Os defensores iberoamericanos reúnense en Tenerife no seu congreso anual sobre “Pobreza, dignidade e dereitos humanos”

22 Novembro, 2016 Dereitos, Institución, Novas

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2016. A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, e o seu adxunto, Pablo Cameselle Martínez, asisten desde hoxe en Tenerife ao encontro anual da Federación Iberoamericana de Ombudsman (FIO). As xornadas permitirán celebrar, por unha banda, o Congreso FIO 2016 que este ano ten por tema “Pobreza, dignidade e dereitos humanos” e, por outra, a  XXI Asamblea xeral ordinaria na que se exporán resultados de varios informes de traballo desenvolvidos polas redes que integran a FIO, así como reformar os estatutos e tratar cuestións relacionadas coa personalidade xurídica da federación e as súas contas.

A institución do Valedor do Pobo é membro de pleno dereito da Federación Iberoamericana. Os encontros anuais que celebra a federación están consolidados como espazos de traballo e intercambio conxunto de experiencias e posturas en relación a problemáticas de moi diversa natureza que afectan a todos os estados representados. Este ano, entre outras cuestións, o congreso tratará aspectos relacionados coa educación inclusiva, o rol dos ombudsman na loita contra a pobreza, ou na creación de cidades inclusivas.

En paralelo ás xornadas, celébranse reunións das 4 redes temáticas da FIO que tamén expoñen as conclusións do seu traballo ante todos os defensores. Trátase da rede sobre migrantes e trata de persoas, nenez e adolescencia, rede de mulleres e de comunicadores de defensorías.

Coa sua presenza, a valedora apoia a función da Federación coa intención de divulgar as conclusións e documentos resultantes do encontro.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal