O Valedor pide aos poderes públicos que visibilicen aos menores como vítimas de violencia de xénero

01 Xullo, 2015 Dereitos, Novas, Violencia de xénero

O Valedor do Pobo asinou en Vitoria unha declaración institucional en relación á “execrábel” vulneración dos dereitos humanos que, aínda hoxe, constitúe a violencia de xénero. Esta comunicación, na que se incide en especial na necesidade de que os poderes públicos atendan as necesidades dos menores que son vítimas da violencia de xénero, é consecuencia dunha xuntanza celebrada en Vitoria da rexión europea da Rede de Mulleres da Federación Iberoamericana de Ombudsman da que forma parte a institución galega.

“A violencia de xénero continúa sendo unha lacra execrábel na nosa sociedade, que dá lugar á violación sistemática dos dereitos inalienables das mulleres, en especial do dereito á vida e integridade física e moral, e do dereito á dignidade”, recolle literalmente a declaración na que se apunta que a causa desta vulneración dos dereitos humanos das mulleres “é a desigualdade estrutural entre homes e mulleres e o fondo e persistente arraigo cultural da ideoloxía sexista, cuxa erradicación debe ser un obxectivo prioritario e urxente para todos os poderes públicos”.

Falla a detección
O documento reflicte algúns datos recolleitos polos distintos observatorios dos que se desprende que aínda existe no noso entorno unha gran debilidade na detección das situacións de violencia de xénero. Ata nos casos máis graves, só un 20 % deles en España (datos de 2013) foi denunciado previamente e unicamente nun 15 % se activaron medidas cautelares. Nin a sociedade foi capaz de velos, nin as vítimas acudiron a servizo algún en demanda de apoio.

“Unha eficaz intervención require dun adecuado diagnóstico da realidade á que se ten que dar resposta, un diagnóstico que permita o seguimento da situación ao longo do tempo, o que implica un sistema de indicadores pertinentes e acoutados ao obxecto do estudo, comparables, actualizados e avaliados con carácter periódico”. Con este obxectivo, os defensores recomendan “redobrar” os esforzos orientados á configuración dun sistema de indicadores de ámbito europeo.

Menores como vítimas
A invisibilización da situación na que se atopan os nenos, nenas e adolescentes expostos á violencia de xénero, fai indispensable, segundo o criterio dos comisionados, poñer en marcha medidas específicas para a atención das súas necesidades; tanto desde o plano legal e normativo, ata o deseño dos servizos de atención, como vítimas directas da violencia de xénero. “A súa protección e atención debe abordarse desde unha perspectiva de dereitos da infancia, xa que a exposición á violencia de xénero supón unha vulneración dos seus dereitos e ten graves consecuencias no seu desenvolvemento”, apuntan.

A declaración foi asinada polo Valedor do Pobo, o Defensor del Pueblo, o Provedor de Justiça portugués e os defensores autonómicos de Castela León, Navarra, Comunidade Valenciana, Canarias e País Vasco. Todos eles participaron o pasado 26 de xuño nun encontro de membros da rexión europea da Rede de Muller da FIO onde debateron acerca da resposta institucional ás situacións de violencia de xénero e as debilidades e fortalezas no noso sistema de protección ante a mesma tanto en España como en Portugal.

Igualdade na escola
Entre outras conclusións, os participantes constataron a necesidade de reforzo das políticas de igualdade e cultura social igualitaria e avanzar no deseño dun modelo de “coeducación” que permita eliminar desde o ámbito educativo a separación de roles entre mozos e mozas desde á formación e o respecto á diversidade. Cren preciso, por outra banda, establecer unha rede de “sensores sociais” para a detección temperá de casos de violencia, comezando pola administración municipal, a máis próxima á cidadanía.

Outras das carencias detectadas garda relación coa atención a mulleres vítimas en situación de maior vulnerabilidade como poden ser as mulleres maiores, inmigrantes ou con discapacidade.

As xornadas prestaron especial atención aos menores como vítimas da violencia de xénero. Os comisionados de defensa de dereitos humanos reunidos en Vitoria perciben os recursos como insuficientes e pouco centrados nas súas necesidades específicas. Ven necesario reforzar a atención psicolóxica especializada que permita identificar e superar o dano sufrido, entre outras cuestións: “Débense adoptar todas as medidas necesarias para garantir o exercicio das nenas, nenos e adolescentes do seu dereito a ser escoitados e participar na toma de decisións que lles afecten”.

The comments are closed.


GABINETE DE COMUNICACIÓN

Rúa do Hórreo, 65
15700 Santiago de Compostela
A Coruña
Teléfono [+34] 981 56 97 40
FAX [+34] 981 57 23 35

comunicacion@valedordopobo.gal