Preocupación da valedora ante o incremento de menores de idade nos botellóns rexistrados na comunidade

08 Novembro, 2016 Dereitos, Menores, Novas

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2016. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, quere chamar a atención sobre a necesidade de reforzar a vixilancia dos botellóns que se están a rexistrar na comunidade nas últimas semanas e sobre todo sobre a presenza de menores nestas concentracións.

Non é a primeira vez que a institución actúa ante este problema. De feito a presenza de menores nos botellóns propiciou en 2011 unha gran actuación de oficio ante as sete principais cidades de Galicia. A vixencia da problemática e o seu incremento nas últimas semanas leva a Milagros Otero Parga a lembrar a urxente necesidade de que os poderes públicos tomen conciencia deste problema e adopten medidas para a súa erradicación. En especial, son os concellos, como administración máis próxima, os que deben mostrar unha especial sensibilidade ante este tipo de consumo.

O interese superior do menor, recoñecido na Convención de Nacións Unidas de Dereitos do Neno, esixe que os poderes públicos leven a cabo labores de supervisión para a protección da súa saúde física e mental. Tamén a normativa autonómica prohibe aos menores de idade inxerir bebidas alcohólicas, establecendo un sistema de infraccións e sancións para tratar de asegurar o cumprimento das súas previsións.

A valedora do pobo lembra a relevancia do aspecto educativo que, neste ámbito, deben desenvolver as familias como responsables directas de transmitir ás novas xeracións unha cultura de non tolerancia no consumo de alcohol a idades tan temperás.

A institución do Valedor do Pobo cre necesario reforzar, por outra banda,  o control, a vixilancia e a supervisión por parte das autoridades nas concentracións con motivo dos botellóns que rexurdiron nas últimas semanas en moitos puntos da comunidade.

A valedora lembra a necesidade de aplicar as diversas medidas contempladas na lei 11/2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, tanto as accións educativas e preventivas como as intervencións sancionadoras. Neste sentido, deben facerse controis investigación e sanción especiais aos establecementos de venda de alcohol  ou ás persoas que proveen aos menores destas bebidas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal