A valedora do pobo e o resto dos defensores autonómicos alzan a súa voz ante a grave crise humanitaria dos refuxiados en Europa

02 Febreiro, 2017 Dereitos, Institución, Novas

Xoves, 2 de febreiro de 2017.  Os valedores das comunidades autónomas fixeron pública hoxe en Vitoria unha declaración na que, de forma unánime, mostran a súa consternación ante a gravísima crise humanitaria que afecta os solicitantes de asilo e refuxio en Europa mentres se tramitan con contagotas os procedementos de acollida nos Estados membros da Unión Europea.
Facéndose eco da reivindicación das organizacións sociais e de parte importante da poboación civil das súas respectivas comunidades autónomas, os defensores apelan ás institucións implicadas na xestión desta crise para que se arbitren, sen dilación, medidas destinadas a protexer eficazmente a vida, a integridade, os dereitos e a dignidade de centos de miles de homes, mulleres e nenos, obrigados a fuxir dos seus países de orixe, inmersos en conflitos devastadores, e que son merecedores de protección internacional.

Deploran o escaso cumprimento dos compromisos relativos á recolocación e reasentamento de persoas refuxiadas por parte dos Estados membros da UE e en particular por España, o que impediu que as comunidades puidesen cumprir ata hoxe as súas funcións na acollida das persoas solicitantes de refuxio.
O Valedor do Pobo, o Defensor del Pueblo Andaluz, o Síndic de Greuges de Catalunya, Diputado del Común, Ararteko, o Justicia de Aragón, o Síndic de Greuges de la Comunitat Valenciana , o Procurador del Común de Castilla y León, e o Defensor del Pueblo de Navarra, constatan que a cuestión dos refuxiados é un asunto de ámbito europeo que afecta non só directamente a todos os Estados membros da UE, senón tamén ás comunidades autónomas.

Consideran, ademais, que a excepcionalidade, urxencia e gravidade da crise humanitaria, fan necesario superar o actual sistema de acollida, lento e ineficaz, favorecendo mecanismos de coordinación territorial entre a administración central e as das comunidades autónomas, que posibiliten unha xestión capaz de dar resposta á magnitude do problema.
Para os valedores é indispensable proceder a unha avaliación dos motivos polos que non se puido ofrecer acollida ata agora aos solicitantes de refuxio e de protección subsidiaria humanitaria en Europa, e chaman a deseñar outras estratexias extraordinarias para facer fronte ao cataclismo humanitario ao que se está enfrontando Europa.

Texto íntegro da declaración de Vitoria (2 de febreiro de 2017)

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal