O Valedor renova o seu convenio co IGVS e amplía o seu contido para asistir a persoas en risco de perder a vivenda por impago do alugueiro

06 Setembro, 2016 Exclusión social, Institución, Novas

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga,  e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinaron hoxe nas dependencias do Valedor do Pobo un novo acordo de colaboración para mellorar a información e asistencia a persoas afectadas por execucións hipotecarias ou por desafiuzamento por impago das rendas de alugueiro.

O convenio vén revalidar os compromisos adquiridos hai un ano para mellorar a comunicación entre ambas as dúas institucións en relación a persoas afectadas pola perda da vivenda habitual. O obxectivo é dobre: por unha parte mellorar a atención e a información sobre os seus dereitos e sobre as medidas que a administración pon ao seu dispor e, por outra banda, dar resposta áxil ás demandas dos afectados por estes procedementos, moitas delas chegadas á institución do Valedor do Pobo.

Como unha das novidades, o convenio amplía a súa cobertura aos galegos e galegas afectadas por desafiuzamento por impago de alugueiro. O novo texto garante, por outra banda, o seguimento de cada un dos casos coñecidos pola institución do Valedor do Pobo e trasladados ao departamento da Xunta de Galicia. Deste xeito, unha vez feitas as valoracións para o encaixe das persoas afectadas nalgún dos programas activos en materia de vivenda e de informar aos afectados das súas posibilidades, o Instituto Galego de Vivenda comprométese a remitir unha memoria do actuado á valedoría.

Durante o ano 2015 e 2016 recibíronse ante a institución do Valedor do Pobo unha trintena de queixas por desafiuzamento, que supuxo un incremento significativo respecto ao ano 2014. A maioría delas son relativas a desafiuzamentos da vivenda habitual por procedementos de execución hipotecarias aínda que nos últimos meses detectouse un incremento das motivadas pola falla de pagamento das rendas.

A vixencia desta problemática leva á valedoría do pobo e ao IGVS a seguir a colaborar nesta materia mediante a sinatura do convenio coa única función de asegurar a efectividade do dereito.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal