Os lancaraos trasladaron á valedora a súa preocupación coa revisión do catastro e a situación do sector gandeiro

20 Xullo, 2017 Institución, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, desprazouse onte a Láncara (Lugo) para coñecer de primeira man os problemas dos residentes nesta localidade. A situación derivada da actualización do catastro e as súas consecuencias no aboamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) por parte dos veciños, centraron gran parte da xornada.

Milagros Otero acudiu a Láncara invitada polo alcalde, Darío Piñeiro, que recentemente mantivo un encontro en Santiago na sede da Valedoría para tramitar unha queixa relativa a problemática que a última revisión do catastro provocou entre a veciñanza de Láncara. Precisamente este foi un dos temas principais da xuntanza mantida pola mañá na Casa do Concello entre os representantes do Valedor do Pobo desprazados a Láncara a membros da Corporación Municipal, do equipo de goberno e da oposición. Tamén pola tarde, no recinto polifuncional do Campo da Feira, os veciños tiveron ocasión de trasladarlle a súa preocupación sobre este tema directamente á valedora do pobo. Milagros Otero tomou nota de cada unha das situacións e comprometeuse a facer xestións coa institución do Defensor del Pueblo con competencias nesta materia para que atenda e comprenda os prexuízos que a actualización do catastro está a provocar na nosa comunidade.

As queixas dos veciños

Na sesión de atención á cidadanía déronse cita unha vintena de veciños de Láncara de doutras localidades próximas. Entre outras demandas, solicitaron a intervención da valedora para mellorar a atención pediátrica na zona e demandar apoio ante a Xunta para o sector gandeiro, tan importante nesta comarca.

En concreto os asistentes denunciaron a inexistencia dun pediatra no Concello de Baralla, onde residen máis de 190 rapaces. Solicitaron a mediación da valedora do pobo para poder dispor alomenos dun especialista dous días por semana.

Persoas afectadas pola actualización do catastro tomaron a palabra para denunciar algunhas irregularidades. En concreto ven excesivas as valoracións dos inmobles no rural e denuncian, entre outros aspectos, a falta de claridade nas comunicacións recibidas. A valedora do pobo asegurou que o próximo luns contactará co Defensor del Pueblo para darlle a coñecer as especificidades e problemas que a revisión do catastro ocasionou nesta zona e noutros puntos de Galicia. Entre os aspectos que abordará atópanse posibles fallos no traballo de campo para detectar as construcións, erros coa atribución das propiedades, as sobrevaloracións dos bens ou a “abusiva” retroactividade do procedemento que obriga a realizar pagos de actualización do imposto de catro anos atrás, coa carga que supón para moitas familias en situación delicada.

Representantes da Asociación Agromuralla que reúne a produtores gandeiros da zona, e outros gandeiros a título persoal, reclamaron melloras para este sector produtivo de gran importancia en Láncara e os concellos veciños. Trasladaron á valedora propostas para mellorar os controis sanitarios nas explotacións ou a concesión de axudas ás granxas. Entre as peticións concretas propoñen que nas análises rutinarias de calidade do leite se poidan gardar mostras de contraste nas explotacións, que lles ofrezan máis garantías no caso de se detectar problemas.

Outros veciños denunciaron situacións problemáticas particulares co rexistro notarial de últimas vontades ou coa ausencia de políticas autonómicas de emprego dirixidas a parados de máis de 50 anos. Tamén se escoitaron queixas sobre o funcionamento do Hospital de Lugo, o Hula, polas excesivas demoras para solicitar cita presencial e mesmo para a realización de determinadas probas de radiodiagnose como mamografías ou resonancias.

A valedora do pobo comprometeu o seu esforzo para interesar os asuntos tratados ante as autoridades responsables de cada unha das políticas afectadas. Varios veciños remitirán nos próximos días as súas queixas a valedora na idea de formalizar a súa tramitación de poder facer o seguimento das mesmas.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal