Sobre feminismo, interseccionalidade e cultura político-xurídica por  Maggy Barrère Unzueta

09 Marzo, 2020 falamos de feminismo

 

Na última visita á British Library atopei amontoados na zona de tenda ou merchandising unha chea de exemplares dun libro. Cal non sería a miña sorpresa cando vin que ía de feminismo.  Carallo! –díxenme -, estes si que son novos tempos. Levo anos visitando esta biblioteca, os seus expositores e baldas das  salas de estudo, e custábame atopar libros sobre feminismo ou de autoras feministas e, agora, resulta que é un libro deste teor o que aparece por decenas nun dos lugares máis accesibles do edificio. Movida por unha imperiosa curiosidade, folleeino. Tratábase dunha recompilación de textos que viran a luz un ano antes (2018) e que agora volvían saír publicados en edición de peto por Virago Press. A responsable do reading, autora tamén da súa introdución, era June Eric-Udorie. Non a coñecía, pero lendo algunhas recensións publicitarias incluídas no propio libro souben que se trataba dunha escritora e activista feminista de orixe nixeriana destacada pola súa loita contra a mutilación xenital feminina e os matrimonios forzados, que fora nomeada por Elle  (UK) Muller Activista do Ano en 2017 e que o seu nome fora incluído tamén nas listas das mulleres máis influentes e inspiradoras pola BBC, o Guardian, etc. Comprei o libro, aínda que o lin uns meses despois. Na portada aparece destacada a mensaxe que, a modo de interrogante, dá título ao volume: “Podemos ser todas feministas?” (Can We All Be Feminists?); e o subtítulo refírese ao contido: dezasete textos sobre interseccionalidade escritos por outras tantas mulleres “diversas” (negras, trans, musulmás, con discapacidades, etc.) desexosas de atopar o camiño correcto para o feminismo (Seventeen Writers on Intersectionality , Identity and Finding the Right Way Forward for Feminism).

 

Traio a colación este libro porque, obviamente, a pregunta que encabeza o seu título non é un simple interrogante, senón unha interpelación a todas as mulleres que nos consideramos feministas, pero que respondemos as características do que se entende por mainstream  feminism, é dicir, un feminismo protagonizado por mulleres brancas, autóctonas, de clase media, heterosexuais, sen discapacidades, etc. É tamén unha chamada de atención sobre como se construíron as axendas feministas, sobre que experiencias, intereses e necesidades figuraron nas demandas dese feminismo erixido como principal. Trátase, en definitiva, de poñer na palestra a un feminismo que beneficiou particularmente a un grupo de mulleres, deixando a outras detrás, pero, á vez, convidándoo a construír un feminismo no que caiban as demandas de todas as mulleres.

 

A adopción dunha perspectiva interseccional no feminismo non é nin moito menos recente. Bastante antes mesmo de que a xurista estadounidense Kimberlé Crenshaw acuñase o termo interseccionalidade en 1989, as feministas negras xa puxeran  de relevo que a opresión sexista non era a única que sufrían, e que as súas experiencias de discriminación e violencia nas que intersectaba o xénero con outras opresións (raza, clase, etc.), facíaas  invisibles. A crítica foi cobrando peso ata o punto de que se deixou de falar de “a muller”, como viña sendo habitual, e empezouse a falar de “mulleres”. Correlativamente, o feminismo foise adxectivando de maneira diversa á tradicional (liberal, radical, socialista, etc.) e empezouse a falar de feminismo negro, feminismo latino, feminismo postcolonial, feminismo islámico, etc.). Iníciase deste xeito un gran reto para o feminismo que, como movemento social, pretende beneficiar ás mulleres en xeral, do que a data e o contido do libro que se mencionou ao comezo desta nota proban que segue sen ser afrontado eficazmente.

 

Unha lentitude parecida dáse tamén no ámbito do Dereito e a cultura xurídica. As cláusulas antidiscriminatorias dos textos internacionais e constitucionais baséanse en factores ou eixos xustapostos de discriminación. Se nos fixamos no noso texto constitucional, o artigo 14, que é o que proclama a prohibición de discriminación, separa os factores mediante comas, é dicir, dando a entender que a discriminación tivese que darse –alternativamente- ou por nacemento, ou por raza, ou por sexo, ou por relixión, etc. E, se nos fixamos nas modernas leis para a igualdade de mulleres e homes, aínda que se fala nelas da “discriminación múltiple” para designar a concorrencia de factores na situación de discriminación de moitas mulleres, esta forma de discriminación non atopa conceptualización na parte dispositiva, onde só están tipificadas como discriminación a directa e indirecta. É comprensible, pois, que boa parte do feminismo se impaciente.

 

Onte mesmo, 5 de marzo, a Comisión Europea lanzou a súa Estratexia para a Igualdade de Xénero durante o quinquenio 2020-2025. Por primeira vez fala nela, e varias veces, de interseccionalidade . Menciónaa expresamente como principio transversal (cros-cutting principle) para facer efectivas as políticas de igualdade de xénero, pero tamén se refire implicitamente a ela cando trata do reto dos estereotipos de xénero, precisando que a miúdo aparecen combinados con outros baseados na orixe étnica ou racial, a relixión, a discapacidade, a idade ou a orientación sexual, reforzando así os seus impactos negativos. Volve referirse explicitamente á interseccionalidade para explicar a infrarrepresentación dalgunhas mulleres no mercado de traballo, confirmando que a interseccionalidade do xénero con outros factores de discriminación será abordada en todas as políticas da Unión Europea. Tamén sinala expresamente que as mulleres constitúen un grupo heteroxéneo e que poden afrontar “discriminación interseccional” con base en diversas características persoais e engade que a Estratexia para a Igualdade de Xénero entrelazarase co próximo Plan de Acción para a Integración e Inclusión e os marcos estratéxicos sobre discapacidade, LGTBI+, a inclusión do pobo xitano e os dereitos da infancia. É máis, as referencias finalizan coa declaración rotunda de que “a perspectiva interseccional informará sempre as políticas de igualdade de xénero”.

 

Dada a importancia que exerce a Unión Europea en materia de igualdade de xénero, con esta Estratexia ábrese, pois, un camiño de esperanza para que nas políticas públicas se vexan reflectidas as experiencias, necesidades e intereses de todas as mulleres, para que a interseccionalidade se inclúa nas lexislacións para a igualdade e, en definitiva, para que todas as mulleres poidan atopar o seu oco no feminismo.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal