Temos unha cita en Xinzo de Limia o 23 de setembro

29 Agosto, 2022 actualidade, Novas, Novas

Na xornada que denominamos “Invisibilizadas para a medicina,” queremos chamar a atención sobre enfermidades non recoñecidas nas mulleres, sexa no ámbito laboral, en tratamentos para o control da natalidade ou en patoloxías consideradas inexistentes ata hai pouco.
Esta perspectiva constitúe un avance necesario para combater o nesgo de xénero e para iso contamos cun amplo e sobresaínte grupo de persoas especialistas na materia que abordarán temas coma o “Essure, unha historia de violencia obstétrica” por María Sabela Landín Estévez, presidenta da Asociación de Afectadas de Essure de Galicia; “A asbestose: estudo do amianto con perspectiva de xénero” por Sara González Veiga, gañadora do II Premio Valedora do Pobo para TFG con perspectiva de xénero; “Fibromialxia: dor invisible e xénero, unha mala combinación” por Rosa Cerqueiro Landín, voceira do Movemento Galego da Saúde Mental; “As mulleres invisibles” por Fernando Lousada Arochena, maxistrado, e “Historias de vida das mulleres da Limia. A experiencia de coidar-nos” por Lola Rico, coordinadora da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia.
Na presentación da xornada intervirán a Alcaldesa de Xinzo, Elvira Lamas, a Presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño. A clausura estará a Cargo de Lola Rico, presidenta da Escola de Saúde Rural da Limia, e na coordenación dos faladoiros e conferencias intervirán a xornalista María Méndez, presidenta da Asociación Galega de Periodistas, a directora do CDIF, Carme Adán, e a valedora adxunta, María Xosé Porteiro
Está previsto que haxa oportunidade para desenvolver intercambio de opinións e ideas entre as persoas asistentes e as poñentes nos coloquios fixados no programa.
Esta actividade poderá seguirse presencialmente, no auditorio da Casa da Cultura de Xinzo de Limia, ou por streaming (canle de youtube) e neste caso, tamén haberá un chat aberto a quen utilice este sistema de participación.
“Invisibilizadas para a medicina” é unha actividade promovida pola Valedora do Pobo que se enmarca no convenio asinado co Consello da Cultura Galega, neste caso desde o CDIF (Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos). Tamén conta coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia e da Escola de Saúde Rural da Limia.
Para máis información:
e- mail:comunicación@valedordopobo.gal
Tfno: 680700911

 

 

Podes consultar o PROGRAMA.

 

Para asistir, realiza a túa SOLICITUDE DE INSCRICIÓN. Prazas limitadas, necesaria a confirmación da solicitude de inscrición.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal