“Quero dicirlle á miña filla todos os días, non só o 11 de febreiro, que se ela quere pode voar tan alto que pode chegar á lúa nunha nave espacial deseñada por ela.” Patricia Iglesias Rey, Letrada no Consello de Contas de Galicia. Coordinadora Galega da Asociación de Mujeres en el Sector público (AMSP)  

11 Febreiro, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

 

A Sentenza do Xulgado Central Contencioso Administrativo nº2 de 21 de xaneiro de 2021  estima que a  científica María De la Fuente Freire sufriu discriminación indirecta por razón de xénero na avaliación  da súa traxectoria científica.

Este artigo escrito para “Falemos de Feminismo” da Valedora do Pobo de Galicia no dia Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, está dedicada á miña gran amiga María de la Fuente Freire, muller, científica e nai.

Sobra dicir que a carreira científica é unha carreira de obstáculos para calquera, pero especialmente para as mulleres. A cuestión non é como tan poucas mulleres conseguen atopar un lugar profesional na ciencia, senón como esas poucas o conseguiron a pesar das enormes dificultades que tiveron que afrontar. As mulleres que o conseguen fano porque son con frecuencia mellores que os seus equivalentes masculinos, e, probablemente, porque traballaron máis horas e fixeron máis sacrificios que eles ao ter que combinar o profesional co persoal. Pero ninguén tería que verse obrigado a elixir entre a vida persoal e o traballo, e as mulleres investigadoras son sometidas a esta disxuntiva todo o tempo. De feito, a principal queixa das mulleres na ciencia é unha e outra vez a absoluta falta de conciliación entre a vida laboral e familiar. Todo parece feito a medida para deixalas atrás.

As desigualdades existentes entre homes e mulleres son particularmente acusadas no sector da investigación. As mulleres van abandonando paulatinamente a carreira profesional, o que se coñece como a tubeira que gotea, e ademais, o acceso aos niveis máis altos da carreira está limitado en base ao ben coñecido “teito de cristal”, definido pola escasa presenza de mulleres que accede a postos de responsabilidade e que ten, como efecto espello, as súas bases nos chamados “cimentos pegañentos” das institucións. A falta de mulleres en comités de avaliación, órganos de decisión, foros de persoas expertas, etc. fai que esta situación de desigualdade, lonxe de corrixirse, se perpetúe.

A carreira investigadora é unha carreira de fondo que presenta moitos obstáculos, principalmente en España e Galicia, debido á precarización do sector, non só en canto a salarios, senón tamén respecto a unha alta temporalidade, de maneira que o persoal investigador encadea contratos temporais, o que leva consigo altas doses de incerteza e inestabilidade. O persoal investigador está suxeito a numerosas avaliacións para poder continuar concatenando contratos e desenvolvendo a súa actividade. O efecto negativo da temporalidade e avaliación continua da actividade investigadora e produción científica para poder desenvolverse profesionalmente, impacta principalmente nas mulleres. A maternidade, xestación, parto e lactación, son a principal causa pola que as mulleres interrompen a súa actividade profesional. Ao facer unha pausa na actividade científica, debido a estas circunstancias, e a consecuente diminución na produtividade durante eses períodos, teñen un impacto directo na súa competitividade e no resultado das avaliacións.

Nas convocatorias en réxime de concorrencia competitiva para a incorporación de persoal investigador a universidades, centros de investigación e institutos de investigación sanitaria, xeralmente inclúense supostos de interrupción, que permiten ampliar o período de tempo para a avaliación de méritos, tipicamente durante un ano por cada fillo.

O problema atópase cando o que se avalía é a produtividade, en convocatorias de continuidade e promoción, ou para optar a financiación (por exemplo para proxectos de investigación ou incorporación de recursos humanos). Entre estas convocatorias, atópanse por exemplo a convocatoria Miguel Servet Tipo II do ISCIII, e a convocatoria para investigadores/as postdoutorais modalidade B da Xunta de Galicia. Avalían a produción científica e o rendemento profesional durante unha primeira etapa, mais non contemplan medidas correctoras para as investigadoras que teñen sido nais e incorrido en interrupcións, acorde aos dereitos laborais vixentes, valorándose ese tempo como tempo traballado, o que se traduce nunha perda de competitividade.

Gustaríame poñer negro sobre branco a gran loita de María de la Fuente a favor da igualdade das mulleres científicas. María, promoveu a campaña #ocientificaomadre, un movemento colectivo que deu lugar a cambios significativos en convocatorias nacionais e á inclusión de medidas no novo Real Decreto-lei de medidas urxentes no ámbito da ciencia, a tecnoloxía, a innovación e a universidade, aprobado polo Consello de Ministros.

María de la Fuente é científica e responsable do Laboratorio de nano-oncoloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Traballa en nanomedicina, na procura de terapias máis efectivas e métodos de diagnóstico avanzados, facendo uso para iso da nanotecnoloxía. Despois de formarse en Galicia, e tras completar a súa formación no estranxeiro, retornou cun contrato financiado pola AECC no ano 2011, e no 2013 establece a Unidade de nano-oncoloxía no Instituto de Investigación Sanitaria De Santiago de Compostela (IDIS) no marco do programa Miguel Servet (ISCIII-SERGAS).

Na actualidade, dirixe a un grupo de máis de 9 persoas e a súa actividade céntrase no desenvolvemento de ideas innovadoras, baseadas na aplicación da nanotecnoloxía, para mellorar o diagnóstico e tratamento do cancro. É investigadora principal de varios proxectos de investigación, autora de artigos científicos publicados en revistas de alto impacto no seu campo de estudo, e inventora de 5 patentes. María é un diamante moi valioso!, que conviría coidar e con moito agarimo. Fun testemuña en primeira persoa do que significou para María regresar á súa terra, supúxolle moitas renuncias a nivel profesional, pero tamén moitas vantaxes ao ter a sorte, non só, de poder traballar no que lle gusta e preto dos seus, senón tamén coa esperanza de poder devolver á sociedade todo o investimento na súa educación e formación, en forma de coñecemento e tecnoloxía. Cando retornou a Galicia, de sobras coñecía as dificultades polas que atravesa aquí a ciencia, incluíndo o gran esforzo que implica lograr financiamento para seguir investigando, xerando e transmitindo coñecemento para o beneficio último da sociedade. Outra das grandes dificultades que se atopou foi a precariedade laboral; os investigadores sanitarios, por exemplo, seguen (sen conseguilo) demandando estabilidade laboral e que se defina a súa carreira profesional, sen deixar lugar á improvisación. As mulleres son sempre as máis prexudicadas neste escenario.

Tras volver a Galicia accedeu ao programa Miguel Servet do Instituto Sanitario Carlos III (ISCIII), para incorporación de investigadores ao Sistema Nacional de Saúde (SNS), no seu caso ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Estes son contratos, para quen non os coñezades, que se obteñen en convocatorias de concorrencia competitiva, e supoñen un gran paso na traxectoria profesional pois lles permiten traballar nunha contorna onde os pacientes están sempre no centro das investigacións, e de xeito conxunto con outros profesionais sanitarios. Achegan ademais independencia científica, ofrecendo a oportunidade de liderar as súas propias liñas de investigación e formar equipos. Tras un primeiro contrato de cinco anos, o seu desempeño profesional é avaliado de novo, para dar continuidade a través dun segundo contrato Miguel Servet Tipo II.

En convocatorias anteriores, a través desta avaliación, clasificábanse en dúas categorías, unha delas considerada de excelencia que é a que tiña María. Foi neste momento, ao ser avaliada polo seu desempeño profesional, cando se topou cunha realidade ata entón descoñecida para ela: estaba a ser discriminada, e penalizada, por ser nai dúas veces durante este primeiro contrato! María tiña que, necesariamente, concorrer á avaliación para acceder ao contrato de continuidade, en condicións de desigualdade manifesta, pois a convocatoria non contemplaba ningún suposto de interrupción, presumindo por tanto que María estivera traballando, e xerando méritos durante estes 13 meses que realmente estivo de baixa maternal.

María padeceu discriminación indirecta por razón de xénero, e viuse obrigada a  xudicializar o seu caso e coma se os astros se xuntaran coa conmemoración do Dia internacional da Muller e a Ciencia, fai dúas semanas notificáronlle que gañara o xuízo logo de  dous anos de loita.

A Sentenza do Xulgado Central Contencioso Administrativo nº 2 de Madrid, de 21 de xaneiro de 2021, incorpora un marco positivo para avanzar en igualdade no ámbito da investigación y e da ciencia. Estima que a científica demandante sufriu discriminación indirecta por razón de xénero, ao concorrer á convocatoria Miguel Servet tipo II, no ano 2017, convocada polo ISCIII, na que se valoraban os méritos logrados durante o contrato Miguel Servet Tipo I previo, de duración de cinco anos, pero na que non se incluían supostos de interrupción, non se aplicaban medidas correctoras, nin, no caso de persoas con contratos prorrogados, se valoraban os méritos que puidesen adquirir durante o tempo engadido.

A sentenza non ofrece lugar a interpretacións xurídicas: produciuse unha diferenza entre aquelas persoas investigadoras que puideron dedicar os cinco anos do seu primeiro contrato a completar os méritos do seu currículo, daqueloutras, como a da demandante, que no mesmo período interrompeu o contrato por razón da súa dobre maternidade.

De forma categórica a sentenza establece que “non se trataba de alterar as bases desta convocatoria, nin alterar o principio de igualdade de trato do resto dos/as candidatos/as, senón de interpretalas de conformidade cos disposto no artigo 8 a) Lei 38/2003, do 17 de nov2embro, novembro, Xeneral de Subvencións, a fin de respectar o principio de igualdade e non discriminación.”

O non facelo así no caso de María, que interrompeu a súa actividade por circunstancias ligadas á súa condición de muller, deu lugar a unha discriminación indirecta por razón de sexo que contempla o artigo 6.2 da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, de Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, que dispón que se considera como tal a situación en que unha disposición, criterio ou práctica, aparentemente neutros, pon a persoas dun sexo en desvantaxe particular con respecto a persoas do outro.

A partires da sentenza do Xulgado Central Contencioso Administrativo nº 2 de Madrid, de 21 de xaneiro de 2021, todos os Organismos de Investigación, estatais ou autonómicos, que realicen avaliacións de traxectorias científicas en réxime de concorrencia competitiva, estarán obrigados pola sentenza, e tamén por decencia pública e pola reputación das institucións públicas, a establecer medidas correctoras en convocatorias de contratos de investigadoras, o que sen dúbida marcará un antes e un despois na loita de xénero a favor das mulleres científicas e nais.

Anímovos a todas e todos os que leades esta entrada a non tolerar condutas que impidan que as mulleres exerzamos libremente as nosas profesións e non nos deixen avanzar e progresar. A denunciar estas condutas publicamente, sen temor a ser xulgadas nin a posibles represalias, e a avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria.

E por último, e xa para concluír, gustaríame facelo cun extracto dun artigo de Rosalía de Castro. Muller, referente, transgresora: “No fondo, con todo, o meu corazón é bo, pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual á miña feitura, e que a súa carne é igual á miña carne. Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”.

—-

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal