Visita institucional de representantes da Federación Autismo Galicia

12 Abril, 2019 Dereitos, Discapacidade, Institución, Novas

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019. Tras a recente conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha representación da Federación Autismo Galicia realizou hoxe unha visita institucional ás dependencias do Valedor do Pobo. O encontro celebrouse a petición da valedoría coa idea de afondar nas principais problemáticas que afectan ás persoas con transtornos do espectro autista na nosa comunidade.

Participaron na xuntanza a presidenta da Federación Autismo Galicia, María José Álvarez Folgar; a xerente da Federación, Patricia Blanco Riveiro e o tesoureiro da mesma, José Manuel Varela Rodríguez. Por parte do Valedor do Pobo, ademáis da valedora do pobo, Milagros Otero Parga, tomaron parte na mesa de traballo o secretario xeral da institución, Fernando de Andrés Alonso e a coordinadora xeral, Beatriz González Moreno.

O encontro permitirá establecer vías de coordinación para tratar de dar resposta ás persoas con TEA no eido da prestación de servizos públicos, da eliminación de barreiras de comunicación e de atención ás súas necesidades específicas.

A institución do Valedor do Pobo, por outra parte, iniciou hoxe o camiño para adaptar as súas dependencias ás necesidades das persoas autistas. Con axuda da Federación, dotará os apoios necesarios ás instalacións da defensoría con sistemas alternativos e aumentativos de comunicación como pictogramas ou fotografías. Trátase de dar apoios tanto as persoas con TEA como ao resto da cidadanía para mellorar a comunicación e a prestación de servizos.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal