Edificio sede do Valedor do Pobo

O Valedor solicita aos donos de coleccións fotográficas sobre a Ribeira Sacra a súa contribución para documentar a pegada audiovisual da rexión ante a Unesco

11 Marzo, 2015 Institución, Medioambiente, Novas

O Valedor do Pobo apela á colaboración cidadán para configurar a maior base de datos sobre a pegada audiovisual da Ribeira Sacra ao longo da historia. Estas referencias de coleccións privadas ou particulares, tanto en vídeo como fotografía, incorporaranse ao documento técnico que coordina a institución como base da candidatura da rexión a ser declarada Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco. Os interesados só teñen que dirixir un correo electrónico a biblioteca@valedordopobo.gal onde se lle darán as instrucións para poder incorporar as súas referencias e as características das coleccións á base de datos en elaboración.

O alto comisionado parlamentario xa dirixiu cadanseu escrito aos directores da Televisión de Galicia e da Televisión Española para poder incorporar a esa base de datos imaxes históricas sobre as primeiras testemuñas gráficas e audiovisuais existentes. A convocatoria está aberta a particulares, fotoxornalistas, aos principais diarios da comunidade, concellos e mesmo entidades de carácter privado.

O Valedor do Pobo asinou, o 18 de xullo de 2014, un convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Lugo e a Deputación Provincial de Ourense para a consecución do recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.

Neste convenio manifesta o seu compromiso de elaborar un informe técnico de posta en valor da Ribeira Sacra en Ourense e Lugo, da man dun grupo multidisciplinar de expertos, e asume as obrigas de coordinar e dirixir os traballos técnicos que permitirán configurar a candidatura ante a Unesco. De acordo coas especificacións técnicas da Unesco, cómpre xerar unha base de datos da pegada audiovisual da Ribeira Sacra desde as súas primeiras testemuñas gráficas e audiovisuais, traballo que suporá un extraordinario interese a estes efectos.

 

O propósito principal consiste en documentar as gravacións audiovisuais de valor existentes referentes ao patrimonio natural, patrimonio artístico, patrimonio cultural e agricultura. Non se precisa copia dos arquivos audiovisuais senón unicamente a súa descrición e referencias acerca das datas, ubicación física ou, no seu caso, a dirección web onde estea aloxado o contido, no caso de fontes accesibles.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal