Normativa

LEI 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo

(Modificada polas Leis:  3/1994, do 18 de xullo;  1/2002, do 26 de marzo; 8/2008, do 10 de xullo; 10/2012, de 3 de agosto y 1/2016, de 18 de xaneiro)

PREÁMBULO

Regulada a Institución do Defensor del Pueblo pola Lei orgánica 3/1981, do 6 de abril, en desenvolvemento do disposto no artigo 54 da Constitución, e recollido no artigo 14 do Estatuto galego o dereito da Comunidade Autónoma á creación e organización mediante lei do Parlamento de Galicia dun órgano similar, resulta conveniente a súa creación e regulación para completar en materia tan relevante a institucionalización autonómica de Galicia e abrir novas vías que completen a garantía dos dereitos que consagra o título I da Constitución no funcionamento transparente e eficaz da Administración Pública de Galicia.

A relación entre a Administración Autónoma e os cidadáns, pola súa especial inmediación, ao lado das súas indiscutibles vantaxes, entraña o risco de que poidan orixinarse comportamentos impropios, afastados da estrita e igual aplicación das normas, o cal subliña aínda máis a importancia da figura na Comunidade Autónoma de Galicia.

O texto da presente lei, aínda seguindo as grandes liñas da Lei orgánica do Defensor del Pueblo, procura, sen desnaturalizar o seu carácter, ensanchar as súas funcións, facendo uso da habilitación contida no artigo 14 do Estatuto de autonomía de Galicia, e profundizar no sentido dunha maior eficacia no exercicio das funcións do Valedor do Pobo.

A Lei contén tamén normas harmonizadoras da actividade do Valedor do Pobo e a homóloga institución estatal, sobre o principio de cooperación establecido no artigo 12 da Lei 3/1981, do 6 de abril.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2, do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, veño en promulgar, en nome de-El Rei, a Lei do Valedor do Pobo.

TÍTULO I: STATUS DA INSTITUCIÓN

CAPÍTULO I: CARÁCTER, ELECCIÓN, NOMEAMENTO E CESAMENTO

Enunciados modificados pola Lei 3/1994, do 18 de xullo


Artigo 1

1. O Valedor do Pobo é o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidos na Constitución e para o exercicio das demais funcións que esta lei lle atribúe.

Apartado 1 redactado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

2. A actividade do Valedor do Pobo estenderase á tutela dos dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de autonomía, en especial, os sancionados no seu título preliminar.

3. A estes fins, e no exercicio das funcións que lle encomendan o Estatuto de autonomía e a presente lei, o Valedor do Pobo poderá supervisar a actividade da Administración da Comunidade Autónoma galega e a dos seus entes e empresas públicas ou dependentes, así como a da Administración local naquelas materias que son competencia da nosa Comunidade.

Apartado 3 redactado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

Artigo 2

1. O valedor do pobo será elixido polo Parlamento de Galicia para un período de cinco anos.

2. A proposta de candidato ou candidatos a valedor do pobo será realizada pola Comisión de Peticións ao Pleno do Parlamento de Galicia. A estes efectos será suficiente a maioría simple para a adopción de acordos da Comisión.

3. Proposto o candidato ou candidatos, convocarase nun prazo non inferior a quince días, o Pleno do Parlamento para que proceda á elección. Será designado quen obtivese unha votación favorable das tres quintas partes dos membros do Parlamento.

4. No suposto de que ningún candidato alcanzase a maioría establecida no apartado anterior, procederase pola Comisión de Peticións, no prazo máximo dun mes, á formulación de sucesivas propostas seguidas das correspondentes votacións ata a obtención da maioría sinalada.

Artigo 3

1. Poderá ser elixido valedor do pobo calquera cidadán que goce da condición política de galego, se encontre en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos e coñeza os idiomas oficiais de Galicia.

2. O nomeamento do valedor do pobo será acreditado polo Presidente do Parlamento e publicado no «Diario Oficial de Galicia».

3. O valedor do pobo tomará posesión do seu cargo ante a Mesa do Parlamento, dentro dos quince días seguintes á publicación do seu nomeamento. Prestará xuramento ou promesa de fiel cumprimento das súas funcións.

Artigo 4

1. A Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia será a encargada das relacións co Valedor do Pobo e informará ao Pleno en cantas ocasións sexa necesario.

2. O Valedor do Pobo dirixirase, de ordinario, ao Parlamento a través do seu Presidente.

Artigo 5

1. O valedor do pobo de Galicia cesará por algunha das seguintes causas:

1ª. Por renuncia.

2ª. Por expiración do prazo do seu nomeamento.

3ª. Por morte ou incapacidade sobrevida.

4ª. Por notorio incumprimento das obrigacións e deberes do seu cargo.

5ª. Por ser condenado, mediante sentencia firme, por delito doloso.

6ª. Pola perda da condición política de galego ou galega.

Apartado 1.6ª engadido pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

2. O presidente do Parlamento declarará a vacante no cargo nos supostos de morte, renuncia, expiración do prazo do mandato ou perda da condición política de galego. Nos outros casos, decidirá o Pleno do Parlamento pola maioría establecida das tres quintas partes dos membros do Parlamento, mediante debate e logo de audiencia do interesado.

Apartado 2 modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

3. Vacante o cargo, iniciarase, en prazo non superior a un mes, o procedemento para a elección dun novo valedor do pobo.

Se a causa do cesamento fose a expiración do seu nomeamento, o valedor do pobo seguirá no desempeño do seu cargo con prórroga de funcións ata que se produza a nova elección.

Apartado 3 modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

4. Nos demais supostos, a Comisión de Peticións poderá acordar por maioría simple, en tanto non se cubra vacante, o desempeño das funcións do valedor do pobo polo seu adxunto, interinamente.

Apartado 4 modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

CAPÍTULO II: PRERROGATIVAS E INCOMPATIBILIDADES

Artigo 6

1. O valedor do pobo de Galicia non estará suxeito a ningún mandato imperativo. Non recibirá instrucións de ningunha autoridade. Desempeñará as súas funcións con autonomía e segundo o seu criterio.

2. O valedor do pobo gozará das prerrogativas e garantías necesarias para o cumprimento da súa función, de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 7

1. A condición de valedor do pobo é incompatible con todo mandato representativo, cargo político ou actividade de propaganda política, coa permanencia en servizo activo de calquera Administración Pública; coa condición de membro de partido político ou co desempeño de funcións directivas nun partido, sindicato, asociación ou fundación, ou co emprego ao servizo destes; co exercicio das carreiras xudicial e fiscal ou de calquera actividade profesional, xudicial, mercantil ou laboral.

2. O valedor do pobo deberá cesar na situación de incompatibilidade na que se encontre antes de tomar posesión do cargo. No caso contrario entenderase que non acepta o nomeamento.

3. No suposto de incompatibilidade sobrevida, entenderase que renuncia ao cargo na data en que se teña producido aquela.

TÍTULO II: MEDIOS PERSONAIS E MATERIAIS

CAPÍTULO I: VICEVALEDORES E PERSOAL

Enunciado modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

Artigo 8

1. O valedor do pobo estará auxiliado por un adxunto en quen poderá delegar as súas funcións e que o substituirá no exercicio destas.

Artigo modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

Artigo 9

1. A Comisión de Peticións propoñeralle ao valedor do pobo o nomeamento do adxunto. O nomeamento e o cesamento deste correspóndenlle ao valedor do pobo.

2. O nomeamento e cesamento do adxunto será publicado no «Diario Oficial de Galicia».

3. O adxunto deberá reunir as condicións establecidas no artigo 3.1, gozará durante o exercicio das súas funcións de todas as prerrogativas e garantías recoñecidas no artigo 6 e estará sometido ao réxime de incompatibilidades preceptuado no artigo 7 desta lei.

Artigo modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

Artigo 10

1. O persoal ao servizo do Valedor do Pobo considerarase persoal ao servizo do Parlamento mentres permaneza no exercicio das súas funcións.

Dependerá orgánica, funcional e disciplinariamente do Valedor do Pobo e rexerase polas normas de réxime interior recollidas na disposición adicional e, con carácter supletorio, polo Estatuto de Persoal do Parlamento de Galicia.

2. O cadro de persoal será aprobado pola Mesa do Parlamento por proposta do valedor ou da valedora do pobo. Dentro do devandito cadro o valedor ou a valedora do pobo poderá designar ata cinco persoas asesoras, sempre que sexa posible dentro dos límites orzamentarios.

O persoal restante deberá reunir a condición previa de funcionario de calquera das administracións públicas e poderá ser adscrito á súa oficina por libre designación ou por concurso público segundo a relación de postos de traballo.

Apartado modificado pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno

3. Os funcionarios provenientes das administracións públicas galegas, parlamentaria, local e da Comunidade Autónoma, adscritos á oficina do Valedor do Pobo, terán dereito a ser declarados na situación administrativa de servizos especiais na súa Administración de orixe, salvo os que se incorporen por concurso público, que pasarán á situación prevista no artigo 54 da Lei da función pública de Galicia.

Artigo modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

Artigo 11

O adxunto e os asesores adscritos á oficina do Valedor do Pobo cesarán automaticamente no momento da toma de posesión dun novo valedor do pobo nomeado polo Parlamento.

Artigo modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

CAPÍTULO II: DOTACIÓN ECONÓMICA

Artigo 12

1. A dotación económica necesaria para o funcionamento da institución constituirá unha partida do orzamento do Parlamento de Galicia e a súa elaboración corresponde ao Valedor do Pobo. Remitirase á Mesa do Parlamento para a súa aprobación e integración no orzamento do Parlamento.

Apartado modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

2. A autorización dos gastos e a ordenación dos pagamentos corresponderanlle ao valedor do pobo, e poderá delegalas no adxunto, e os réximes de contabilidade, intervención, contratación e adquisición de bens e dereitos serán os que rexan no Parlamento de Galicia.

Apartado engadido pola Lei 3/1994, do 18 de xullo e modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

TÍTULO III: DO PROCEDEMENTO

CAPÍTULO I: ATRIBUCIÓNS E FACULTADES

Artigo 13

1. O Valedor do Pobo, de oficio ou a instancia de parte, poderá iniciar e proseguir calquera investigación sobre:

a) Os actos e resolucións da Administración pública da Comunidade Autónoma e dos seus axentes.

b) Os actos e resolucións da Administración local, incluídos os seus organismos autónomos, así como as empresas e entes públicos ou participados que dela dependan, no ámbito das competencias que corresponden á Comunidade Autónoma, de conformidade co Estatuto de autonomía e a lexislación vixente.

c) Os servizos xestionados por persoas físicas ou xurídicas mediante concesión administrativa e, en xeral, calquera organismo ou entidade pública ou privada que realice funcións de servizo público e se encontre suxeita a calquera tipo de tutela naquilo que afecte ás materias integradas nas competencias da Comunidade Autónoma, de conformidade co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e a lexislación vixente.

d) No seu caso, as materias que sexan obxecto de transferencia ou delegación, ao amparo do que dispoñen os apartados primeiro e segundo do artigo 150 da Constitución, tanto no caso de que a Comunidade Autónoma as administre como asunto propio coma no suposto de administración comisionada.

Apartado modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

2. As facultades do Valedor do Pobo estenderanse á actividade que realicen os conselleiros e calquera autoridade administrativa, funcionarios e axentes que actúen ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma e aos seus entes ou empresas dependentes.

Artigo 14

1. Toda persoa natural ou xurídidica que invoque un interese lexítimo poderá dirixirse ao Valedor do Pobo sen ningunha restrición nin limitación.

2. Os deputados, individualmente, e as comisións do Parlamento de Galicia relacionadas coa defensa dos dereitos e liberdades públicas, poderán solicitar a intervención do Valedor do Pobo en todas as cuestións atribuídas á súa competencia.

3. A Comisión de Peticións poderá ademais transmitirlle as que reciba nos termos do artigo 48 do Regulamento do Parlamento Galego.

4. Ningunha autoridade administrativa, no ámbito da súa competencia, poderá presentar queixas ante o Valedor do Pobo.

Artigo 15

1. A actividade do Valedor do Pobo de Galicia non se verá interrompida nos casos en que o Parlamento non se encontre reunido, fose disolto ou expire o seu mandato. Nos citados casos o Valedor do Pobo de Galicia dirixirase á Deputación Permanente da Cámara.

2. A declaración dos estados de excepción ou sitio non interromperá a actividade do Valedor do Pobo, nin o dereito dos cidadáns de accederen a el, sen prexuízo do disposto nos artigos 55 e 116 da Constitución.

Artigo 16

1. O Valedor do Pobo, de oficio ou a instancia de parte, poderá supervisar a actividade da Administración da Comunidade Autónoma galega para garantir o respecto dos dereitos comprendidos no título I da Constitución e o seu sometemento pleno á lei e ao dereito. Con este mesmo fin poderá ademais supervisar a actividade da Administración local no ámbito das competencias que o Estatuto de autonomía e a lexislación vixente confiren á Comunidade Autónoma.

Apartado modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

2. As facultades atribuídas ao Valedor do Pobo estenderanse igualmente de maneira especial á defensa dos dereitos e principios reitores que dimanan do título preliminar do Estatuto de autonomía de Galicia.

3. Respecto das demais administracións públicas exercerá as funcións que lle correspondan dentro dos principios de coordinación, cooperación e colaboración establecidos no artigo 12 da Lei orgánica 3/1981, do 6 de abril, e na Lei 36/1985, do 6 de novembro.

Apartado modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

4. O Valedor do Pobo, para acelerar as comunicacións coas persoas interesadas e as administracións, utilizará sempre que sexa posible as comunicacións por vía telemática.

Apartado engadido pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

CAPÍTULO II: TRAMITACIÓN DAS QUEIXAS

Artigo 17

As queixas que o Valedor do Pobo reciba, referidas ao funcionamento da Administración de Xustiza de Galicia, deberá dirixilas ao Ministerio Fiscal e ao Consello do Poder Xudicial, sen prexuízo de incluílas no informe ao Parlamento.

Artigo 18

1. Toda queixa dirixida ao Valedor do Pobo poderá ser formulada oralmente ou por escrito, onde conste a identificación e o enderezo postal ou telemático do peticionario e se relate o feito que a motiva. As queixas orais só se poderán presentar na oficina da institu­ción e deberán ser transcritas e asinadas pola persoa interesada. As queixas, que deberán ir subscritas, tramitaranse de xeito confidencial de o interesado o solicitar.

Apartado modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

2. Acusarase recibo de toda queixa que sexa rexistrada.

3. As queixas ao Valedor do Pobo deberanse presentar no prazo dun ano cumprido a partir do coñecemento dos feitos.

4. A actuación do Valedor do Pobo e a dos seus colaboradores será gratuíta para o interesado.

5. Non será preceptiva a intervención ou asistencia de letrado nin de procurador.

Artigo 19

O Valedor do Pobo tramitará ou rexeitará as queixas recibidas. Só poderá rexeitar as queixas recibidas polos motivos establecidos nesta lei, e farao sempre mediante escrito motivado, no que se poderá informar a persoa interesada do máis oportuno en dereito á súa actuación.

Artigo modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

Artigo 20

O Valedor do Pobo de Galicia non entrará no exame individual daquelas queixas sobre as que estea pendente resolución xudicial e suspenderao se, iniciada a actuación, se interpuxese por persoa interesada demanda ou recurso ante os tribunais ordinarios ou o Tribunal Constitucional. Isto non impedirá, sen embargo, a investigación sobre os problemas xerais expostos nas queixas presentadas. En calquera caso velará porque a Administración resolva expresamente, en tempo e en forma, as peticións e recursos que lle foron formulados.

Artigo 21

O Valedor do Pobo de Galicia rexeitará as queixas anónimas e poderá rexeitar aquelas nas que se advirta mala fe, carencia de fundamento, inexistencia de pretensión, así como aqueloutras cuxa tramitación irrogue prexuízo ao lexítimo dereito de terceira persoa. As súas resolucións non serán susceptibles de recurso.

Artigo 22

1. Admitida a trámite unha queixa, o Valedor do Pobo promoverá a oportuna investigación sumaria e informal. En todo caso, informará ao organismo ou dependencia administrativa do contido substancial da solicitude, reunindo cantos datos coide pertinentes, que terán que serlle remitidos no prazo de quince días, a non ser que a complexidade do asunto aconselle, ao seu criterio, prorrogar o prazo por un mes.

Artigo modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

2. A negativa ou neglixencia de calquera organismo, funcionario ou dos seus superiores responsables ao envío dos informes solicitados poderá ser considerada polo Valedor do Pobo de Galicia como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, de ser o caso, ao Parlamento. Tamén porá os ditos feitos en coñecemento do seu superior xerárquico, informando sobre o seu comportamento por se fose susceptible de corrección disciplinaria.

Apartado 2 modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

CAPÍTULO III: TRAMITACIÓN DA INVESTIGACIÓN

Artigo 23

No exercicio das súas funcións, o valedor do pobo, o seu adxunto ou a persoa en que delegue poderán comparecer en calquera centro ou dependencia da administración públi­ca da Comunidade Autónoma galega, dos seus entes e empresas públicas dependentes desta ou afectos a un servizo público, para a comprobación de datos, realización de en­trevistas persoais, estudo de expedientes e documentos relacionados co motivo da súa actuación sen que se lle poida negar o exame da documentación interesada, excepto nos casos taxativamente establecidos pola lei.

Artigo modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

Artigo 24

1. Cando a queixa que se vaia investigar afectase á conduta das persoas ao servizo da Administración Pública Galega, en relación coa función que desempeñan, o Valedor do Pobo de Galicia dará conta desta ao afectado e ao seu inmediato superior ou organismo de quen aquel dependese.

2. O afectado responderá por escrito e coa achega de cantos documentos e testemuños considere oportunos, no prazo que lle fose fixado, que en ningún caso será inferior a dez días, e que poderá ser prorrogado a instancia de parte pola metade do concedido.

O Valedor do Pobo de Galicia poderá comprobar a súa veracidade e propoñer ao funcionario afectado unha entrevista ampliatoria de datos. Os funcionarios que se negasen a iso poderán ser requiridos por aquel para que manifesten por escrito as razóns que xustifiquen tal decisión.

3. O superior xerárquico ou organismo que prohiba ao funcionario ás súas ordes ou servizo responder á requisitoria do valedor do pobo de Galicia ou entrevistarse con el, deberá manifestalo por escrito, debidamente motivado, dirixido ao funcionario e ao propio valedor do pobo de Galicia. Este dirixirá en diante cantas actuacións investigadoras sexan necesarias ao referido superior xerárquico.

4. A información que no curso dunha investigación poida achegar un funcionario a través do seu testemuño persoal terá o carácter de reservada sen prexuízo do disposto na Lei de axuizamento criminal sobre a denuncia de feitos que puidesen revestir carácter delituoso.

Artigo 25

Cando o valedor do pobo, por razón do exercicio das funcións propias do seu cargo, teña coñecemento dunha conduta ou feito presumiblemente delituoso comunicarao ao Ministerio Fiscal de quen poderá solicitar información sobre o estado de tramitación en que se encontren as actuacións iniciadas á súa instancia.

CAPÍTULO IV: DEBER DE COLABORACIÓN

Artigo 26

1. Os poderes públicos de Galicia están obrigados a prestar o auxilio e a cooperación que lles sexan demandados polo Valedor do Pobo nas súas investigacións e actuacións.

2. Nos supostos en que a obtención de datos ou a prestación de auxilio resultase preciso obtelas fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, o Valedor do Pobo poderá solicitalos do Defensor del Pueblo ou doutras institucións similares, de acordo cos principios de coordinación e cooperación establecidos na Lei orgánica 3/1981, do 6 de abril.

Artigo 27

Se as autoridades, funcionarios ou axentes dificultasen ou entorpecesen a actuación do valedor do pobo, do seu adxunto ou delegados, aquel dará conta ao superior xerárquico e, se for o caso, ao Ministerio Fiscal para o exercicio das accións que poidan proceder, e recollerá tales actitudes nos seus informes ao Parlamento de Galicia.

Artigo modificado pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

CAPÍTULO V: GASTOS CAUSADOS A PARTICULARES

Artigo 28

Os gastos efectuados ou os prexuízos materiais, causados aos particulares que non promovesen a queixa, ao seren chamados a informar polo Valedor do Pobo, serán compensados con cargo ao seu orzamento unha vez xustificados debidamente.

CAPÍTULO VI: DAS RESOLUCIÓNS

Artigo 29

1. O Valedor do Pobo poderá suxerir á Administración pública a modificación dos criterios utilizados na produción dos seus actos e resolucións.

2. Esta actuación de mediación, así como a tramitación dunha reclamación, non interromperán os prazos establecidos para os diferentes procedementos administrativos.

Artigo modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

Artigo 30

Se o Valedor do Pobo de Galicia, como consecuencia das súas investigacións, chegase ao convencemento de que o cumprimento rigoroso dunha norma pode provocar situacións inxustas ou prexudiciais para os administrados, poderá suxerir ao Parlamento de Galicia ou á Administración a súa modificación.

Artigo 31

O Valedor do Pobo poderá instar das autoridades administrativas competentes o exercicio das súas facultades de inspección e sanción se as actuacións se realizaron con ocasión de servizos prestados por particulares en virtude de acto administrativo habilitante.

Artigo 32

1. O Valedor do Pobo, con motivo das súas investigacións poderá formular ás autoridades e funcionarios das Administracións Públicas advertencias, recomendacións, recordatorios dos seus deberes legais e suxestións para a adopción de novas medidas.

2. Estes funcionarios e autoridades deberán responder sempre por escrito e no prazo dun mes.

Artigo 33

1. Se formuladas as súas recomendacións, non obtivese resposta ou, nun prazo razoable, non se producise unha medida adecuada ao suxerido, o Valedor do Pobo poderá poñer os antecedentes do escrito e as recomendacións efectuadas en coñecemento do conselleiro do departamento afectado ou da máxima autoridade da Administración Pública galega.

2. Se tampouco obtivese unha xustificación adecuada, incluirá tal asunto no seu informe anual ou especial con mención dos nomes das autoridades ou funcionarios que persistan naquela actitude, especialmente nos casos en que, considerando o Valedor do Pobo que era posible unha solución positiva, esta non se conseguise.

CAPÍTULO VII: MODIFICACIÓNS E NOTIFICACIÓNS

Artigo 34

1. O Valedor do Pobo informará ao interesado ou, se for o caso, ao deputado ou comisións a que se refire o artigo 14 desta lei do resultado das súas investigacións, así como da resposta que lle dese a Administración ou os funcionarios implicados, salvo que pola súa natureza aquelas fosen consideradas, de acordo coa lei, de carácter reservado ou declaradas secretas. Así mesmo, cando acorde non intervir, informará razoando a súa decisión.

2. En todo caso, transcorridos tres meses desde a admisión a trámite dunha queixa, o Valedor do Pobo deberá informar a quen a formulase do seu estado.

Artigo modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

Parágrafo segundo engadido pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

Artigo 35

Cando as actuacións participadas mostren que a queixa se orixinou presumiblemente por abuso, arbitrariedade, discriminación ou erro, neglixencia ou omisión dun funcionario, o valedor do pobo dirixirase ao interesado, facéndolle constar o seu criterio ao respecto, e ao seu superior xerárquico, formulando as suxestións que estime oportunas.

TÍTULO IV: DOS INFORMES AO PARLAMENTO

Enunciado modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

Artigo 36

1. O Valedor do Pobo dará conta anualmente ao Parlamento da xestión realizada nun informe que presentará ante este no período ordinario de sesións.

2. Cando a gravidade ou urxencia dos feitos o aconsellen, poderá presentar un informe extraordinario dirixido á Deputación Permanente do Parlamento se este non estivese reunido ou se encontrase disolto.

3. Os informes anuais e, se for o caso, os extraordinarios serán publicados.

Artigo 37

1. O Valedor do Pobo de Galicia, no seu informe anual, dará conta do número de tipos de queixa presentadas; daquelas que foron rexeitadas e as súas causas, así como das que foron obxecto de investigación e o seu resultado, con especificación das suxestións ou recomendacións admitidas pola Administración Pública galega.

2. No informe non constarán datos persoais que permitan a pública identificación dos interesados no procedemento investigador, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da presente lei.

Apartado modificado pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

3. Nos casos especialmente graves, o Valedor do Pobo poderá destacar no seu informe anual a persistencia nunha actitude hostil ou entorpecedora ao seu labor de calquera dos organismos, funcionarios ou persoas ao servizo da Administración Pública, no seu ámbito de competencias.

4. O informe conterá igualmente un anexo, destinado ao Parlamento de Galicia, no que se fará constar a liquidación do orzamento da institución no período que corresponda.

5. Un resumo do informe será exposto oralmente polo valedor do pobo ante o Pleno do Parlamento.

TÍTULO V: DAS RELACIÓNS CO DEFENSOR DEL PUEBLO E OS COMISIONADOS DE PARLAMENTOS O DE ASAMBLEAS LEXISLATIVAS AUTONÓMICAS

Título engadido pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

Artigo 38

1. Correspóndelle ao Valedor do Pobo o exercicio das facultades de investigación en relación coas institucións e organismos referidos no artigo 13.1, sen prexuízo das que poidan corresponder ao Defensor del Pueblo en virtude do artigo 12 da Lei orgánica 3/1981, do 6 de abril, e do artigo 2 da Lei 36/1985, do 6 de novembro.

2. O Valedor do Pobo poderá concertar co Defensor del Pueblo acordos de coordinación e colaboración entre ambas as institucións, segundo o establecido nas mencionadas leis.

Para a validez e vixencia de tales acordos, será preceptiva a súa ratificación pola Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia. Estes acordos publicaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

3. Cando o Valedor reciba queixas ou denuncias referentes a ámbitos das administracións públicas que non son competencia da Comunidade Autónoma galega, dará conta delas ao Defensor del Pueblo. Notificaralle igualmente de oficio aquelas infraccións ou irregularidades que observase.

Artigo engadido pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

Artigo 39

O Valedor do Pobo, de oficio ou a instancia de parte, poderá dirixirse motivadamente ao Defensor del Pueblo solicitándolle que este, en defensa de lexítimos intereses dos cidadáns e sempre que o considere oportuno:

a) Interpoña ou exercite o recurso de inconstitucionalidade ou o de amparo.

b) Dirixa recomendacións aos órganos xerais do Estado cando as deficiencias no funcionamento dos órganos ou entidades a que se refire o artigo 13 desta lei se deriven de normas de competencia estatal ou sexan orixinadas polo deficiente funcionamento da Administración central do Estado.

Artigo engadido pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

Artigo 40

O Valedor do Pobo poderá dirixirse aos comisionados parlamentarios doutras comunidades autónomas cando necesite a súa colaboración para o exercicio das súas funcións. Así mesmo, para coordinar actuacións conxuntas que excedan do ámbito territorial.

Artigo engadido pola Lei 3/1994, do 18 de xullo

DISPOSICIÓN ADICIONAL

Autorízase ao Valedor do Pobo para ditar as normas regulamentarias precisas para o desenvolvemento da presente Lei, de acordo coa Mesa do Parlamento e a Comisión de Peticións.

Estas normas regulamentarias publicaranse no «BOPG».

DISPOSICIÓN ADICIONAL BIS

O Valedor do Pobo garantirá a posibilidade de presentar e tramitar por medios telemáti­cos as queixas, as solicitudes, as consultas e as comunicacións.

Engadida pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

DISPOSICIÓN ADICIONAL TER

As referencias que se conteñen nesta lei á figura do valedor do pobo e do seu adxun­to deberán entenderse referidas ao valedor ou á valedora do pobo e ao adxunto ou á adxunta.

Engadida pola Lei 10/2012, do 3 de agosto

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

A Comisión de Peticións proporá ao Pleno da Cámara, no prazo máximo de seis meses, computados desde o día da entrada en vigor da presente Lei, o candidato ou candidatos a valedor do pobo de Galicia mediante acordo adoptado por maioría simple.

DISPOSICIÓN FINAL

O Valedor do Pobo transcorrido un ano do exercicio das súas funcións, poderá propoñer ao Parlamento no informe anual, ou noutro extraordinario, as modificacións no texto da presente lei que xulgue oportunas á luz da súa aplicación práctica.

Lei 1/2016, do 18 de xaneiro

de transparencia e bo goberno

Lei 2/2014, do 14 de abril

pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia

Lei 8/2008, do 10 de xullo

de saúde de Galicia

Lei 3/2011, do 30 de xuño

de apoio á familia e a convivencia de Galicia

Lei 36/1985 do 6 de novembro

que regula as relaciós entre a institución do Defensor del Pueblo e as figuras similares nas distintas comunidades autónomas

Lei 36/1985 do 6 de novembro

que regula as relaciós entre a institución do Defensor del Pueblo e as figuras similares nas distintas comunidades autónomas

Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo

Regulamento de organización e funcionamiento

Texto do regulamento do Valedor do Pobo na súa versión consolidada (Diario Oficial de Galicia, 12 de febreiro de 2018).

Instruccións, acordos, directrces e circulares

Instrución 1/2018, da valedora do pobo, de representación e defensa en xuízo da Institución do Valedor do Pobo

Regulamento da Comisión da Transparencia

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2016 pola que se dispón a publicación do Regulamento interno da Comisión da Transparencia de Galicia (DOG nº 134, 15 de xullo de 2016)

Modificación do regulamento interno de funcionamento da Comisión da Transparencia

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2016 pola que se dispón a publicación da Modificación do Regulamento interno da Comisión da Transparencia de Galicia (DOG nº 234, 9 de decembro de 2016)

Memorias e informes que conformen os expedientes de elaboración dos textos normativos

Non existe na actualidade documentación relativa a esta materia por non atoparse en tramitación texto normativo algún que afecte ao Valedor do Pobo

Protección de datos

Resolución (1-12-2008) de creación e supresión de ficheiros de datos persoais

Resolución (30-10-2015) pola que se crean, modifican e suprimen ficheiros de datos de carácter persoal

Normas e códigos

Normas reguladoras das relacións co Parlamento

Código de boa conduta do Valedor do Pobo