O Valedor do Pobo abriu unha queixa de oficio ante a situación de non potabilidade que afecta á auga dos servizos municipais dos concellos de Ferrolterra. Con data de hoxe dirixiu escritos para pedir informe ás alcaldías de Ferrol, Fene, Ares, Mugardos e Narón, todos eles municipios onde se suspendeu o consumo da auga debido á presenza na mesma de produtos químicos nocivos para a saúde.
O alto comisionado parlamentario insta ás autoridades locais afectadas a que informen acerca da situación. En concreto quere coñecer as causas polas que a empresa concesionaria non detectou nin corrixiu a situación con anterioridade. A presenza de produtos químicos na auga propiciou unha prohibición expresa de consumo e utilización na fervenza para a preparación de alimentos, algo que preocupa ao Valedor do Pobo, ao estarse vendo afectado un servizo público necesario.
Preocupa tamén ao defensor dos galegos a desprovisión de auga embotellada nos comercios da zona, que permita cubrir a demanda da cidadanía, mentres non se dea unha solución e se melloren as condicións de salubridade no servizo. Neste sentido, insta aos responsables municipais que detallen as medidas provisionais que prevén activar para abastecer aos veciños afectados e valores a súa adecuación ante a gravidade da situación.
Por último, o Valedor do Pobo interpela aos concellos acerca do sistema co que pretenden compensar aos usuarios todos os trastornos ocasionados e que esixencias dirixirán á firma concesionaria para compensar os prexuízos derivados da situación.
The comments are closed.