A Xunta de Galicia aceptou unha suxestión da valedoría que permitirá o pleno recoñecemento dos seus dereitos como discapacitadas ás persoas que teñen recoñecida incapacidade laboral pola Seguridade Social.
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2018. A valedoría está satisfeita por poder dar resposta a unha vella demanda achegada por cidadáns declarados incapaces laborais pola Seguridade Social ao se ver privados de poder acreditar a súa discapacidade, a pesares de que a equiparación legal é unha realidade desde hai tempo. Algunhas administracións, especialmente provinciais, condicionaban o seu acceso a determinados beneficios fiscais (como a exención do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica-IVTM) ao non dispor dun documento autonómico válido ante todas as administracións que lles recoñecera un grao de discapacidade mínimo do 33%, aínda que a normativa reguladora dea por bos os expedidos pola Seguridade Social. A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Política Social, vén de aceptar unha suxestión da valedoría ao respecto. Independentemente da valoración obtida, recoñecerá a equiparación e concederá un certificado que afirme os dereitos das persoas con discapacidade por equiparación ante todas as administracións.
Con estas medidas, resultarán beneficiadas as persoas que pidan a valoración da súa discapacidade ante a Xunta de Galicia tendo recoñecida, por parte da Seguridade Social, a incapacidade laboral permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, e as clases pasivas que perciben pensión de xubilación ou por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
A resolución do seu procedemento de discapacidade, que emitirá Política Social, adaptarase deste xeito á regulación estatal (Real Decreto Lexislativo 1/2013). Independentemente de que a valoración obtida poida ser inferior, este departamento igualará o grao de discapacidade das persoas con incapacidade laboral ao 33%. Ademais emitirá un certificado acreditativo dese grao, válido para todos os efectos ante as diferentes administracións.
O espírito da medida non é outro que garantir e facer efectivo o dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade e as persoas declaradas incapaces para o exercicio laboral e evitar a discriminación entre elas contribuíndo a fomentar medidas de acción positivas para compensar as desvantaxes.
Non é a primeira vez que a institución do Valedor do Pobo desenvolve actuacións deste tipo. Aínda que a equiparación destes dous colectivos (discapacitados e incapacitados laborais) xa se fixo efectiva nas principais figuras tributarias (IRPF, imposto de sociedades, IVE…), algunhas deputacións que xestionan tributos locais por delegación eran aínda reticentes a aceptar como documentos acreditativos os emitidos polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS). Desde o ano 2014 a valedoría traballou para que as administracións remisas aplicasen esta equiparación algo que, co compromiso obtido agora da administración autonómica, será unha realidade.
The comments are closed.