RISCOS E CONTINXENCIAS PROFESIONAIS EN CLAVE DE XÉNERO por Marta Fernández Prieto, Profesora Titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Universidade de Vigo

14 Abril, 2020 falamos de feminismo

 

En termos de xénero apréciase, aínda que de forma algo nesgada, que os homes realizan traballos máis perigosos e están máis expostos aos riscos laborais. Iso é debido a que a seguridade e saúde laboral puxo tradicionalmente o seu foco principal de atención nos accidentes de traballo e relegou a un segundo plano as enfermidades profesionais e as enfermidades relacionadas co traballo. Certamente, as mulleres vense menos afectadas que os homes polos accidentes laborais, pero adoitan estar expostas a riscos laborais que provocan efectos perniciosos sobre a súa saúde, sen obter sempre, a diferenza do que sucede cos accidentes de traballo, a adecuada cobertura  prestacional das continxencias profesionais.

Presumir que as patoloxías son neutras e afectan  homoxeneamente a homes e mulleres significa  minusvalorar a diversidade,  máxime cando a avaliación e identificación dos riscos laborais se realiza conforme a un patrón de traballador típico, home, adulto, con contrato indefinido e a tempo completo. Supón descoñecer as diferenzas anatómicas e fisiolóxicas entre ambos os sexos, así como outros factores asociados a roles e a estereotipos de xénero. E impide ofrecer unha adecuada protección ante riscos que afectan de maior modo ou, simplemente, de forma diferente ás mulleres. A progresiva incorporación ao traballo das mulleres nas últimas décadas, a segregación ocupacional, a  feminización de determinados sectores e traballos e, en particular, a concentración do emprego feminino no sector terciario, son factores que esixen analizar con perspectiva de xénero os riscos laborais e as continxencias profesionais.

Salvo en relación co embarazo e a lactación e quizais co acoso, non existe suficiente conciencia, implicación e compromiso dos poderes públicos para afrontar, cun enfoque transversal e coa sensibilidade necesaria, os problemas de saúde laboral que afectan especificamente as traballadoras. Patoloxías músculo- esqueléticas, problemas crónicos de saúde e problemas relacionados coa dor e a fatiga, como a fibromialxia ou a síndrome de fatiga crónica, son trastornos prevalecentes entre as mulleres, que poden verse producidos ou acrecentados coa realización do traballo e coa dobre carga de traballo doméstico e de coidado á familia. E iso, á marxe doutras doenzas exclusivas das mulleres, como alteracións na  menstruación ou mesmo trastornos crónicos, como a  endometriose, non vinculadas á saúde laboral e difíciles de diagnosticar, pero que poden incapacitar, mesmo con carácter permanente, para o traballo,  sinaladamente en profesións con requirimentos físicos.

A falta de tratamento específico como riscos laborais dalgunhas das doenzas que afectan maiormente as mulleres, dificulta a actividade preventiva, pero tamén, nalgúns casos, o acceso ás prestacións derivadas de continxencias profesionais que deberían corresponderlles, cando o dano á súa saúde se produce con ocasión ou a consecuencia do traballo. Urxe, pois, integrar a perspectiva de xénero na saúde laboral e eludir a neutralidade ou homoxeneidade existente e mal entendida, que encobre, aínda que non intencionalmente, diferenzas de xénero nos patróns de accidentes de traballo e enfermidades profesionais e no acceso e contía das prestacións.

Os riscos  feminizados están, en parte, vinculados á ergonomía e non deterioran a súa saúde de forma inmediata senón lentamente. Existen diferenzas anatómicas, no corpo de homes e mulleres, que inciden en que estas, polas súas propias condicións físicas, estean máis expostas a patoloxías músculo- esqueléticas e  reumáticas, cando os seus traballos requiren posturas forzadas e mantidas no tempo, movementos repetitivos, manipulación de cargas, temperaturas frías, traballo en alturas ou, simplemente, un esforzo físico derivado de posicións estáticas como a  bipedestación prolongada. Esa exposición é elevada nalgúns dos traballos máis  feminizados, como os da limpeza, a atención a persoas dependentes, o traballo en supermercados e comercio en xeral, ou gran parte das actividades con maior presenza feminina nos sectores téxtil, agrario ou pesqueiro.

Pero máis aló das diferenzas físicas, deben terse en conta tamén diferenzas de socialización, de roles e de estereotipos, así como a asunción polas mulleres de tarefas domésticas e de coidado e a súa dobre presenza, no traballo e no fogar. As traballadoras son especialmente proclives a riscos psicosociais, vinculados á  infravaloración do emprego feminino, as dificultades de acceso e permanencia no mercado de traballo, a segregación horizontal e vertical, a maior precariedade laboral ou á deficiente organización do tempo de traballo e de coidado do fogar e a familia. Os empregos do sector terciario, máis  feminizados, están particularmente expostos a esixencias psicolóxicas, falta de autonomía, illamento, perda de estima, trato degradante… Estes riscos asócianse a moi diversos trastornos cardiovasculares, mentais, respiratorios,  gastrointestinal, dermatolóxicos, músculo- esqueléticos,  inmunitarios ou  endócrinos.

A prevención debe, pois, acometerse en clave de xénero para evitar os riscos  eludibles, co acondicionamento dos lugares de traballo, adecuados equipos de protección laboral individual, formación específica… Pero tamén é preciso integrar no cadro de enfermidades profesionais, para a súa adecuada protección, as patoloxías vinculadas ao traballo que realizan as mulleres, principalmente en sectores e actividades  feminizados. Non en balde, existe un forte desequilibrio entre a cobertura como continxencias profesionais de enfermidades ligadas a traballos tradicionalmente masculinos e a obtención de prestacións vinculadas a enfermidade común, para as ligadas a traballos  feminizados. O acceso a estas prestacións esixe requisitos máis rigorosos, que non sempre  cumpren as mulleres, con carreiras de carencia habitualmente máis curtas. A súa contía, así mesmo, é inferior á que a traballadora percibiría se o feito causante da prestación se derivase dun accidente laboral ou unha enfermidade profesional.

Polo demais, tampouco se ten en conta na negociación colectiva o maior impacto de determinados riscos laborais nas mulleres, nin na prevención de riscos nin fronte á protección das continxencias profesionais. En xeral, os convenios colectivos tratan de forma diferente accidentes de traballo e enfermidades profesionais e tenden a excluír ou  minorar a cobertura das melloras voluntarias, a cargo do empresario, cando a prestación deriva dunha enfermidade profesional. Esas cláusulas, aínda formuladas en termos neutros, poden ocultar unha discriminación indirecta por razón de xénero, polo menos cando sitúan ás mulleres en desvantaxe particular con respecto aos homes, que sofren con máis frecuencia accidentes de traballo.

En definitiva, o emprego de patróns supostamente neutros na avaliación dos riscos laborais e na adopción de medidas preventivas ou reactivas dificulta a integración das perspectiva de xénero e a atención  singularizada dos factores biolóxicos e psicosociais diferenciais, que inciden na saúde feminina e que deben ser tomados en consideración para unha protección integral da traballadora. Pero tamén deben visualizarse, con idéntica perspectiva, enfermidades comúns, de alta prevalencia feminina, suxeitas habitualmente, nun contexto  predominantemente patriarcal, a estereotipos sexistas, como a presunta debilidade feminina ou a normalización da dor  menstrual.

 

 

 

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal