OS FILLOS MENORES COMO INSTRUMENTO DA VIOLENCIA MACHISTA por Miguel Filgueira Bouza, Maxistrado da Audiencia Provincial  de A Coruña.

07 Abril, 2021 actualidade, falamos de feminismo, Novas, Novas

En cada ámbito profesional parece que existe o costume, se cadra a necesidade, de usar unha terminoloxía específica que resulta moitas veces incomprensible para os estraños, para as persoas alleas.

Tamén sucede no exercicio do dereito penal. Por exemplo, os concursos de delitos que, a pesar de dicirse concursos, só teñen como premio un castigo distinto.

Hainos de distintas clases, agora impórtame un, o  medial, e non como problema teórico, procuro atender máis ben a realidade, senón só para transmitir unha idea. Concurso  medial, prodúcese cando unha persoa comete un delito como instrumento doutro, o primeiro sería só a forma de obter a finalidade buscada, o segundo. Un exemplo sinxelo, falsifícase un documento para cometer unha estafa.

A lóxica das cousas, se lóxica pode haber na comisión de delitos, quizá levase a pensar que o instrumento normalmente debía resultar máis leve que a finalidade, que o primeiro delito, só un medio, debería ser de menor entidade que o principal, o que move a acción. Noutro caso parece que se estaría matando moscas a canonazos, como tantas veces dise.

Pero xorde, moitas veces, a perversión, desde logo cando falamos de violencia de xénero.

Penso en supostos non tan raros. Ese home, chamémolo así, que fai a vida imposible a outro que lle é estraño, por exemplo con chamadas inquietantes, causándolle danos no vehículo, provocando enfrontamentos con el, só porque é o actual noivo, ou parella, da SÚA (posesivo) ex. Ese home, e é o último, capaz de asasinar ao propio fillo, ou fillos, só para facer dano, o que imaxina máximo, á nai, A SÚA (outra vez o posesivo) ex.

E xunto coa perversión, aínda que sexa a máxima  concebible, nace moitas veces o paradoxo.

Porque a finalidade principal dese home tan sutil, se podo dicilo así, como maltratador (isto segundo dígoo convencido) permanece, demasiadas veces, inadvertida,  silente.

Fai, no primeiro exemplo, a vida imposible a un estraño só para  represaliar á súa muller, cando exerce a súa facultade, dereito, de elixir, de decidir. Canto menos, coaccións á muller, pois perturba nesa forma o seu libre desenvolvemento, violencia de xénero. Mata, no segundo, só para facela sufrir, tamén como represalia, e conségueo sen dúbida, delito de lesións psíquicas, violencia de xénero, como toda, pero se cabe aínda máis,  odiosa, simplemente  odiosa.

E resulta que, demasiadas veces, queda inadvertido, sen resposta. O proceso penal cínguese, nos xulgados ordinarios, aos actos protagonizados contra o outro home, a actual parella, á morte dos menores, que tanto adoitamos dicir que son tamén vítimas da violencia de xénero. Con esquecemento do delito principal, esas coaccións á muller, esas lesións á muller, esa violencia de xénero así refinada.

Pois non. En realidade, concurso  medial, dous delitos en franca relación, que, por iso, deben axuizarse conxuntamente, e un, aínda que sexa penado máis levemente, propio, característico, da violencia de xénero, da xurisdición específica da violencia de xénero. Porque seguimos falando, nestes casos e de maneira evidente, de violencia de xénero.

Aínda lembro a impotencia que transmitía unha asesora dun CIM cando me explicaba que non conseguía que unha muller, nai  desprovista do seu fillo nestas maneiras, fóra tratada por especialistas como vítima de violencia.

E non é xusto, simplemente. Queda camiño.

 

 

 

 

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal