Pablo Cameselle Martínez (Vigo, 1975) tomou posesión este luns, 5 de outubro, como adxunto da Valedora do Pobo, nun acto institucional que se celebrou na biblioteca da institución. O acto estivo presidido pola Valedora do Pobo, Milagros Otero, que oficializou o seu nomeamento o pasado 30 de setembro por medio dunha resolución na que amosou a súa conformidade coa proposta realizada doce días antes pola Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia.
Durante o curso do acto, o novo adxunto á Valedora asumiu o seu cargo ante a Constitución, o Estatuto de Autonomía e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Entre o público atopábanse, aparte de os traballadores do alto comisionado parlamentario, representantes dos grupos parlamentarios, deputados, familiares e amigos.
Apuntes biográficos
O novo adxunto da Valedora do Pobo é Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía. Está vencellado dende moi novo a organizacións xuvenís e de voluntariado e foi responsable de relacións internacionais do Consello da Xuventude de Galicia e de Relacións Europeas do Consello da Xuventude de España. Grazas á súa experiencia nestes órganos participou de xeito activo en numerosas iniciativas como organizador de festivais mundiais da xuventude, o Foro pola Paz en Oriente Próximo ou o cumio de xoves líderes da rexión Euro- Asiática. Foi ademais Relator para o Banco Mundial da Conferencia Youth, Peace and Development celebrada en Saraxevo en 2004.
Cameselle iniciou a súa carreira profesional no Consello de Europa (Centro Europeo para Interdependencia e a Solidariedade Global), organización internacional cuxos obxectivos son a promoción da democracia, os dereitos humanos e o imperio da lei.
De 2004 a 2007, foi coordinador da Unidade de Cooperación Global e Sistema de Nacións Unidas do European Youth Forum, plataforma europea de organizacións con sede en Bruxelas.
Entre 2007 e 2011 foi o responsable de proxectos europeos na Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, asociación de municipios de Vigo e a súa área metropolitana.
En 2011 e ata o momento actual ocupou a dirección da Fundación Vigo Convention Bureau, responsable da promoción da cidade olívica como sede de celebración de eventos e congresos e a promoción deste enclave como destino turístico.
Consumado políglota, ademais do galego e do castelán, Pablo Cameselle fala inglés, portugués e francés.
The comments are closed.