Os monfortinos respaldan á valedora na súa primeira visita á localidade e enchen o salón de plenos do concello

31 Marzo, 2017 Dereitos, Institución, Novas

Milagros Otero Parga tomou nota das queixas que lle trasladaron os veciños e veciñas da localidade. Os principais problemas detectados teñen que ver cos ruídos derivados do ocio nocturno e deficiencias nos recursos humanos do hospital comarcal e nalgúns centros educativos.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2017. A valedora do pobo, Milagros Otero, celebrou onte en Monforte a oitava das súas visitas a concellos de Galicia para manter encontros de contacto directo coa cidadanía. Tras unha visita institucional co alcalde, que se comprometeu a colaborar estreitamente coa institución do Valedor do Pobo na resolución das queixas que competen a este consistorio, Milagros Otero celebrou un encontro coa veciñanza no que lle expuxeron as súas queixas e preocupacións. O salón de plenos da casa do concello quedou pequeno para acoller a unhas setenta persoas que se congregaron para escoitar á valedora do pobo e atopar respostas desta ás súas peticións.

Como resultado desta visita, a valedora iniciou hoxe mesmo a tramitación de 7 novos expedientes de queixa que se sumarán, nos próximos días, a outras iniciativas que os monfortinos anunciaron que achegarían en próximas datas ao rexistro da institución.

O problema que máis alusións suscitou no encontro coa cidadanía foi o relativo aos ruídos e actos de desorde pública que padecen os veciños da Rúa Duquesa de Alba. Residentes nesa rúa trasladaron as súas preocupacións, non descoñecidas pola valedoría, que desde hai anos tramita queixas por contaminación acústica derivadas do ocio nocturno neste punto da localidade. A valedora do pobo amosou a súa confianza en que o novo marco normativo, que habilita aos concellos para executar sancións no caso de incumprimento dos horarios por parte dos locais de hostalería, axudará a mellorar a situación. Ademais informou de que obtivera o compromiso do alcalde de iniciar as actuacións de control. “Confíen en min, porque ata de agora eu nunca os enganei”, díxolles aos veciños congregados que agradeceron a intervención da valedora a este respecto cunha ovación.

Outras das queixas expostas gardan relación con deficiencias no Hospital Comarcal de Monforte. En concreto subliñouse a necesidade de cubrir as vacantes que deixan especialistas que acadan a xubilación que afectan, tal y como manifestaron desde a Plataforma Sanitaria da localidade aos servizos de aparello dixestivo e uroloxía nestes momentos. Outra das demandas nesta área ten que ver coa necesidade de reforzar con máis persoal o servizo de enfermaría e o equipo de auxiliares que atenden ás persoas hospitalizadas, así como mellorar o estado das instalacións que, segundo denunciaron os profesionais, presentan un mal mantemento.

Na xuntanza coa valedora, os monfortinos quixeron denunciar a inexistencia de profesorado especializado en atender a alumnos con déficit de atención e a necesidade de achegar a formación nesta materia aos docentes da localidade.

Outras persoas amosaron o seu descontento co abandono das aldeas, a actividade artesanal, a actualización do catastro, as infraestruturas ferroviarias de Monforte e co transporte ao Hospital de Lugo.

A valedora do pobo tomou boa nota de todas estas cuestións e hoxe mesmo rexistrou os novos expedientes para se dirixir ás administracións afectadas polas diferentes situacións denunciadas, na busca de solucións posibles.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal