de lectura fácil ou pantallas de información.

Os representantes das persoas xordas trasladaron á valedora a inexistencia de bucles magnéticos nas dependencias sanitarias. Estes dispositivos melloran a comunicación coas persoas con implante coclear ou usuarias de audífonos, evitando interferencias. No marco da investigación, a valedora do pobo coñeceu ademais que aínda que se ofrecen servizos de intérprete de signos aos pacientes, a súa presenza non resulta continuada.

A normativa vixente obriga ás administracións a arbitrar medidas que eliminen barreiras e permitan o acceso aos servizos sanitarios en condicións de igualdade ás persoas con discapacidade auditiva. Entre os recursos que mellorarían a atención inclúense técnicas auxiliares como bucles magnéticos ou equipos de frecuencia modulada; a maior presenza de intérpretes de lingua de signos profesionais; a formación en lingua de signos do persoal sanitario; servizos de vídeo-interpretación ou aplicacións automatizadas que se poidan utilizar as 24 horas.

O bucle, por exemplo, é un produto de apoio á comunicación oral e para o acceso á información de probada eficacia no seu emprego para espazos e servizos de concorrencia pública onde a megafonía resulte contaminada polo ruído, sendo de interese a súa implantación en salas de espera ou de atención ao paciente.

A Consellería de Sanidade vén de asumir o contido da suxestión formulada desde esta institución na que a valedora lle instou a arbitrar “mecanismos de coordinación e colaboración coa Consellería de Política Social para implantar recursos ou sistemas que permitan ás persoas con discapacidade auditiva o acceso en condicións de igualdade nos espazos sanitarios públicos”. O anuncio de que ambas as dúas consellerías formalizarán a súa colaboración permitiu á valedoría concluír a súa actuación coa satisfacción de ter contribuído a dar un paso máis na mellora do funcionamento da administración pública.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal