Respaldo da institución do Valedor do Pobo ao programa de adopcións especiais da Fundación Meniños

10 Xuño, 2016 Menores, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero, e a directora xeral da Fundación Meniños, Mónica Permuy, presentaron este venres en Santiago o programa de adopcións para nenos e nenas con necesidades especiais que desenvolve a fundación en Galicia. O obxectivo da iniciativa é atopar familias galegas dispostas a adoptar estes nenos para ofrecerlles o ambiente familiar estable e seguro, que non poden ter cos seus pais biolóxicos.

“Hoxe é un día especial para nós”, sinalou Milagros Otero. “Esta é unha función que nos comprace especialmente, e síntome moi honrada como valedora de dar acubillo a esta iniciativa”. A valedora engadiu que “a protección das persoas é o encargo máis importante que ten a nosa institución”, e especialmente, no referente ás “persoas con máis necesidades, xa que son as que teñen menos capacidade para defenderse”. Milagros Otero fixo un chamamento á sociedade galega para que colabore neste programa, amosando a súa confianza en que estea á altura: “Estou segura de que a sociedade galega vai responder a esta petición”,  ao que engadiu que “unha persoa disposta a acoller a un neno na súa casa está moi cerca de ser perfecta. É unha mostra conmovedora de xenerosidade”.

Pola súa parte, Mónica Permuy destacou que actualmente “hai uns 2.000 nenos e nenas tutelados pola Xunta” debido as súas difíciles circunstancias familiares e vitais. Agora mesmo sete rapaces “especiais” están á espera de ter unha familia de adopción, pero non a atopan. Por iso, a directora da Fundación Meniños apelou á “dobre oportunidade” que supón o proceso de adopción. “Para as familias é unha gran oportunidade de vivir o proceso de crianza e de contribuír a mellorar a vida dun neno” e, pola outra banda, “é unha segunda oportunidade para os nenos. Na infancia precísase nutrición emocional para poder medrar. E esta necesidade é maior canto máis vulnerable é o neno ou a nena. As consecuencias do que pasa na infancia revélanse na idade adulta”.

Tanto a valedora como a directora fixeron un chamamento ás familias galegas para que participen na iniciativa. “Necesitamos todo tipo de familias porque cada unha poderá responder mellor ás necesidades de cada caso”. O programa está centrado nos nenos, nenas e adolescentes que se atopan residindo en centros de protección e que presentan necesidades especiais (grupos de tres ou máis irmáns, con discapacidade ou enfermidade, ou que se atopen en circunstancia que dificulte a súa adopción). A Fundación Meniños ofrecerá ás familias voluntarias un amplo sistema de orientación, apoio técnico e asesoramento para que o proceso se desenvolva de xeito satisfactorio. As persoas interesadas en participar poden chamar ao teléfono 981 26 99 55 ou escribir un correo electrónico ao enderezo adopcion.especial.t1@meninos.org.

A Fundación Meniños desenvolve desde o ano 1996 programas de prevención e intervención familiar con nenos, nenas e adolescentes en situacións de risco ou desprotección. Nestes vinte anos, atendeu a máis de 105.000 persoas, en colaboración coas Administracións Públicas e outras entidades. A misión da fundación é garantir que todos os nenos e nenas poidan medrar nun entorno familiar de seguridade e afecto.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal