O Valedor reforza o seu compromiso coa transparencia e publica na súa web todas as recomendacións dirixidas ás administracións que supervisa

19 Maio, 2015 Institución, Novas, Transparencia

O Valedor do Pobo presenta un novo avance no seu compromiso coa transparencia e estrea sección na súa páxina web (www.valedordopobo.gal | www.valedordopobo.gal) na que da publicidade a todas as recomendacións e suxestións dirixidas ás administracións galegas. As resolucións que o Valedor do Pobo adoita enviar a diferentes órganos da administración da comunidade galega estarán a dispor de todos os interesados unha semana despois de ser remitidas aos responsables públicos. Por medio das mesmas, o alto comisionado parlamentario insta aos poderes públicos a emprender medidas correctoras de determinadas políticas públicas que, ao seu criterio, non resultan aplicadas de xeito apropiado.

Coa publicación das resolucións, o Valedor do Pobo reforza os mecanismos de publicidade que se lles outorga xa neste momento por medio da publicación nos informes anuais sucesivos e co seu traslado aos medios de comunicación. Ademais este mecanismo pretende actuar de modo disuasorio ante os órganos das diferentes administracións supervisadas. Increméntase a esixencia ante os entes públicos de carácter local, provincial ou autonómico, nun primeiro termo, para que respondan con maior celeridade ás mesmas, e, nun segundo, para que o fagan de xeito exemplar, conscientes de que todos os galegos terán acceso ás súas decisións.

Os cidadáns, pola súa banda, accederán por medio desta canle a todas as recomendacións relevantes emanadas do alto comisionado parlamentario. Coñecerán así en detalle as medidas correctoras impulsadas polo Valedor do Pobo ao respecto dos problemas expostos, e mesmo poden utilizalas nas súas relacións coa administración.
As resolucións correspondentes ao presente exercicio aparecen organizadas por categorías, para facilitar a súa localización. As mesmas poden ser descargadas en formato imprimible e de fácil comprensión. Con este sistema, o Valedor do Pobo aspira a mellorar as prácticas da administración e gañar axilidade na tramitación das queixas e na súa resolución.

Seguimento da tramitación

A institución do Valedor do Pobo, por outra banda, xa traballa nun sistema que permitirá aos cidadáns que presenten as súas queixas por medios telemáticos facer un seguimento en tempo real da tramitación das mesmas. Esta ferramenta, que se atopa en fase de probas, garantirá unha total relación de transparencia entre o Valedor e os reclamantes. Estes poderán coñecer en todo momento o estado de tramitación da queixa ou queixas que teñan presentado ante o alto comisionado parlamentario, por medio da creación dun sinxelo perfil de reclamante. Este ferramenta tamén resultará especialmente útil para axilizar a tramitación dos expedientes e para que os cidadáns coñezan o tempo que empregan as administracións supervisadas nas súas respostas e o número de veces que se lles ten que requirir informe.

Desde hai anos o Valedor do Pobo mantén un compromiso para coa tramitación electrónica que permita simplificar os procedementos. Á plena adopción dun sistema de firma electrónica utilizado polo titular da defensoría sumarase nos próximos meses a eliminación das comunicacións en papel coa administración autonómica e parte das entidades locais.

Todas as recomendacións:

https://www.valedordopobo.gal/conece-as-nosas-recomendacions/

https://www.valedordopobo.gal/conece-as-nosas-recomendacions/

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal