Representantes de todas as defensorías de España reúnense en Santiago para avaliar as políticas de vivenda pública

01 Xuño, 2015 Dereitos, Exclusión social, Institución, Novas

O Valedor do Pobo recibe este martes a representantes de todas as defensorías españolas que participan nun taller sobre  o dereito constitucional á vivenda. Membros das institucións estatal e autonómicas realizarán una avaliación polo miúdo das condicións de acceso no noso país a unha vivenda pública e sobre os instrumentos empregados no desenvolvemento das políticas de vivenda en cada territorio.

O programa de traballo inclúe as aportacións de todas as defensorías nesta materia. En máis de 400 folios plásmase o traballo de todas as institucións, incluído o Valedor do Pobo, ao respecto da análise particularizada das súas realidades. Entre as cuestións máis relevantes, que serán froito de estudo, inclúense por exemplo o acceso a vivenda pública en réxime de propiedade ou alugueiro e o acceso á vivendas dignas e axeitadas a persoas que non poden dispor delas. As defensorías tratarán o problema dos inmobles baleiros desde a perspectiva da súa mobilización, así como o deseño de diferentes políticas en relación ás vivendas ruinosas e infravivendas en diferentes núcleos de poboación.

A segunda parte do taller, que se extenderá en sesións de mañá e tarde, centrará a atención nos instrumentos empregados polas políticas de vivenda. Non escaparán a este repaso as axudas públicas directas e indirectas, a regulación e control das mesmas, as bolsas de vivenda a mans de diferentes axentes o os plans desenvolvidos por parte das administracións e a mobilización de inmobles da súa man.

O Valedor do Pobo aproveitará a ocasión para facer unha exposición desta realidade na nosa comunidade. Exporá ademáis os compromisos adquiridos o pasado venres por medio dun convenio asinado co Instituto Galego de Vivenda e Solo para atender de xeito máis eficaz á cidadanía afectada polo desafiuzamento da súa vivenda habitual.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal