23 de setembro de 2022
Auditorio Municipal Ángel Cocho Ferrero
Casa da Cultura
Rúa Curros Enríquez, 17
Xinzo de Limia
Organizan: Consello da Cultura Galega e Valedora do Pobo
Colaboran: Concello de Xinzo de Limia e Escola rural de saúde da Limia
O feito de que na análise das enfermidades que se viñan considerando “femininas” se detecte a prevalencia de erros diagnósticos como estereotipos atribuídos e aceptados por profesionais médicos e da investigación científica é algo relativamente recente.
A consolidación destas ideas erróneas e sen base científica incide na discriminación das mulleres como obxecto da ciencia e como suxeito das súas conclusións e aplicacións, consolidando o descoñecemento e o estrañamento do propio corpo e os propios síntomas.
Desde o seu laboratorio no Texas Medical Center, en Houston, a neurocientífica galega Sonia Villapol confirma que o ciclo sexual e hormonal altera a eficacia dos tratamentos, polo que a maior presenza masculina nos ensaios dos medicamentos afecta a súa eficacia na poboación feminina. As súas investigacións veñen identificando diferenzas entre ambos os sexos en canto á inmunidade ou a diferentes mecanismos celulares e xenéticos.
Estamos perante un avance fundamental para combater o nesgo de xénero que confirma como única medida de análise, diagnóstico e tratamento a masculina. Xa que logo, convén acelerar este proceso de cambio, tanto na investigación científica coma na comprensión das potenciais pacientes na relación cos seus corpos e a súa saúde, para transformar as propias actitudes e poder tomar decisións con coñecemento e criterio.
Velaquí unha reflexión de conxunto sobre este anovador debate científico para o que abordamos varios exemplos notables de enfermidades non recoñecidas nas mulleres, sexa no ámbito laboral, en tratamentos para o control da natalidade, en patoloxías consideradas inexistentes ata hai pouco, ou dando a coñecer accións colectivas desde os movementos sociais que abren camiño nesta materia.
Esta actividade insírese no convenio asinado entre a institución da Valedora do Pobo e o Consello da Cultura Galega.
Podes consultar o PROGRAMA.
Para asistir, realiza a túa SOLICITUDE DE INSCRICIÓN. Prazas limitadas, necesaria a confirmación da solicitude de inscrición.
The comments are closed.