POR UNHA RECONSTRUCCIÓN DO MERCADO DE TRABALLO CON PERSPECTIVA DE XÉNERO, por Nora María Martínez Yáñez, Profesora Contratada Doutora (Acreditada a Titular) do Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo

22 Xuño, 2020 falamos de feminismo

Nin nos nosos peores pesadelos poderiamos imaxinar que a rápida extensión mundial dun novo virus ía constituír unha ameaza máis na dura contenda que libramos as mulleres para lograr as mesmas oportunidades que os homes no emprego. Pero os fenómenos naturais, cando se manifestan nas sociedades humanas, adoitan reflectir as desigualdades existentes, brindando quizais outra oportunidade para corrixilas.

A crise sanitaria e económica desencadeada pola COVID-19 causou diversos impactos sobre o emprego feminino, porque a segregación horizontal e vertical que atravesa o noso mercado de traballo produce unha vez máis unha repartición desigual das consecuencias da pandemia.

Sen dúbida, as profesións máis expostas durante o estado de alarma foron as relacionadas co coidado, sanitario e social, das persoas enfermas e vulnerables. Profesións conformadas na súa maioría por mulleres que ocupan postos de traballo intermedios, aqueles que esixen un contacto directo, físico e emocional, cos pacientes e usuarios. Enfermeiras, xerocultoras, auxiliares e coidadoras de persoas maiores son profesións feminizadas, e entre os médicos a porcentaxe de mulleres supera levemente ao de homes. Como se destacou de forma acertada, o traballo infravalorado e invisible do coidado ás persoas vulnerables e da atención sanitaria volveuse non só relevante, senón esencial para todos, e así o recoñeceu a cidadanía a través do seu espontáneo aplauso diario. Pero máis aló dese recoñecemento é preciso reparar en que, ante a falta de medios persoais para a protección da saúde pública, durante o estado de alarma dúas Ordes do Ministerio de Sanidade aínda vixentes autorizaron  xornadas semanais extenuantes para estas traballadoras, permitiuse   a anulación temporal das súas vacacións e permisos, incluídos os de conciliación da vida laboral e familiar, e estableceuse  a súa dispoñibilidade permanente fora do centro de traballo para ser convocadas ante calquera eventualidade. Ademais, en caso de síntomas non confirmados de COVID-19, unha guía do citado Ministerio recomendou a reincorporación ao traballo destes profesionais tras sete días de illamento, se non se rexistrou  febre nos últimos días. Condicións laborais extraordinarias e certamente duras, motivadas pola imperiosa necesidade de protexer a saúde pública e salvar vidas. Pero ao máis alto prezo. Coa exposición dos e das profesionais sociosanitarias a un altísimo risco de contaxio grave e inminente debido á falta de medidas eficaces de prevención de riscos laborais. As cifras publicadas no último informe da Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica son elocuentes: dos 40961 casos de contaxios de persoal sanitario notificados zo 10 de maio, 31351 corresponden a mulleres e 9606 a homes.

A súa conduta foi heroica, pero non son heroínas. Porque se así fóra, a súa heroicidade xustificaría a súa abnegación e a perda da súa saúde entenderíase como un acto voluntario de extrema xenerosidade. Pola contra, son persoas traballadoras, cada unha delas titular dun dereito fundamental á vida e á integridade física, que se concreta nun dereito á protección da súa seguridade e saúde no traballo. Un auténtico respecto e valoración do traballo destas profesionais, na súa gran maioría mulleres, impón aos órganos administrativos e xudiciais o deber de aplicar con rigor a lexislación preventiva, determinando en que casos concorreu unha causa de forza maior capaz de librar  de responsabilidade aos empregadores, tanto públicos como privados, sobre os que pesa o deber legal de protección da saúde das persoas traballadoras. Pero quen coñeza o Dereito de prevención de riscos laborais sabe que o concepto de forza maior é moi estrito, e as obrigacións empresariais de seguridade e saúde, en cambio, moi amplas.

Outro efecto completamente oposto da COVID-19 sobre o emprego feminino foi a inactividade laboral. A aplicación dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), tanto suspensivos como de redución de xornada, logrou conter a destrución de postos de traballo durante o estado de alarma. Os ERTEs aplicáronse sobre todo a aquelas actividades non esenciais que o Decreto 463/2020 obrigou a suspender, resultando especialmente afectados os sectores do comercio, turismo, hostalería e servizos en xeral, onde o índice de emprego feminino é moi apreciable. Segundo datos recollidos polo Foro Económico de Galicia, o 48,7% das persoas traballadoras incluídas en ERTEs en Galicia ao 1 de abril eran mulleres, o que indica un impacto maior deste mecanismo sobre o traballo da muller, xa que a taxa de emprego feminino é inferior a esa porcentaxe. A contía da prestación por desemprego percibida durante o ERTE é aproximadamente dun 70% do salario percibido estando en activo; un salario por regra xeral inferior ao dos homes, de modo que a permanencia prolongada no ERTE contribúe a facer máis profunda a brecha retributiva e de protección social que media entre homes e mulleres. As dificultades na recuperación económica de pequenas e medianas empresas que afrontaron  perdas durante o estado de alarma e que agora se atopan cunha baixa demanda arroxará nos próximos meses situacións de concurso e peches, que no comercio, hostalería e sector servizos poden conducir a unha  notable perda de emprego feminino.

Por último, non hai que esquecer que as medidas de distanciamento social sobrecargaron as familias con responsabilidades de coidado, ao decretarse o peche de garderías, centros educativos e centros de día. Aínda que a Real Decreto-Lei 8/2020 dispuxo diversas medidas de conciliación da vida laboral e familiar, a súa eficacia foi reducida, pois a maior parte das mulleres que conservou o seu emprego permaneceu no seu fogar, ben por mor dun ERTE, ben como resultado da aplicación do teletraballo, dominante en sectores feminizados como a Administración Pública e o sector educativo. Será preciso analizar no futuro como afectou esa sobrecarga de responsabilidades familiares ao emprego feminino, con especial atención ás familias monoparentais, encabezadas na súa maioría por mulleres. Haberá que determinar se serviu para desenvolver unha maior corresponsabilidade, cando os dous proxenitores permaneceron no domicilio, ou se, pola contra, supuxo un reforzo do rol feminino de coidados dentro da familia, sobre todo se, como apuntan os datos, un maior número de homes continuou traballando fora do fogar durante a pandemia. E aínda queda por estimar cantas mulleres perderon os seus empregos entre as máis vulnerables, isto é, traballadoras temporais, empregadas do fogar, pequenas autónomas, etc.

A reconstrución do mercado de traballo non se pode levar a cabo sen unha sólida perspectiva de xénero. É necesario tela en conta no diálogo social, na negociación colectiva sectorial e empresarial, na redacción e actualización dos plans de igualdade e, a nivel público, nas políticas activas de emprego. É vital que a formación para a adquisición de competencias dixitais chegue ás mulleres, posto que as tecnoloxías emerxentes van orientar o mercado de traballo nos próximos anos. Tamén hai que seguir apoiando os proxectos de autoemprego e emprendemento femininos para que poidan xurdir novos liderados. E, ineludiblemente, hai que acometer unha revisión do traballo no sector sanitario e sociosanitario polo dereito á saúde da cidadanía. Non queremos heroes nin heroínas, senón persoas traballadoras e traballo decente. E, ineludiblemente, hai que acometer unha revisión do traballo no sector sanitario e sociosanitario: é preciso enmendar as condicións de traballo e emprego, en particular, os salarios, a dimensión das plantillas, a temporalidade e os termos das contratas. Polo dereito á saúde da cidadanía. E porque non queremos heroes nin heroínas, senón persoas traballadoras e traballo decente.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal