SEN MULLERES NON HAI DESENVOLVEMENTO -Propostas á Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible por María Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo

20 Xaneiro, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

A Resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas denominada “Transformar o noso mundo: Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible” (2015) defínese como un plan de acción a prol das persoas, o planeta e a prosperidade, enunciando os tres vértices dun triángulo onde as persoas e os seus dereitos humanos se sitúan no primeiro lugar, e onde o desenvolvemento non se concibe como algo meramente económico senón ao servizo das persoas e para conservar o planeta.

 

“Comprometémonos, díse na Resolución, “a lograr o desenvolvemento sostible nas súas tres dimensións —económica, social e ambientalde forma equilibrada e integrada”.

 

Dentro deste ambicioso plan de acción, un dos alicerces é a igualdade de xénero, expresada na vontade de: protexer os dereitos humanos; promover a igualdade entre os xéneros; e empoderar ás mulleres e ás nenas. En particular, cando incide en que “todas as mulleres e nenas gocen da plena igualdade entre os xéneros e se eliminen todos os obstáculos xurídicos, sociais e económicos que impidan o seu empoderamento”.

 

 

Estratexia dual: Políticas específicas e transversalidade da igualdade

 

Para cumprir esas pretensións, a Axenda 2030 opera mediante unha estratexia dual: contempla á propia igualdade de xénero coma un dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible e propugna impregnar de igualdade de xénero os restantes obxectivos en aplicación da idea de transversalidade da dimensión de xénero.

 

As políticas específicas de igualdade concrétanse no obxectivo 5: “lograr a igualdade de xénero e empoderar a todas as mulleres e as nenas”, con 6 metas: (1) poñer fin a todas as formas de discriminación contra todas as mulleres e as nenas en todo o mundo; (2) eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e as nenas; (3) eliminar todas as prácticas nocivas, como o matrimonio infantil, precoz e forzado e a mutilación xenital feminina; (4) recoñecer e valorar os coidados e o traballo doméstico non remunerados; (5) asegurar a participación plena e efectiva das mulleres a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública; e (6) asegurar o acceso universal á saúde sexual e reprodutiva.

 

A estratexia de transversalidade da igualdade baséase “na consecución da igualdade entre os xéneros e o empoderamento das mulleres e as nenas contribuirá decisivamente ao progreso respecto de todos os obxectivos e metas. Non é posible realizar todo o potencial humano e alcanzar o desenvolvemento sostible si se segue a negar á metade da Humanidade o pleno goce dos seus dereitos humanos e as súas oportunidades”; en conclusión, “a incorporación sistemática dunha perspectiva de xénero na implementación da Axenda é crucial”.

 

Baixo esta perspectiva transversal, as cuestións de xénero e os dereitos das mulleres aparecen expresamente como metas a alcanzar en relación con varios dos obxectivos da Axenda 2030. Sen ánimo exhaustivo, citarei algunhas

metas destacadas:

 

– Obxectivo 4:

“Garantir unha educación inclusiva e equitativa de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe permanente para todos”:

Meta 4.5: “De aquí a 2030, eliminar as disparidades de xénero na educación e asegurar o acceso igualitario a todos os niveis do ensino e a formación profesional para as persoas vulnerables, incluídas as persoas con discapacidade, os pobos indíxenas e os nenos en situacións de vulnerabilidade”.

Meta 4.7: “De aquí a 2030, asegurar que todos os alumnos adquiran os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible, entre outras cousas mediante a educación para (entre outras) a igualdade de xénero”.

 

– Obxectivo 8:

“Promover o crecemento económico sostido, inclusivo e sostible, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todos”:

          Meta 8.5: “De aquí a 2030, lograr o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as mulleres e os homes, incluídos os mozos e as persoas con discapacidade, así como a igualdade de remuneración por traballo de igual valor”.

 

Un asunto pendiente: situar ás mulleres na primeira liña das políticas de reconstrución en situación de desastres coma o Covid-19

 

Doutra banda, aínda que na Axenda 2030 non aparezan expresamente metas relacionadas coa igualdade de xénero para todos e cada un dos obxectivos, a transversalidade obriga a integrar a igualdade en todos os obxectivos e metas. En particular, a pandemia ocasionada polo COVID-19 pon de manifesto que non se contempla a perspectiva de xénero en situacións de desastres nas catro metas onde se fai alusión aos mesmos como “unha disrupción grave do funcionamento dunha comunidade ou sociedade en calquera escala debida a fenómenos perigosos que interaccionan coas condicións de exposición, vulnerabilidade e capacidade, ocasionando perdas e impactos humanos, materiais, económicos e/ou ambientais”.

 

Hai que ter en conta que os desastres propician os retrocesos na igualdade de xénero: poñen ás mulleres, en canto dispensadoras principais de coidados segundo os roles tradicionais de xénero, como coidadoras na primeira liña (front-line caregivers); as consecuencias socioeconómicas dos desastres cébanse especialmente nas mulleres dado o seu menor empoderamento social e económico incrementando as situacións previas de discriminación; os desastres son caldo de cultivo para a violencia de xénero.

 

A pandemia ocasionada polo coronavirus COVID-19, como desastre de alcance mundial, débese afrontar sen que supoña retrocesos no nivel alcanzado de igualdade entre mulleres e homes. Pero con iso non basta: a igualdade de xénero débese integrar dentro do corazón das políticas públicas de reconstrución. As mulleres, que estiveron na primeira liña de loita contra a enfermidade, deben estar tamén na primeira liña no deseño da reconstrución, e participando da súa execución.

 

Por iso, máis que nunca, nestes momentos é necesario volver a vista ás expectativas de futuro que a ONU propuxo para a Humanidade enteira na Axenda 2030, e entre elas focalizar a igualdade plena entre mulleres e homes e o empoderamento das mulleres e as nenas, como un propósito que debe impregnar todos os obxectivos, mesmo cando non existe unha mención expresa.

 

Porque as mulleres non poden ser consideradas como meras espectadoras do cambio. Xunto cos homes, son protagonistas centrais da Axenda 2030: sen mulleres non hai desenvolvemento sostible.

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal