Os defensores do pobo reafirman en Santiago o seu papel fundamental para garantir a transparencia da información pública

04 Outubro, 2017 Institución, Novas, Transparencia

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2017. Defensores do pobo de toda España reuníronse os días 3 e 4 de outubro no Parlamento de Galicia con motivo da celebración das XXXII Xornadas de Coordinación. A institución do Valedor do Pobo foi a encargada de organizar o encontro anual que foi clausurado hoxe mesmo por parte do defensor do pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán.

Durante as xornadas destacouse o imprescindible papel destas institucións en favor da transparencia da información pública, como garantes do cumprimento dos dereitos á boa administración e ao acceso á información pública. As defensorías reafirmaron a necesidade de traballar para potenciar a cultura da transparencia desde os seus respectivos ámbitos.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, foi o encargado de inaugurar as xornadas, acompañado do defensor do pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán e da valedora do pobo, Milagros Otero Parga. O máximo responsable da Cámara galega afirmou na apertura das sesións de traballo que sobre os servidores públicos recae “un especial deber de exemplaridade no comportamento”, pero tamén “unha obrigación de cumprir e facer cumprir a Constitución e todas as leis” que dela se derivan.

As xornadas celebráronse no Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia. Durante dous días, representantes das valedorías de toda España analizaron a importancia da transparencia como elemento para o exercicio de dereitos así como o papel protagonista dos defensores nesta materia.

Con motivo da presenza de todos os defensores en Santiago, na tarde do día 3 desprazáronse ata A Merca, localidade da provincia de Ourense, para render homenaxe a Miguel Ángel Branco, o concelleiro asasinado por ETA hai 20 anos cuxos restos repousan no seu camposanto.

As xornadas de coordinación de defensores celébranse por estas datas desde hai 32 anos. Trátase dunha das citas máis relevantes no ámbito das defensorías do pobo, que seguen un sistema de quendas para a súa organización.

Ademais da institución do Defensor do Pobo, existen na actualidade outras 9 institucións autonómicas, todas elas representadas nas xornadas: Andalucía, Cataluña, Galicia, Canarias, País Vasco, Aragón, Comunidade Valenciana, Castela e León e Navarra.

Conclusións das xornadas

Primeira.- Os defensores do pobo consideran que as defensorías son institucións garantistas xeneralistas concibidas para a protección de todos os dereitos, incluídos o dereito a unha boa administración, á participación da cidadanía nos asuntos públicos e ao seu prerrequisito, o acceso á información pública. Por este motivo, constitúen institucións idóneas e imprescindibles para asumir e exercer as funcións de control da eficacia destes dereitos, así como de promoción e divulgación da cultura da transparencia.

Segunda.- España debe ratificar o Convenio do Consello de Europa sobre o Acceso aos Documentos Públicos de 2009. Resulta urxente a aprobación do Regulamento de desenvolvemento da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, ao amparo do disposto na súa disposición final sétima.

Terceira.- O dereito de acceso á información pública debe ser recoñecido como un dereito fundamental e, en todo caso, como un dereito autónomo dotado dunha protección xurídica efectiva e adecuada a través de medios e instrumentos rápidos, áxiles e eficaces.

Cuarta.- A amplitude e indeterminación dos límites ao dereito de acceso e das causas de inadmisión das solicitudes recollidas legalmente poden supoñer un risco para a efectividade daquel, polo que é necesaria unha redución ou, cando menos, unha maior concreción duns e outras. En todo caso, a súa interpretación debe ser sempre restritiva.

Quinta.- As entidades privadas prestadoras de servizos de interese xeral e os concesionarios de servizos públicos deberían quedar suxeitos á normativa de transparencia en todo aquilo que sexa relevante para a prestación do servizo. Esta información non só debe proporcionarse de forma indirecta, previo requirimento da Administración na forma prevista no art. 4 da Lei 19/2013, senón tamén directamente pola propia entidade privada a través da publicidade activa e da resolución das solicitudes de acceso á información que reciban relativas ao servizo prestado.

Sexta.- Coa finalidade de reforzar o dereito de acceso á información dos cidadáns, considérase que o silencio administrativo no seu exercicio ante a Administración debería ser sempre positivo, aínda coas limitacións que iso ten ante unha inactividade material.

Sétima.- A disposición adicional primeira da Lei estatal de transparencia está a xerar moita confusión na súa aplicación. Consideramos que esta disposición debería modificarse para que esta Lei se aplique non só de forma supletoria, senón plena, en todas aquelas materias e procedementos que teñan unha normativa específica de acceso á información pública, salvo que esta resulte máis favorable para o cidadán.

Oitava.- O Consejo de Transparencia y Buen Gobierno e o resto de institucións autonómicas de nova creación con competencia para resolver as reclamacións en materia de acceso á información pública deben ter a facultade de impoñer multas coercitivas para lograr o cumprimento efectivo das súas resolucións por parte da Administración.

Novena.- A Lei estatal de transparencia non modificou a Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. É necesario que se reforme canto antes esta última Lei, considerando a longa duración dos procedementos e o elevado dos seus custos (taxa para persoas xurídicas, avogado, procurador e posible condena en costas se se perde o litixio), mesmo no procedemento especial de protección de dereitos fundamentais cando é exercido por cargos electos.

Décima.- Os defensores do pobo poden intervir sempre para tentar lograr o cumprimento efectivo por parte da Administración pública das resolucións estimatorias das reclamacións ditadas polas institucións ou órganos administrativos de control da transparencia. Tamén poden intervir, nas comunidades autónomas nas que o silencio é positivo, para procurar que as administracións cumpran as resolucións estimatorias presuntas de acceso á información.

Undécima.- Os defensores do pobo non están vinculados polos criterios de interpretación das leis de transparencia fixados ou aprobados con carácter xeral por estas institucións ou órganos administrativos de control.

Duodécima.- As institucións ou órganos administrativos de control de transparencia están obrigados a colaborar cos defensores do pobo e a facilitar toda a información requirida, así como a comunicar as súas resolucións ao defensor do pobo correspondente cando así se prevexa.

Décimo terceira.- Os defensores do pobo coñecerán das queixas ou reclamacións presentadas polo mal funcionamento das institucións ou órganos administrativos de control da transparencia e, no seu caso, das recibidas en relación coas resolucións adoptadas por estas.

Décimo cuarta.- Tamén o control da publicidade activa debe ser un obxectivo da intervención supervisora das defensorías no ámbito da transparencia, tratando de garantir non só que se publique a información esixida pola normativa, senón tamén que esta publicación responda as características previstas nas leis, entre as que se atopa o seu carácter reutilizable e accesible para as persoas con discapacidade.

Pola súa banda, todas as institucións ou órganos administrativos de control deben ter recoñecidas competencias específicas para actuar, de oficio ou previa denuncia, ante calquera incumprimento das obrigacións de publicidade activa; este incumprimento debe estar tipificado como infracción e aqueles organismos de control deben atoparse facultados para a tramitación e imposición de sancións.

Décimo quinta.- É necesario establecer un marco legal básico das relacións dos grupos de interese cos diferentes niveis da Administración, garantindo un  desenvolvemento normalizado das mesmas, así como o seu coñecemento pola cidadanía.

DOCUMENTACIÓN RELACIONADA

Documento íntegro de conclusións das XXXII Xornadas de Coordinación de Defensores do Pobo. Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2017

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal