Quen é?

 

MARÍA DOLORES FERNÁNDEZ GALIÑO (1963) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1981-1986) e diplomada en Práctica Xurídica pola Universidade de Santiago de Compostela (1985-1986).

En 1989 superou as oposicións de ingreso na Carreira Xudicial e tamén as oposicións de ingreso na Carreira Fiscal.

Na Carreira Xudicial estivo destinada, de 1990 a 1992, no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ponteareas. Ascendeu en 1992 á categoría de Maxistrada, con destino de 1992 a 2001 no Xulgado do Social nº 2 de Pontevedra. Dende 2001 estivo destinada na Sección 2ª da Audiencia Provincial de A Coruña.

Na Carreira Fiscal atópase, dende o seu ingreso, coa categoría de avogada-fiscal, en excedencia.

Ten recoñecida a especialización de Dereito Civil de Galicia.

Que é?

 

O Valedor do Pobo é o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades comprendidos no título I da Constitución e no Estatuto de Autonomía de Galicia. Con este fin e en xeral co obxecto de coñecer o pleno respecto á lei e o dereito, o Valedor do Pobo supervisará de oficio ou a instancia de parte (a través dunha queixa) a actividade da Administración da Comunidade Autónoma galega e dos seus entes e empresas públicas ou dependentes, así como a da Administración local naquelas materias que sexan competencia da nosa Comunidade.

A posibilidade de creación e organización dunha institución similar ao Defensor del Pueblo recóllese no Estatuto de Autonomía de Galicia, en concreto, no seu artigo 14. Esta posibilidade fíxose efectiva a través da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo.

 

O Valedor/a do Pobo será elixido/a polo Parlamento de Galicia para un período de cinco anos.

Poderá ser elixido valedor/a calquera cidadán ou cidadá que goce da condición política de galego, se atope en pleno goce dos seus dereitos civís e políticos e coñeza os idiomas oficiais de Galicia.

A proposta da candidatura será realizada pola Comisión de Peticións ao Pleno do Parlamento de Galicia. Para estes efectos será suficiente a maioría simple para a adopción de acordos da Comisión.

Proposto o candidato/a ou candidatos/as, convocarase, nun prazo non inferior a quince días, o Pleno do Parlamento para que proceda á elección.

Será designado quen obtivese unha votación favorable das tres quintas partes dos membros do Parlamento.

No caso de que ningún candidato alcanzase a maioría establecida no apartado anterior, procederase poola Comisión de Peticións, no prazo máximo dun mes, á formulación de sucesivas propostas seguidas das correspondentes votacións ata a obtención da maioría sinalada.

O nomeamento do Valedor do Pobo será acreditado polo Presidente do Parlamento e publicado no «Diario Oficial de Galicia».

A persoa titular do Valedor do Pobo tomará posesión do seu cargo ante a Mesa do Parlamento, dentro dos quince días seguintes á publicación do seu nomeamento. Prestará xuramento ou promesa de fiel cumprimento das súas funcións.