Edificio sede do Valedor do Pobo

Recomendamos a exención no pago das probas de acceso á universidade para persoas con discapacidade

04 Novembro, 2015 Discapacidade, Institución, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, dirixiu unha recomendación á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) para solicitar o cumprimento das exencións de pago de prezos universitarios para discapacitados. En concreto insta a esta entidade, que representa ás tres universidades galegas, a que corrixa o seu criterio e garanta a exención de pago das probas de acceso á universidade tanto para persoas con diversidade funcional como a vítimas de terrorismo ou violencia de xénero.

A recomendación chega despois de coñecer, por medio dunha queixa, o caso dun alumno  con discapacidade recoñecida dun 37%, ao que se lle negou a exención da matrícula ordinaria para realizar as probas e tivo que asumir o prezo ordinario, superior a 60 euros. Por medio da súa investigación, a valedora puido saber que na actualidade a CIUG, non so non está a asumir as exencións relativas as persoas con diversidade funcional ou discapacidade oficialmente recoñecida, senón que tampouco atende as de persoas vítimas de violencia de xénero ou de terrorismo, a pesar de que están previstas na normativa aplicable.

A valedora do pobo recomenda agora á Comisión Interuniversitaria que con urxencia “corrixa o criterio respecto da non aplicación das exencións previstas para os prezos públicos correspondentes as probas de acceso á universidade e que benefician as persoas con diversidade funcional ou vítimas de violencia de xénero ou terrorismo; e que con carácter particular con urxencia se corrixa o cobro indebido do prezo que tivo que abonar a persoa reclamante”.

A CIUG conta co prazo dun mes para  dar conta á valedoría da aceptación da recomendación e, no seu caso, das medidas que adoptará para facela efectiva.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal